A Xerencia da Área de Santiago impide a mobilidade interna de categorías como traballo social, logopedia ou anatomía patolóxica
A CIG-Saúde de Compostela vén de denunciar a non execución por parte da Xerencia do proceso de mobilidade interna para as categorías de Traballo Social, Logopedia e Técnico/a Superior en Anatomía Patolóxica.
A CIG-Saúde lembra que o proceso de mobilidade interna é un dereito das traballadoras e traballadores que posibilita a mobilidade entre os diferentes postos de traballo dos Hospitais do Complexo Hospitalario. “Supón unha mellora de retribucións económicas, desenvolvemento profesional ou mellora de condicións de traballo, garantindo os principios de igualdade mérito e capacidade de conformidade e o previsto nas bases de mobilidade interna da área sanitaria”, explica.
Denuncia que, porén, a Xerencia da Área Sanitaria de Compostela nunca levou a cabo ningún proceso de traslado interno para as categorías de Traballo Social, Logopedia e Técnico/a Superior de Anatomía Patolóxica.
A este respecto explica que en outubro de 2022 iníciase unha convocatoria para o Persoal Técnico de Anatomía Patolóxica permitindo facer a solicitude de participación no proceso, “pero sen chegar nunca unha resolución da mesma”.
Contra as Instrucións de Recursos Humanos
A CIG-Saúde de Compostela sinala que no último proceso de concurso-oposición da categoría de traballo social, con resolución no último trimestre do 2023, a Área Sanitaria de Santiago de Compostela “actuou en contra das Instrucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos sobre as incorporacións e cesamentos de persoal como consecuencia da finalización de procesos selectivos, impedindo o dereito de elección dos distintos postos de traballo nun acto de elección público”. Impedimento que se baseo, segundo a CIG-Saúde en que no prazo dun mes o proceso de traslado interno estaría resolto para esta categoría profesional.
“Pasados xa tres meses, a día de hoxe a Xerencia non avanzou no proceso, impedindo unha vez máis dereitos fundamentais das traballadoras desta área sanitaria”.
Falta de transparencia
Xunto a isto, a CIG-Saúde denuncia tamén a “falta de información e transparencia” da Xerencia e Dirección á hora de definir os postos de traballo nos diferentes servizos: as súas funcións, tarefas ou axendas de traballo, ademais da lentitude na falta de novas convocatorias para o proceso de mobilidade interna no resto de categorías profesionais.
“Preocúpanos a falta de interese en que exista organización nos servizos do hospital, segundo o seu plan funcional, onde exista orde, claridade e certeza na configuración dos postos de traballo, o que demostra a falta de criterio unificado e do traballo organizado conxunto”, conclúen.