A xefatura do CTA de Lavacolla denega sistematicamente as solicitudes de días de asuntos propios por falta de persoal
A CIG-Correos critica que a xefatura do CTA de Lavacolla estalle a denegar de maneira sistemática ás traballadoras e traballadores deste centro as solicitude dos día de asuntos propios porque "falta persoal". Estes empregados e empregadas teñen dereito ao goce de seis días cada ano natural por asuntos particulares e de oito días cando o 24 e o 31 de decembro coinciden en sábados ou festivos, como é o caso deste 2023.
O convenio colectivo recolle que antes do inicio do período vacacional (xullo-agosto-setembro) procurarase ter gozado do 50% dos días de permiso e o resto tenderase a collelos antes de fin de ano, tendo en conta as especificidades propias da campaña do nadal. Textualmente neste punto di: “tenderase a unha programación mensual do goce dos referidos días, co obxecto de conciliar a actividade produtiva co dereito a estes días”.
Porén, apunta a CIG-Correos, unha gran maioría do persoal non puido facer uso deles no que levamos de ano, xa que tiveron lugar dúas campañas electorais coas que a empresa xustificou denegar estes permisos.
Agora, en pleno verán, a política de “contratación cero” que está a levar a cabo a empresa parece ser o motivo polo que desde a xefatura do centro se están a rexeitar as solicitudes case de maneira sistemática. "A falta de persoal está a ser o argumento no que se amparan para negar incluso días que se solicitan con varios meses de antelación", denuncia o sector de Correos da CIG.
Tendo en conta que o persoal vén de estar traballando horas e/ou xornadas extras, días festivos (voluntarios ou obrigatorios), con pouco persoal de reforzo e con gran carga de traballo ao longo destes últimos meses, "entendemos que este dereito non se pode secuestrar". Por iso, reclámanlle a Correos que realice as contratacións necesarias para cubrir as vacacións, baixas e permisos que teñan lugar e conceder os días de asuntos particulares con normalidade.
"Acontece ademais que os xefes de quenda manifestan que 'non se poden pedir', que 'só en casos de forza maior' etc., dando case a entender que os días de asuntos propios os conceden como se foran un favor persoal e non un dereito", critican. A este respecto, a CIG lémbralle ao cadro de persoal que debe facer a solicitude por escrito e "que deben recibir por escrito tamén a desestimación ben argumentada por parte da empresa".
A CIG-Correos entende que este é un novo episodio na campaña de "secuestro de dereitos" neste centro de traballo, xa que no mes de maio a central sindical tivo que acudir ao delegado do Goberno para denunciar que as xefaturas do CTA de Lavacolla denegaban as horas de descanso ao persoal que formaba parte dunha mesa electoral.