A volta á austeridade

Antoni Soy - 17 Abr 2024

Estamos ante un novo ataque ao estado do benestar, que favorece sobre todo ao traballo e as clases populares e, simultaneamente, á emerxencia explícita dun estado protector (como algúns o denominaron) das empresas e do seu capital

 En moitos países desenvolvidos europeos —Francia, Italia, Alemaña, Reino Unido— volven as políticas da austeridade. Sen dúbida, o retorno do Pacto de Estabilidade da Unión Europea, reformado, pero nun sentido máis austero,  ten algo que ver (empecemos a nos preparar no Estado español!). Pero, outros países como a Arxentina de Milei, Turquía, etcétera, tamén comezaron a facer políticas de austeridade. Isto, nun momento de desaceleración do crecemento mundial, prevista tanto polos principais organismos económicos internacionais como polos think tanks privados. Unha situación que, coa excepción dos Estados Unidos (de momento), afectará particularmente as economías dos países avanzados.

 Mais a diferenza da austeridade que viviramos anteriormente, agora vai acompañada dun apoio público, importante e moi xeneralizado, ás economías e, máis en concreto, ás empresas. Por unha banda, hai recortes orzamentarios nas partidas correspondentes ao estado do benestar (sanidade, educación, servizos sociais e de coidados, vivenda…), pero, ao mesmo tempo están a aumentar espectacularmente os gastos militares, por unha banda, e as subvencións públicas ás empresas, da outra. Pensemos nos EUA, China, Rusia, os países da OTAN, etcétera.

 Como explica moi ben Romaric Godin nun artigo recente: os novos réximes de xestión do capitalismo non eliminan as fases anteriores “senón que as reorientan e adaptan ás novas esixencias da acumulación do capital. O réxime neoliberal aproveitou necesariamente os elementos herdados do réxime fordista: o consumo de masas e a importancia do estado na economía. De igual forma, o novo modelo emerxente, que poderiamos denominar, de forma apresurada e provisional, ‘neoindustrial’ ou ‘neomercantilista'”, non pode prescindir nin das forzas financeiras globalizadas nin da disciplina de mercado aplicada nos estados. E todo isto leva a unha presión sobre a rendibilidade das empresas, sobre todo as industriais.

 Para explicalo, Godin lémbranos un artigo de Aaron Benanav (2023) que fala do cambio estrutural que se produciu na demanda de bens e servizos, a partir do crecemento dos servizos no conxunto da economía. Dado que a industria é máis produtiva —aumenta máis a súa produtividade, ou sexa a cantidade de bens obtidos cunha unidade da forza de traballo—, os prezos dos produtos industriais manufacturados tenden a baixar e hai un desprazamento da demanda cara aos servizos, debida tamén ao consumismo de masas. Isto supón unha sobreprodución permanente na industria, máis coa industrialización crecente dos países emerxentes, e tamén unha diminución xeral da produtividade do traballo a partir do desprazamento da demanda cara aos servizos, onde a produtividade aumenta moito menos. Todo iso supón unha parada da demanda agregada, do crecemento económico e cunha produtividade á baixa.

 Nestas condicións, a rendibilidade do capital das empresas só pode vir ou ben dun freo aos salarios e as condicións de traballo da forza de traballo, ou ben dunhas axudas importantes ás empresas por parte do sector público. Ou ben dunha combinación das dúas políticas. Con isto os capitalistas poden compensar as dificultades para aumentar a produtividade, que os levaría a investir menos e a ser menos rendíbeis, conseguindo un aumento da participación na renda total a expensas da participación dos traballadores, polo baixo aumento dos salarios en relación co que ten a produtividade. E así o demostran os datos dos últimos anos.

 Por tanto, a necesidade dun apoio directo estatal ao capital das empresas deveu imprescindíbel. Á industria, tanto aos sectores tradicionais menos rendíbeis e en crise, como tamén aos sectores máis avanzados tecnoloxicamente e máis innovadores, onde a competencia entre empresas e países (sobre todo os EUA e China, pero non só) fai imprescindíbel grandes axudas do sector público, para que a rendibilidade potencial destes sectores se faga efectiva. E tamén no sector dos servizos, menos produtivos, se fan necesarias estas axudas ás empresas (adoito acompañadas de axudas ao consumo, ou de diminucións de certos impostos), para que poidan manter (ou aumentar) a súa rendibilidade.

 Como di Romaric Godin: “o sistema de axudas públicas é, por tanto, o resultado dun cambio global da economía. É menos un sistema deliberado que unha reacción á crise estrutural que o neoliberalismo non soubo/puido frear”. Pero estas axudas públicas masivas téñense que financiar e, por mor das tensións inflacionistas existentes, os bancos centrais, co seu aumento dos tipos de xuros, deixaron atrás as posibilidades de financiamento doado das institucións financeiras do que gozaran entre 2008 e 2021.

 E de novo Godin: “para resolver esta presión contraditoria entre o sector financeiro, que querería austeridade, e o resto de sectores, que exixen axudas públicas”, agora coa escusa da protección do medio ambiente e a dixitalización necesarios para manter a competitividade (soberanía?) nacional, acaban recibindo uns terceiros, os máis débiles, os traballadores, posto que o compromiso entre as dúas fraccións do capital acaba sendo “a austeridade dirixida aos dereitos dos traballadores, á protección social e aos servizos públicos”.

 O problema desta situación é que nos fai entrar nun círculo vicioso, que non permitirá que a economía medre, posto que debilita inevitabelmente a demanda interna e a calidade da forza de traballo. Isto, a medio prazo, pode levar á industria e aos servizos, afectados pola caída da demanda, a querer máis axudas públicas, que se terán que financiar con novos recortes do estado do benestar. E isto afectará sobre todo as economías, como a española, que non teñen unha especialización en alta tecnoloxía significativa. Queda a incógnita de, até que punto e como, a intelixencia artificial podería aumentar a produtividade dos servizos.

 En resumo, estamos ante un novo ataque ao estado do benestar, que favorece sobre todo ao traballo e as clases populares e, simultaneamente, á emerxencia explícita dun estado protector (como algúns o denominaron) das empresas e do seu capital.

 

[Artigo tirado do sitio web catalán Directa, do 12 de abril de 2024]