A vixente transcendencia da clase obreira

Edgar Isch L. - 06 Mai 2022

A medida que a conciencia de clase medre, que constrúa e fortaleza os seus organismos políticos de clase, os cambios históricos posíbeis son aínda maiores. No conxunto da clase obreira, no campesiñado medio e pobre e outros sectores explotados está a posibilidade real de cambiar o mundo

 O 1 de Maio realízase a homenaxe a unha clase social, a dos traballadores, a dos que dan vida á sociedade. Trátase dun día para considerar as leccións históricas e as proxeccións futuras, observar o nivel da súa organización e as capacidades de loita.

 Neste ano, o contexto marcado polas maiores loitas interimperialistas, que se expresan en inestabilidades de dominio económico e unhas sete guerras no mundo, sendo a de Ucraína a central, é parte da crise multilateral do capitalismo.

 A crise, aínda que ten expresións diferenciadas en cada país, tamén ten trazos comúns. Inclúe a sobreprodución relativa de mercadorías, maior desemprego e flexibilización laboral, estanflación á porta e ameaza de situacións de fame rexionais. Os propios voceiros das clases dominantes demostran que non teñen unha saída que lles dea gobernabilidade e que as contradicións se incrementarán no futuro.

 Nestes momentos é que se presenta un novo capítulo da novela chamada “adeus á clase obreira” ou, polo menos, a suposta redución continua en número e influencia. O actual fai insistencia en que as novas tecnoloxías levan inmediatamente a prescindir do traballo humano. Asemade, sinalan que os problemas sociais son un asunto de tecnoloxía e non de política, deixando esta en mans dos mesmos de sempre.

 A insistida redución contradise cos datos reais. Se nos baseamos na Organización Internacional do Traballo (OIT), a forza de traballo creceu nun 25% entre o 2000 e o 2019. Para 2021, o número de empregados era de 3.471 millóns, fronte a 2.766 no ano 2000. Os asalariados, 1.150 no 2000, pasaron a 1.753,6 millóns no 2019. Como se ve, a forza de traballo é hoxe maior a calquera outro momento da historia.

 Se se observa por sectores, na industria traballaban 542,7 millóns no 2000 e sobe a 750 millóns no 2019 (logo hai unha caída parcial motivada pola pandemia); en servizos, o crecemento é maior, pasando de 1.029 no 2000 ata 1.622 en 2020; e, o único sector que decrece é o agrario, onde traballaban 1.047 millóns no 2000 e baixa a 873,8 no 2020. O traballador industrial creceu en número, ao que se debe engadir o proletariado das agroindustrias, traballadores por conta propia e desempregados. Non hai nada que diga que no mundo do traballo haxa unha menor presenza laboral, senón todo o contrario.

 A produción e os servizos necesarios para que se materialicen as mercadorías permítennos observar que hai unha relación íntima, inseparábel entre os servizos e a fabricación de bens. Nesta realidade é que se pode tamén ratificar, unha vez máis, que o número de traballadores e traballadoras que realizan traballo produtor de plusvalía mantén o seu crecemento. Aquí, outra importancia vital das clases traballadoras: sen elas non hai produción, non hai crecemento, non hai desenvolvemento (independentemente da concepción deste), non hai sociedade que camiñe.

 As novas formas de traballo, como a uberización, flexibilización, fragmentación do espazo-tempo laboral, entre outras cousas son mecanismos de utilización da forza de traballo que descoñecen os dereitos laborais, pero dan continuidade á xeración de plusvalía apropiada polo empregador, á que en moitos casos hai que engadir ganancias ou perdas na ruleta das burbullas financeiras. Malia o seu crecemento, non marcaron un cambio xeral das tendencias e realidades laborais.

Clase obreira e recoñecemento de dereitos sociais

 Cómpre sinalarmos que os e as traballadoras non están só no medio das contradicións fundamentais de clase provenientes do mundo laboral, senón que viven tamén as expresións das inequidades de carácter étnico ou cultural, de xénero, xeracionais e outras. Isto levada a pensar na vida das clases traballadoras dun xeito amplo, ligada á loita por cada un dos dereitos humanos. E de feito así foi, con dificultades, avances e retrocesos.

 Do mesmo xeito, hai que sinalar que o crecemento da clase obreira se presenta no medio de cambios diversos. Varios deles polo cambio tecnolóxico, outros por estilo de organización empresarial e finalmente os que dependen da correlación de forzas na loita polos dereitos.

 É fundamental considerar que o conxunto de dereitos sociais ten á loita obreira como un factor chave de éxito. Un estudo fundamental que o demostra é o de Pippa Norris: “Driving Democracy, Do Power-Sharing Institutions Work”. Nel analiza e compara as maiores protestas en 150 países desde 1900 até 2008.

 O seu achado fundamental é que calquera proceso democratizador e loita por dereitos e liberdades, depende de que sector social é o que dirixe as protestas. A diferenza entre se son os sectores medios urbanos ou se trata dos traballadores industriais, estatais e campesiños, é moi significativa. “Isto é o que atopamos: os traballadores industriais foron axentes chave da democratización e, en todo caso, son aínda máis importantes que as clases medias urbanas. Cando os traballadores industriais mobilizan a oposición masiva contra unha ditadura, é moi probábel que siga a democratización e sexa derrotada a ditadura”.

 A diferenza, logo, está na medida e forma de participación da clase obreira, especialmente industrial onde se concentra o proletariado. A súa disciplina laboral, a súa organización independente dos intereses das clases dominantes, as súas redes de solidariedade, son parte dos factores de éxito das súas loitas.

 A evidencia empírica deste estudo mundial pódese sumar ás de cada país. Xa non só é un problema de cantidade, é un problema da calidade da súa presenza de clase. A medida que a conciencia de clase medre, que constrúa e fortaleza os seus organismos políticos de clase, os cambios históricos posíbeis son aínda maiores.

 A iso poderiamos engadir agora a importancia, por exemplo, dos traballadores dos coidados. Sen elas e eles sería imposíbel superar a pandemia. E o campesiñado que mantivo a alimentación do mundo ou os traballadores de servizos e información, todas e todos demostraron que sen traballadores non hai funcionamento de sistema social ningún.

 No conxunto da clase obreira, no campesiñado medio e pobre e outros sectores explotados está a posibilidade real de cambiar o mundo. Se alguén di que a clase obreira morreu, poderiamos repetir aquilo de que se trata dun morto con moi boa saúde

 

[Artigo tirado do sitio web Estrategia, do 27 de abril de 2022]