A vista para substanciar as medidas cautelares para a fábrica de Alcoa será o 28 de outubro
As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT informan que o próximo 28 de outubro terá lugar no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a vista para substanciar a petición de medidas cautelares para paralizar o ERE de Alcoa San Cibrao e impedir así que a multinacional inicie o fatal proceso de parada das cubras de electrólise.
Permitir que Alcoa comece co apagado das cubas suporía un dano irreversíbel nas capacidades produtivas da fábrica de San Cibrao e lastraría calquera posíbel saída para garantir a continuidade dos empregos e da produción. Por iso, alén da decisión que adopte o alto tribunal galego, faise preciso unha actuación firme, decidida e inmediata por parte das administracións públicas de cara á intervir a fábrica e para apartar a dirección de Alcoa da toma de decisións, tendo en conta que xa confirmou a súa intención de executar o ERE e desmantelar o complexo industrial.
Neste senso, as centrais sindicais van solicitar tamén reunión urxente da Mesa Multilateral para pór en común coas administracións as accións a seguir, coñecer que traballos concretos fixeron o Ministerio de Industria e a Xunta dende a última xuntanza no camiño de efectivizar a intervención, declarar o carácter estratéxico da produción de aluminio primario, como teñen previsto afrontar esta intervención se o TSXG asume as medidas cautelares e que alternativa baralla en caso contrario.
Cómpre lembrar que no escrito o TSXG, demándase a intervención ou a administración xudicial dos bens produtivos, asumíndose a intervención e administración da planta de aluminio por parte da SEPI durante o tempo que dure o proceso de impugnación do despedimento colectivo e mentres non haxa sentenza xudicial firme. E de maneira subsidiaria, que se ordene a Alcoa non executar os despedimentos individuais e, en consecuencia, que non proceda a parar a produción de aluminio na fábrica nin as cubas de electrólise.
A estas alturas, non valen as medias tintas nin máis declaracións de intencións, as actuacións teñen que ser firmes e teñen que realizarse xa. Nin o Goberno español nin o Goberno galego poden permitir que o futuro de toda unha comarca e dun sector industrial estratéxico como o aluminio quede ao arbitrio das decisións dunha empresa privada.