A viraxe da Unión Europea cara ao militarismo

Mick Wallace e Clare Daly - 27 Mar 2023

A Unión Europea está inmersa nun proceso profundo e rápido de militarización que leva, non só á subordinación total aos intereses da OTAN e dos Estados Unidos, senón a un aumento das tensións interimperiais e, en último termo, a unha perigosísima pendente bélica. Analizamos, a través de cinco aspectos concretos, de que forma se está a producir.

 Como internacionalistas, acreditamos na posibilidade dunha Europa pacífica e socialmente xusta. Mais como deputados no Parlamento Europeo, que traballamos cada día na política de seguridade e defensa da UE en Bruxelas e Estrasburgo, temos que ser sinceros coa opinión pública sobre até que punto é realista este ideal nestes momentos. A paz é unha palabra mal recibida en Bruxelas. En lugar disto, a medida que aumentan as tensións a escala mundial, a política da UE vese levada cun entusiasmo frenético polo armamento e o militarismo, pola confrontación cos «rivais xeopolíticos» e por se involucrar en conflitos rexionais lonxe das súas fronteiras.

 Non sempre foi así. Aínda que a creación dun exército común da UE foi durante moito tempo unha quimera dos federalistas europeos, a idea non gozou de popularidade entre a opinión pública e quedou relegada nun segundo plan mentres a UE perseguía a integración noutros ámbitos. Os esforzos que se fixeron nesta dirección víronse obstaculizados por dificultades organizativas. Pero as reformas do Tratado de Lisboa en 2009 cambiaron todo isto, preparando o terreo para unha profunda aceleración cara a unha política exterior e de defensa común, e o proxecto non deixou de se acelerar desde aquela.

 A maioría dos europeos queren a paz. Existen respectábeis e poderosos movementos pacifistas en cada un dos Estados membros da UE. Pero para se organizar e opoñer á viraxe cara á guerra en Europa, cómpre primeiro ter unha comprensión compartida desta. A nosa sensación é que a esquerda antibelicista de toda Europa é consciente de que a UE está a experimentar un proceso de militarización. Pero, por mor da impenetrabilidade da política da UE e á súa distancia da xente dos países, é difícil coñecer os detalles deste proceso. Isto fai máis difícil exixir responsabilidades aos gobernos nacionais ou presionalos para que se opoñan á militarización no Consello da Unión Europea.

 Esta dificultade pódese abordar deixando de lado as siglas e as institucións nos debates políticos da UE, e pousando a ollada no que está a ocorrer. Podemos comezar dividindo a política de defensa da UE en cinco grandes áreas.

Cara a un exército da UE

 A primeira delas, a integración das forzas armadas, perséguese a través dunha estrutura creada polo Tratado de Lisboa: a «PESCO ou Cooperación Estruturada Permanente». O antigo Presidente da Comisión, Jean Claude Juncker, denominou no seu momento a PESCO como a «bela dormente do Tratado de Lisboa»: permaneceu latente até que se activou en 2017. A PESCO é un conxunto de normas para poñer en marcha unha serie de proxectos militares conxuntos, o número dos cales ascende actualmente a uns sesenta. Os Estados membros teñen que cumprir uns obxectivos de gasto en defensa do 2% do PIB, e poden elixir en que proxectos participar, por exemplo, novos proxectos de formación ou desenvolvemento de novas tecnoloxías ou equipos militares, como os drons ou mísiles ou avións de combate ou barcos de guerra. O obxectivo a máis longo prazo é conseguir que as forzas armadas falen e cooperen entre si, que empecen a traballar con normas comúns e a utilizar equipos, sistemas e conceptos comúns, coa esperanza que nun futuro dean en funcionar máis como un único exército.

Botas sobre o terreo

 O segundo ámbito son as misións conxuntas da UE, nas cales as forzas armadas se despregan xuntas no estranxeiro. Supostamente, estas misións limítanse ás chamadas «Tarefas de Petersberg»: rescate humanitario, desarmamento, prevención de conflitos, adestramento militar e mantemento da paz. A realidade é que as misións da UE no estranxeiro se utilizan como instrumento da política exterior da UE.

 Na actualidade hai 21 misións activas da UE. Moitas delas utilizan África como patio traseiro. O noso grupo, o da Esquerda no Parlamento Europeo, publicou recentemente un excelente estudo sobre as misións da UE na rexión do Sahel, titulado «Mission Creep Mali – Europe’s failed backyard policy». A presenza militar da UE en Mali e no Sahel en xeral non foi conciliadora; foi deseñada para promover os intereses da UE e dos Estados membros, como o acceso aos recursos e a vixilancia dos fluxos migratorios. Informouse pouco disto, pero a misión foi unha desfeita sen paliativos, decote con consecuencias terríbeis para as poboacións locais e repercusións nos conflitos rexionais. Nos debates de Bruxelas, os países africanos considéranse cada vez máis lugares onde a UE se pode enfrontar aos intereses rusos e chineses, e as misións da UE considéranse activos estratéxicos nestas contendas.

O complexo industrial de defensa

 Un terceiro grande ámbito é o proxecto de construción dun sector europeo común de defensa. Tradicionalmente, as potencias militares teñen a súa propia industria de defensa -compañías de armamento e contratistas de defensa- que manteñen unha relación parasitaria co Estado. É o que o presidente dos EUA Dwight Eisenhower describiu no seu discurso de despedida como o «complexo militar-industrial». O Estado financia as empresas armamentísticas -co diñeiro dos contribuíntes- para que investiguen e desenvolvan novas tecnoloxías e armas. A seguir, o Estado volve gastar o diñeiro dos contribuíntes para volver comprar estes produtos para equipar as súas forzas armadas. Esta relación crea, por suposto, graves conflitos de intereses. Tamén crea incentivos económicos para atopar e crear conflitos.

 Algúns Estados membros da UE xa teñen un forte sector de defensa, mais o obxectivo da política da UE é animar as empresas de defensa europeas a desenvolver a mesma relación parasitaria coa UE. O principal instrumento para iso chámase «Fondo Europeo de Defensa», un fondo que sae directamente do orzamento da UE e que proporciona subvencións para investigación e desenvolvemento ás empresas armamentísticas.

 O Fondo Europeo de Defensa ten unha historia interesante. En 2015, a Comisión Europea creou un órgano consultivo para asesorar acerca de como deseñar a política industrial de defensa da UE. Denominouse «Grupo de Personalidades de Alto Nivel sobre a Acción Preparatoria para a Investigación relacionada coa Defensa». O ideal sería que un organismo deste tipo estivese formado por expertos neutrais, que non se beneficiasen do asesoramento que desen á Comisión. Como documentaron os grupos de vixilancia, o Grupo estaba formado polos directores executivos dos principais contratistas europeos de defensa: Airbus, MBDA, BAE Systems, Saab, TNO, Leonard, Indra e Frauenhofer. Outro membro pertencía a Aeronautics, Space, Defence and Security Industries, a principal organización de presión en Europa para os contratistas de defensa.

 O Grupo elaborou un informe no cal recomendaba a creación dun Fondo Europeo de Defensa, que canalizaría cantidades crecentes de diñeiro do orzamento da UE cara ás empresas armamentísticas. A Comisión seguiu as recomendacións deste informe. Despois de dous programas precursores, o FED púxose en marcha o 2020, e actualmente financia I+D en armamento e investigación en defensa por valor de 8.000 millóns de euros para 2021-2027. As investigacións sobre os receptores de fondos da UE para investigación en defensa amosan que as empresas do Grupo se beneficiaron xenerosamente da mesma política que deseñaron. Agora que existe o FED, cómpre esperar que o gasto da UE aumente exponencialmente a medida que a industria exerza presión para obter máis e máis subvencións.

 Unha consecuencia importante de que a UE inxecte grandes cantidades de diñeiro dos contribuíntes na investigación sobre defensa é que esta se está a estender a todos os ámbitos da política da UE, non só á defensa pura e dura. A dispoñibilidade de fondos da UE para a investigación en defensa significa que a política industrial de toda a UE atrae as pequenas e medianas empresas ao sector da defensa porque é onde hai diñeiro. Xorden produtos e servizos con usos tanto civís como militares. As universidades teñen incentivos para atopar dimensións militares nos seus programas de investigación. O sector civil militarízase aos poucos e faise cómplice do negocio da guerra, xa que o seu financiamento e as súas prioridades coinciden cos intereses da defensa. Agora é o financiamento da UE o que impulsa esta militarización.

Cartos para armas

 O cuarto ámbito da política de defensa da UE é o financiamento conxunto da UE para a compra de armas. De momento, isto non sae do orzamento da UE: faise a través dun instrumento extraorzamentario lanzado en 2021, que os Estados membros financian con contribucións directas dos seus orzamentos nacionais. O seu límite financeiro é de 5.700 millóns de euros entre 2021 e 2027. Chámase -cun sentido orwelliano- «Fondo de Apoio á Paz Europea». Na páxina web do Consello descríbese como «destinado a mellorar a capacidade da Unión para previr conflitos, construír a paz e reforzar a seguridade internacional». O seu principal uso nestes momentos é mercar armas a empresas de defensa co propósito exprés de envialas a zonas de conflito consideradas de importancia estratéxica para a UE. No último ano, autorizáronse sete tramos de 500 millóns de euros cada un -3.500 millóns de euros- con cargo ao Fondo Europeo de Apoio á Paz para armar en Ucraína.

Planificación estratéxica da UE

 O quinto ámbito importante é a planificación estratéxica. Estase a levar a cabo a través dun proxecto denominado «Compás Estratéxico Europeo», basicamente un documento estratéxico da UE que pretende ofrecer unha visión de conxunto a todos os Estados membros. O seu obxectivo é definir quen son os adversarios, de onde proceden as ameazas e en que partes do mundo ten que intervir a UE, e formula recomendacións sobre o que a UE e os Estados membros teñen que facer para se prepararen ante conflitos, ameazas e desafíos. O Compás Estratéxico pretende converterse nun importante mecanismo para agrupar varios Estados membros (algúns deles neutrais, como o noso propio país, Irlanda) con intereses diversos, nun único bloque xeopolítico e militar.

 O Compás Estratéxico seméllase cada vez máis a unha autoestrada cara á hexemonía da OTAN en Europa. Durante algúns anos houbo unha pequena disputa entre os Estados pro OTAN, que querían que a política de defensa da UE estivese subordinada, e os escépticos da OTAN, que querían que fose autónoma da Organización e dos Estados Unidos. A invasión rusa de Ucraína deu unha vantaxe decisiva aos Estados pro OTAN. Como resultado, as estruturas de defensa da UE creadas para ser independentes da OTAN están a empregarse agora para incorporar Europa máis estreitamente á súa estratexia. Independentemente das súas posicións oficiais, isto está a transformar os Estados membros non aliñados e non pertencentes á OTAN en membros de facto da OTAN, e a atrapar a Unión Europea de forma cada vez máis certa dentro da estratexia global dos Estados Unidos.

Conclusión

 Os procesos que estamos a describir forman parte dunha transformación da Unión Europea, que pasou de ser unha unión económica amplamente asociada á idea do garante da paz no continente europeo, a se converter nun aspirante a centro de poder militar. Esta evolución preocupa as persoas e comunidades de toda Europa partidarias da paz. Ao longo da historia, o armamento e a militarización sempre se xustificaron por motivos de defensa, mais tenderon a preceder a períodos de conflitos mundiais especialmente brutais. En retrospectiva, a militarización fixo que estes conflitos fosen máis probábeis, non menos.

 Todo isto está a ter lugar nun contexto de rexurdimento do conflito interimperialista, que acompaña o empeoramento das relacións internacionais, o aumento das tensións militares, a deterioración dos acordos de control de armamentos e das institucións multilaterais, e a aceleración dunha nova carreira armamentística mundial. É unha elección política decidir se a Unión Europea continuará participando nestes procesos e acelerándoos, ou se mudará o rumbo e traballará para frealos. O equilibrio de forzas políticas a Europa favorece actualmente o primeiro sobre o segundo. Sen unha mobilización significativa das forzas antibelicistas e antimilitaristas en Europa, que se organicen a escala nacional e da UE, é pouco probábel que este equilibrio cambie.

 

[Artigo tirado do sitio web catalán Catarsi, do 22 de marzo de 2023]