A violencia económica contra as mulleres

Txaro Goñi - 25 Nov 2022

A violencia contra a muller é unha derivada do sistema patriarcal que subordina de forma estrutural á muller e que presenta multitude de dimensións, sendo a económica unha delas

 O 25 de novembro celébrase o día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Unha das diversas violencias que sufrimos as mulleres é a violencia económica. É certo que outros colectivos, coma a xente nova ou persoas con idade avanzada, sofren tamén este tipo de violencia, pero como noutros moitos ámbitos, o feito de ser muller agrava e crea violencias específicas. Cómpre ter en conta que a violencia contra a muller é unha derivada do sistema patriarcal que subordina de forma estrutural a muller e que presenta multitude de dimensións, sendo a económica unha delas.

 Dentro do ámbito da parella, por exemplo, aparecen violencias relacionadas co feito de controlar os gastos e a xestión financeira das mulleres, usurpación da súa identidade, limitación do acceso á información das finanzas familiares ou control do seu desenvolvemento profesional. Esta violencia prodúcese tamén cando se agochan os bens patrimoniais ou se utiliza o diñeiro para obrigar a muller a manter a relación co seu maltratador. Este tipo de violencias poden seguir despois da ruptura co agresor, mediante a falta de pagamento da pensión de alimentos aos fillos e fillas ou a dilatación dos procesos xudiciais.

 A acreditación desta violencia económica é difícil xa que non existe, como ante unha violencia física ou psicolóxica, un certificado médico ou un ditame pericial que a certifique. Porén, é máis frecuente e cunhas consecuencias máis graves do que parece. Compromete a dignidade da muller. En sentenza do ano pasado xa se fundamentaba de forma razoada a necesidade de modificación do Código penal en materia de violencia económica, pedindo a tipificación da violencia económica como un tipo de violencia machista de acordo ao Convenio de Istambul.

 Evidenciar e sinalar as distintas violencias contra a muller é un punto de partida, mais se non se traballa e se regulan solucións, non se pode avanzar na consecución dunha sociedade igualitaria e xusta para todos os seus membros. É necesaria unha protección real. Necesítanse prazas de acollemento urxente e aloxamento temporal que permitan un mellor acompañamento psicolóxico destas mulleres, persoal especializado que axude con temas administrativos e a súa inserción no mercado laboral. A educación e sensibilización a profesionais da xudicatura, colexios de notarios, bancos, empresarios, é un traballo básico para avanzar. O seu compromiso para actuar con sensibilidade ante estas violencias, en aspectos tan sinxelos como o pagamento de salarios ou diñeiro procedente de venda de inmobles na conta persoal das mulleres que sofren estas violencias ou permitir a adopción de medidas de protección financeira para elas, é imprescindíbel. Tamén a administración ten o seu papel. Cómpre lembrar que a primeira sentenza no Estado español na que se obriga á impartición de xustiza con perspectiva de xénero, é unha resolución relativa a unha vítima de violencia de xénero á que se lle denegou a pensión de viuvez. Pódese falar tamén dunha violencia institucional contra a muller.

 Mais a violencia económica non só se percibe no ámbito da parella, esténdese a outras esferas da sociedade. No ámbito laboral, a discriminación salarial constitúe unha agresión continua á vida das mulleres e á súa economía. Distínguese unha discriminación salarial a priori, pola existencia de factores que condicionan o acceso ao mercado laboral nas mesmas condicións que os homes e unha discriminación salarial a posteriori, cando a muller xa accedeu a ese mercado laboral. Subestímase o traballo realizado polas mulleres tanto económica como socialmente. Abonde só cun exemplo dos moitos que se poden referir; con datos do INE para 2019 o salario medio bruto era de 21.682,02 € para unha muller fronte aos 26.934,38 € para un home. Outra vez aquí se compromete a dignidade da muller. A discriminación salarial é unha realidade difícil de solucionar e que interpela a todos os suxeitos sociais a unha auténtica actitude de cambio. Baixo a aparencia de neutralidade, prodúcense prexuízos nas percepcións salariais das traballadoras cuxas consecuencias se dan tanto ao longo da vida activa como ao alcanzar a xubilación.

  É certo que a discriminación directa quedou superada. Está amplamente aceptado que a mesmo traballo, mesmo salario. No entanto, a discriminación indirecta non se venceu. Cando os traballos son diferentes pero teñen o mesmo valor, a retribución de quen os desempeñe debe ser a mesma, sen considerar as diferenzas de xénero. Mais na valoración dos postos de traballo persisten os prexuízos á hora de decidir e valorar os factores a tomar en consideración. O rexistro obrigatorio de salarios e auditorías salariais, así como os criterios a valorar nos sistemas de clasificación dos postos de traballo, que veñen regulados desde o ano 2021, son unha ferramenta  disuasoria desta discriminación retributiva.

 A sociedade capitalista non só subestima o traballo remunerado que realiza a muller; todo o traballo de coidados e reprodutivo semella ter valor cero na nosa sociedade. Este traballo, imposto ás mulleres, foi invisibilizado no estudo da realidade de tal maneira que nin tan sequera temos claro como poderiamos incorporar o seu valor no PIB nacional.

 O diagnóstico da realidade é un primeiro paso, pero desde as nosas organizacións preguntámonos moitas veces se é posíbel ir máis aló. Podemos caer no fatalismo. Parece que exista unha forza superior que conecta uns problemas con outros facéndoos irresolúbeis. Non podemos dar solución a un problema sen que apareza outro que hai que solucionar antes. Con todo, ese desalento, esa frustración, non é boa para a transformación social.

 A nosa realidade é complexa, enleada en múltiples crises que se superpoñen unhas a outras, mais se non antepoñemos a vida á lóxica heteropatriarcal, capitalista e colonial que rexe na actualidade, non poderemos avanzar no desenvolvemento dunha sociedade máis próspera para todos e todas. Non abonda con denunciarmos e facermos visíbeis estas violencias, temos que propiciar espazos e procesos participativos de homes e mulleres, onde se fomente o diálogo positivo para lograr resolver as desigualdades. Educar para a transformación social, para transitar a outro modelo menos violento, é unha forma de xerar os cambios que buscamos.

 

[Artigo tirado do sitio web El Salto, do 24 de novembro de 2022]