A VIII Asemblea da CIG de Vigo reelixe a Alberto Gonçalves Herrero como secretario comarcal
Alberto Gonçalves Herrero foi reelixido hoxe secretario comarcal pola VIII Asemblea da CIG de Vigo con 185 votos a favor, 8 en branco e 2 nulos, mentres que a nova Executiva que dirixirá a central sindical na bisbarra os vindeiros catro anos obtivo 187 votos a favor, 6 en branco e 2 nulos. No proceso, ao que concorreu unha única lista de consenso e que se celebrou no Centro Veciñal e Cultural de Valadares baixo o lema 'Sen loita non hai futuro! Polo dereito ao traballo digno na propia terra, tamén se escolleron os representantes da comarca no Consello Confederal (186 votos a favor, 6 en branco e 3 nulos). O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que tomou a palabra no acto de clausura, chamou a fortalecer e a espallar entre a clase traballadora galega o sindicalismo de confrontación que representa a central.
Composición da nova Executiva Comarcal
1. Alberto Gonçalves.
2. Chelo Lago.
3. Anxo Igrexas.
4. Marta Gonzalo.
5. Suso Diz.
6. Beatriz Caamaño.
7. Carlos Alján.
8. Raquel Pérez.
9. Xabier Pérez.
10. Ester Mariño.
11. César Rodríguez.
12. Rafael Agras.
O reelixido secretario comarcal comezou a súa intervención final reiterando o carácter combativo da CIG e valorou que Asemblea servise tanto para analizar colectivamente o traballo desenvolvido como para trazar a folla de ruta para os vindeiros catro anos. Alberto Gonçalves salientou a consolidación como primeira forza sindical na comarca e chamou a seguir traballando para fortalecer e facer medrar o proxecto.
Puxo en valor “o enorme compromiso, coherencia e valentía dos delegados/as da CIG, que con todo en frente -a empresa, pero tamén en moitos casos a hostilidade dos sindicatos de concertación estatais- logran coa súa práctica diaria e consecuente seren a mellor ferramenta para a defensa dos intereses dos traballadores/as”.
Tamén incidiu no contexto “enormemente difícil” que padece a clase traballadora galega, “que é singularmente duro nesta comarca”. Un contexto marcado pola “cronificación” do desemprego, o aumento da precariedade laboral e do empobrecemento da clase traballadora, “e tamén polo avance da desertización produtiva, agudizándose a crise industrial e colocando sectores estratéxicos como o naval ou a automoción nunha situación crítica”.
Diante desta realidade, renovou o compromiso da CIG de Vigo “na súa aposta decidida” pola mobilización e o conflito, para esixir un xiro radical nas políticas económicas, laborais e industriais, tanto da Xunta como do Goberno español. “Reclamando o noso dereito a producir e a termos un traballo digno na propia terra, porque non imos permitir que a incapacidade do capital privado e o desleixo dos gobernos do PP aquí e de PSOE e Unidas Podemos no Estado acaben coa nosa base produtiva, xa que o futuro de Vigo ou é industrial ou non será”.
Tamén asegurou que a central seguirá “a plantar cara, sen arrugarnos, aos abusos do empresariado e dando a batalla para lograrmos avanzos reais na negociación colectiva, que se traduzan na mellora efectiva das condicións de vida e de traballo da clase traballadora. Sen pasteleos, sen pactos sociais cos que outros negocian o alcance da nosa derrota”.
Conquistar a emancipación nacional e social
Apelou para iso á necesidade de “poñer a punto todas as nosas estruturas organizativas, para poñer en marcha, con máis enerxía, toda a capacidade de acción que temos como primeira forza sindical”. Para o que é necesario tamén sumar máis traballadores/as ao proxecto sindical que representa a CIG, “co obxectivo de seguirmos a ser o mellor instrumento para a defensa dos intereses da clase traballadora galega”. Co propósito de seguir a enraizar o traballo sindical na base: nas empresas e nos centros de traballo.
Estes serán os principais obxectivos da nova Executiva, “que está preparada para encarar desde xa os importantes retos, organizativos, sindicais e socipolíticos que temos por diante e comprometida en levar á práctica as liñas de traballo que vimos de aprobar a nivel confederal no noso VIII Congreso”. Unha Executiva “plural e unitaria” que é resultado “da vontade de poñer por diante o proxecto sindical da propia CIG e de sumarmos esforzos para o seu fortalecemento en Vigo”. “Unidade de propósito, unidade na acción, unidade interna para promover tamén a maior unidade no seo do conxunto da clase traballadora, para seguir a plantarlle cara tanto aos abusos da patronal como ás políticas de recortes e precarización que nos impoñen”.
Neste punto reiterou, tal e como se recolle nunha resolución especial aprobada pola Asemblea, a vontade da CIG de impulsar a convocatoria dunha folga xeral se os Gobernos español e galego non cambian radicalmente as súas políticas sociais, laborais e económicas e industriais. “Porque a mellora das condicións de vida e de traballo non virá da man do nefasto pacto social que promove o sindicalismo estatal, senón da nosa capacidade de mobilización e conflito”
Para rematar, lembrou que “nunca nada nos foi regalado á clase traballadora. Todo o que logramos conquistámolo ao longo da historia a través da loita e temos aínda todo por gañar”. Por iso neste contexto “complexo e dificil” considerou que “temos que seguir a confiar nas nosas propias forzas, na capacidade transformar a realidade coas nosas propias mans. De empurrarmos mudanzas profundas que nos permitan avanzar cara ao horizonte estratéxico dunha sociedade xusta, igualitaria, libre de toda forma de explotación e discriminación, e radicalmente democrática: cara a Galiza independente e socialista na que conquistarmos a plena emancipación social e nacional do pobo traballador galego”.
Carril reitera que a CIG convocará folga xeral se non se derrogan as reformas
Na súa intervención, o secretario xeral da CIG reiterou que a central sindical está disposta a convocar unha folga xeral no caso de que non se derroguen das reformas laborais da negociación colectiva, das pensións e do desemprego e non se avance en reivindicacións como a dun verdadeiro plan de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno, defensa dos servizos públicos e dos dereitos laborais e sociais “que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra”.
Paulo Carril referiuse aos procesos de renovación e posta a punto “do ideario, propostas e alternativas e da propia organización” nos que está inmerso a CIG tras da celebración do Congreso Confederal, ao que, ás portas de conmemorar o 50 aniversario das loitas do ano 72 “que conformaron o que hoxe somos”, chegamos como primeira forza en afiliación, representatividade e capacidade mobilizadora.
Defendeu que facer sindicalismo de confrontación na CIG “é actuar coherentemente coa nosa razón de ser, de existir”. Por iso, animou a traballar para a convencer a máis sectores da clase traballadora “da nosa alternativa, de facer valer con todas as nosas forzas e iniciativas o noso modelo sindical; así como ser un instrumento instrumento útil e capaz, de contrapoder real fronte a explotación de clase, de sermos combativas e firmes para avanzar nas conquistas de dereitos e na transformación da realidade”.
Tamén chamou a fortalecer os piares fundamentais da CIG: o asemblearismo, a participación, e facer organización, “porque o noso obxectivo non só é ser un sindicato con gran número de afiliación e representación, a nosa loita comprende obxectivos estratéxicos”, insistiu. “Buscamos a acumulación de forzas para construír poder sindical, poder popular e facer unha transformación revolucionaria da sociedade galega no camiño de conquistar unha Galiza soberana e sen explotación”.
A este respecto, fixo descansar a credibilidade da CIG como central sindical “en termos preocupación, iniciativas, sermos referentes de calquera loita social e encabezar a conflitividade laboral e social”. Un traballo no que implicou a todo o corpo da CIG: afiliación, delegados/as, persoal liberado e membros das estruturas de dirección.
Emerxencia social, laboral e produtiva
Antes das votacións para a Secretaría e Executiva comarcais e para o Consello Confederal, ás que concorreu unha única candidatura de consenso, debateuse o aprobouse por unanimidade o Informe de Xestión da dirección saínte. O documento recolle de xeito sintético toda a actividade realizada pola central sindical nos últimos catro anos e analiza o contexto sociopolítico e sindical, facendo especial fincapé á situación de emerxencia social, laboral e produtiva na que se atop a comarca.
Evidénciase a “moi perigosa tendencia” á contratación a tempo parcial e a “cronifícación” dunha elevada taxa de temporalidade, na que 9 de cada 10 contratos dos que se subscriben cada mes son deste tipo, polo que a temporalidade representa xa máis dun 25% do emprego.
A cidade de Vigo rematou o ano 2020 con 10.500 postos de traballo menos dos existentes no último trimestre de 2009, “a pesar de que no último cuadrienio se produciu un lixeiro incremento da poboación ocupada”. Sendo especialmente preocupante a situación nas actividades industriais, onde a finais de 2020 se rexistraba unha ocupación un 15% inferior á de 2009, constatándose nos últimos anos un avance da “desertización” na base produtiva, nomeadamente a industrial.
“O feche de empresas e de establecementos ten sido unha constante neste período e, especialmente, no último ano. E as medidas adoptadas polo Goberno español de PSOE e Unidas Podemos téñense demostrado erradas e insuficientes fronte este contexto, ao que temos que engadir a total inacción da Xunta do PP”.
Ademais, actividades fundamentais para a comarca como a automoción ou o naval enfrontan grandes retos e dificultades que ameazan mesmo a súa supervivencia e que afondan na precarización laboral. Diante desta situación, a CIG desenvolveu unha intensa campaña reivindicativa para esixir solucións efectivas á crise industrial, “defendendo o noso dereito a producir e reclamando medidas que garantan a continuidade do emprego, demandando unha decidida intervención pública directa que permita blindar o futuro destas actividades estratéxicas”.
O Informe tamén incide en que o desemprego e a crecente precariedade laboral están a se traducir nun aumento dos niveis de pobreza e empobrecemento que padece a clase traballadora. “A insuficiente protección social, que non logrou paliar a aparición do Ingreso Mínimo Vital, así como a escaseza das contías de prestacións e subsidios, está empurrando a unha cada vez maior número de familias traballadoras ao limiar da exclusión social”.
Neste contexto o pandemia supuxo un fito de enorme transcendencia, marcando un punto de inflexión. Ao impacto sanitario engadíronse no inmediato os efectos económicos e laborais derivados da paralización da actividade e as restricións á mesma durante o confinamento e a desescalada.
Conflitividade laboral
O documento recolle bo exemplo da intensa conflitividade laboral nos diferentes sectores e valora a resposta que se lle deu ás diferentes problemáticas, “o que verifica o elevado grado de combatividade da nosa central sindical e a nosa capacidade de mobilización”.
En especial salienta o longo conflito nos bombeiros, que deu lugar á convocatoria dunha folga indefinida por primeira vez na historia do servizo. Tamén tivo continuade neste período o conflito en Maderas Iglesias, “procurando unha saída digna para o persoal e defendendo o mantemento da actividade e do emprego”.
Tamén se cita a campaña sindical, promovida a nivel confederal e en colaboración coa CGTP portuguesa, sobre a problemática das persoas traballadoras transfronteirizas, así como a vitoria sindical do conflito de Servicarne en contra da “escravitude” dos falsos/as autónomos/as
E faise referencia ao conxunto de conflitos e loitas desenvolvidas no ámbito dos servizos públicos, nomeadamente na sanidade, “no que os efectos da política de recortes e privatizacións converteron a área sanitaria viguesa na zona cero da desfeita sanitaria no conxunto de Galiza”.
Mención especial recibe o conflito aberto na empresa IKF da Guarda, na que tras 35 xornadas de paro vense de iniciar unha folga indefinida “pola pretensión da empresa de perpetuar a inxusta dobre escala salarial e precarizar as condicións laborais”.
Mais o avance do modelo sindical a CIG, combativo, de contrapoder, nacionalista e de clase, continuou a ser contestado por parte da patronal con novos episodios de represión sindical contra afiliados/as e delegados/as “que recibiron sempre unha resposta firme e contundente por parte da nosa central”.
Primeira forza da bisbarra
Neste período a CIG consolidouse como a primeira forza sindical na comarca de Vigo, na práctica totalidade de sectores e actividades, tanto en número de afiliación, como en representantes sindicais, como tamén en capacidade de mobilización.
O aumento da afiliación, pasando de 17.963 persoas afiliadas a 19.188, cun incremento do 6,8% nos últimos catro anos, “colócanos en condicións de superar as 20 mil persoas afiliadas no vindeiro período”. Un nivel de afiliación moi superior á suma dos sindicatos estatais na comarca, que verifica o elevado grado de confianza da clase traballadora no modelo sindical da CIG, de contrapoder, de conflito, asembleario, nacionalista e de clase.
“Ese incremento da afiliación permitiu consolidar a independencia económica e financeira da nosa central, polo que non dependemos de subvencións públicas, que representan unha porcentaxe marxinal dos nosos ingresos, senón das cotas que paga a nosa afiliación”.
Tamén foi o sindicato con maior representacion, con 1215 delegados/as, representando o 32,55% do total, “a pesar da ofensiva da patronal en contra do noso sindicato e que se traduciu en casos de represión sindical, como o recente despido noso delegado en Barreras”. Por federacións é primeira forza en Administración (30,53%), Banca e Aforro (33,87%), Construción e Madeira (55,15%) e Servizos (37,04%). E segunda, a moi pouca distancia da primeira, en Industria, FGAMT, e Saúde.
Referente do feminismo de clase
Finalmente, ponse en valor o avance na incorporación da perspectiva de xénero no conxunto da central, de xeito que non recaese en exclusiva na Secretaría das Mulleres a inclusión do feminismo de clase na acción sindical,” o que supuxo unha modificación mesmo na definición dos nosos obxectivos”.
Incrementouse a formación de cadros en materias relacionadas coa implantación na negociación colectiva de plans, políticas e estratexias de igualdade nas empresas, incluíndo módulos de achegamento ao movemento feminista galego internacional.
A da CIG nas mesas de negociación de plans de igualdade de empresa aumentou notablemente, “realizando un enorme traballo por trasladar as nosas reivindicacións a estas mesas de negociación de cara a lograr unhas relacións laborais máis xustas para todas e todos”.
Alén das mesas de negociación, son múltiples os conflitos en materia de vulneración de dereitos de conciliación ou acoso sexual e por razón de sexo que obrigan a esta vixilantes e denuncia estas prácticas empresariais. “Sen ir máis lonxe, nos últimos anos, casos de acoso sexual como os que se viviron en Pescanova ou Plastic Omnium deixaron clara a necesidade do noso traballo nesta materia e no apoio ás vítimas”.
Nos últimos anos tamén se constatou un claro auxe do movemento feminista a nivel social e político, no que a comarca sempre foi referente a nivel galego. “Neste marco, convocamos folga de mulleres desde o ano 2018, sacando ás rúas as reivindicacións do feminismo galego e de clase. O éxito das nosas convocatorias non fan máis que reforzar a nosa firme aposta por consolidarnos como unha organización feminista referente e necesaria”.
Representantes da comarca no Consello Confederal
1. Alberto Gonçalves.
2. Chelo Lago.
3. Anxo Igrexas.
4. César Rodríguez.
5. Marta Gonzalo.
6. Beatriz Caamaño.
7. Carlos Alján.
8. Patricia Cabaleiro.
9. Raquel Pérez.
10. María Martínez.
11. Rafael Agras.
12. Serafín Fernández.
13. Arturo Dómiguez.