A VIII Asemblea da CIG de Pontevedra reelixe por unanimidade a Marcos Conde secretario comarcal
Marcos Conde Farto será o encargado de dirixir de novo a CIG de Pontevedra durante os próximos catro despois de que a VIII Asemblea Comarcal celebrada este sábado 16 o reelixise como secretario comarcal con 127 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención. Mentres que a candidatura de consenso para a Executiva Comarcal, que abría Conde, obtivo 127 apoios, ningún en contra e ningunha abstención; e a lista de representantes da bisbarra no Consello Confederal saíu adiante con 124 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención. No acto celebrado na Finca Bataco rendéuselle homenaxe a históricos/as sindicalistas recentemente xubilados/as ou que se van xubilar nos vindeiros catro anos.
Composición da nova Executiva Comarcal:
1. Marcos M. Conde Farto.
2. David Couñago Mouriño.
3. Soedade Fernández Silva.
4. Diana Rodríguez Regueira.
5. Fco. Javier Dapena Varela.
6. Marta Ferreiro Fernández.
7. Lois Carballo Pose.
No Informe de Xestión da anterior Executiva Comarcal, que foi aprobado por 120 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención, analízase a situación social e económica da bisbarra de Pontevedra e do conxunto do país e debúllanse os eixos principais sobre os que xirou a acción sindical e a conflitividade laboral dos últimos catro anos na comarca pontevedresa. “Un período marcado por dous feitos relevantes: a folga xeral do 19 de xuño de 2018, posteriormente desconvocada, e a pandemia que dende marzo de 2020 afecta a todos os planos das nosas vidas”.
No documento faise fincapé en que ao inicio do mandato da Executiva saínte a situación en Galiza “era devastadora e buscamos darlle resposta a nivel confederal a todos os ataques que seguían azoutándonos tras a crise económica do 2008”. Neste contexto, as políticas antiobreiras do Goberno do PP no Estado profundaron no roubo que sufrimos a clase traballadora con recortes na educación e na sanidade públicas; destrución do sistema público de pensións e desmantelamento dos sistemas de protección social; amnistías fiscais e mantemento dun sistema impositivo inxusto; as regresivas reformas laborais e de negociación colectiva; e a corrupción xeneralizada.
No que ten que ver coa comarca de Pontevedra saliéntase que o traballo desenvolvido polas federacións procurou, dunha banda, responder á problemática do día a día nos centros de traballo e, doutra, sindicalizar os conflitos como única vía para conseguir melloras ou evitar a perda de dereitos, “tendo que afrontalos, na maioría dos casos, en solitario, ou mesmo coa oposición doutras centrais sindicais máis interesadas en contentar á patronal que en apoiar a clase traballadora”.
Ao mesmo tempo, a pandemia da covid tivo unha afectación directa no emprego, tanto nos grandes números como na propia calidade dos postos de traballo. “No anterior período 2013-2016 falabamos dunha lenta diminución no número e porcentaxe das persoas desempregadas e denunciabamos que os datos sobre a perda de postos de traballo, isto é, a redución do número de persoas dadas de alta na Seguridade Social, non coincidían cos datos do paro e ocultaban a perda de poboación e a persistencia da emigración”.
Precariedade na contratación
A esta realidade hai que engadirlle agora a precarización na contratación. A lexislación laboral, que o Goberno PSOE-UP aínda non derrogou malia ás súas promesas, normalizou a existencia da persoa traballadora en precario, da persoa traballadora pobre. A concatenación de contratos, a temporalidade de semanas ou días e as xornadas parciais son as principais características dos novos contratos que se asinan.
Diante disto, denúnciase o fracaso das medidas que dende o Goberno central se teñen tomado por recomendación de Bruxelas. “Ningunha das medidas laborais adoptadas para saír da crise do 2008 se modificou e, ademais, continúa o seguidismo e a aceptación de CCOO e UGT destas políticas.
E constátase o abandono que a Xunta fai das súas obrigas, a obediencia que lle profesa ao capital, “así como a falta de plans de emprego para afrontar o deserto económico ao que nos condenan e a súa incompetencia e falta de asunción de responsabilidades, xa que asumen con naturalidade que a culpa é doutros, asimilando o papel colonial que reservan para Galiza dende Madrid”.
A respecto do proceso de eleccións sindicais, a CIG de Pontevedra revalidou a súa posición de primeira forza sindical na comarca pontevedresa como na do Salnés. “Con todo, sermos a central sindical con maior número de delegados/as non é un valor por si propio, e só sendo unha ferramenta útil para a clase traballadora galega é poderemos consolidar esa condición e que non sexa algo conxuntural”. Por iso se incide en que esa posición ten que servir para aumentar e mellorar aínda máis a acción sindical e ser protagonistas tanto na mobilización coma na achega de propostas para a clase traballadora.
Primeira forza sindical
Na súa intervención final tras ser reelixido secretario comarcal, Marcos Conde comezou lembrando que se a CIG é a primeira forza na comarca de Pontevedra en representatividade, afiliación e capacidade de mobilización “éo non só polo traballo feito nestes últimos catro anos, senón polo levado a cabo polo conxunto da central sindical ao longo da nosa historia e polo,sacrificio de moitos compañeiros/as antes que nós”.
Por iso chamou a “manter ese pulso, a sermos responsábeis de non tirar ese traballo, conscientes de que o capital vai tratar de quitarnos esta representatividade porque molestamos, e porque evidentemente prefiren ao sindicalismo domesticado e submiso das mesas de diálogo”.
Ao mesmo tempo, repasou as principais problemáticas que a central vai ter que enfrontar nos próximos anos, como a precariedade que padece a inmensa maioría da poboación; as medidas aplicadas a cambio do rescate; as reformas das pensións ou da negociación colectiva; e os recortes en sanidade, educación, a taxa de reposición, a Lei mordaza, etc. Fixo especial fincapé na necesidade de derrogar as reformas laborais, “motivo polo que foi presentada a proposta de traballar cara a unha folga xeral”.
Fronte a todo isto apelou a afondar na mellora organizativa da CIG na comarca, intensificando a colaboración e a coordinación entre as distintas estruturas para encarar tamén con garantías as próximas negociacións de importantes convenios colectivos na bisbarra como os da conserva, limpeza, hostalería, elaborados, ambulancias, metal, comercio de alimentación, téxtil, etc.
Mais incidiu en que a central sindical ten que seguir mobilizándose máis alá do mundo do traballo, “pois tamén somos unha organización axitadora dos conflitos sociais, como así o demostramos diante dos peches de oficinas bancarias, por unha tarifa eléctrica galega, contra os recortes sanitarios e na educación, etc”. Por iso quixo deixar claro que A CIG non é unha asesoría xurídica. “O noso labor é crear dinámica sindical, promover a sindicalización dos conflitos”.
Para o que considerou fundamental o fortalecemento organizativo máis tamén ideolóxico, “xa que o noso modelo sindical so é posíbel considerando a nación na que estamos, porque os ataques que sufrimos como clase traballadora son os que padece unha colonia; Galiza é unha nación explotada, na que espolian os nosos recursos, na que o capital chucha o de máis valor sen preocuparse dos efectos que causa na poboación”. En consecuencia, asegurou que a CIG ten que enfrontar calquera conflito dende este punto de vista, “xa que somos unha ferramenta para alcanzar o obxectivo dunha Galiza ceibe e sen explotación”.
Representantes no Consello Confederal:
1. Marcos M. Conde Farto.
2. Cecilia Tarela Barreiro.
3. Antóm Álvarez Meralho.
4. Francisca Ferradás González.
5. Anxo Lúa Areas.