A VII Asemblea de Lugo-A Mariña renova a Antonio Niño como secretario comarcal
A VII Asemblea Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña reelixía esta mañá a Antonio Niño Saavedra como secretario comarcal. A súa candidatura, a única presentada, recibiu 134 votos a favor e 6 en branco. No proceso tamén se escolleu á nova Executiva Comarcal, que contou con 138 votos a favor e 2 votos en branco; así como os/as membros para o Consello Confederal (137 votos a favor e 3 en branco).
Composición da nova Executiva Comarcal
1. Antonio Niño Saavedra
2. Carme Antas Pérez
3. Xorxe Caldeiro Díaz
4. Dulce Neira Fraga
5. Lois Neto López
6. Nieves Somoza López
7. Xosé Miguel Fernández Vázquez
8. Carme Aira Díaz
9. Xosé Paz Fernández
Chamada a reforzar a presenza na negociación colectiva
O informe de xestión presentado pola Executiva saínte (aprobado con 112 votos a favor e 2 abstencións) pon o acento na preocupante situación socioeconómica da provincia, marcada pola caída da poboación (perdeu o 4.5% dos/as habitantes dende o ano 2008, o que supón máis de 16.000 persoas); a emigración de miles de mozos e mozas na procura de mellores expectativas; e o deterioro do mercado laboral a consecuencia das políticas neoliberais e de recortes impostas coas escusa da crise.
Consello Confederal
As persoas elixidas pola comarca de Lugo-A Mariña para o Consello Confederal son:
1.Antonio Niño Saavedra
2. Carme Antas Pérez
3. Xorxe Caldeiro Díaz
4. Dulce Neira Fraga
5. Xosé Miguel Fernández Vázquez
6. Luzdivina Rebollal Juanes
Dende o ano 2011, a provincia perdeu 6.000 activos e activas, hai 20.500 persoas ocupadas menos dende o inicio da crise (-8.300 persoas no sector primario, -8.000 na industria e -7.100 na construción), sendo o sector servizos o único que incrementou o emprego neste tempo.
Pero ademais, todo os empregos destruídos neste período correspondíanse con traballo a xornada completa.
No outro lado da balanza, aumentaron os empregos a xornada parcial: as persoas ocupadas a xornada completa reducíronse nun 12.2% e medraron un 11% as que teñen un traballo a tempo parcial. Porén, malia a caída da ocupación, o número de contratos asinados creceu un 31%, deixando un mercado laboral marcado pola forte rotación do emprego, a escasa duración dos contratos ( en 2015, o 33.8% dos contratos duraron menos de unha semana) e os baixos ingresos salariais.
Así se reflicte nos datos a Axencia Tributaria: no ano 2014, o 18.5% das persoas asalariadas non acadaron os 1.900 euros ao ano; e o 31.4% tiveron uns ingresos inferiores ao SMI. Xunto a isto, o informe destaca que a poboación parada medrou un 146% dende o inicio da crise e que se produciu un alarmante incremento de persoas en risco de exclusión.
Incrementar a representatividade
Con este panorama marcado polo aumento da pobreza e as desigualdades, o papel da CIG neste últimos catro anos centrouse en combater as políticas laborais do PP, con mobilizacións constantes en defensa da negociación colectiva, o emprego, os servizos públicos, as pensións, a igualdade de xénero, a defensa dos sectores produtivos e a recuperación dos dereitos e liberdades.
"Coas nosas luces e sombras o certo é que a CIG protagonizou a conflitividade laboral que se deu na nosa provincia: en practicamente todos os conflitos sindicais que se deron había presenza da CIG, senón fora pola nosa iniciativa moi poucos conflitos laborais terían transcendencia, non existiría un contrapoder que freara a patronal", defendeu Antonio Niño.
Neste senso, un dos obxectivos prioritarios para a central é reforzar e ter maior presenza na negociación colectiva, como ferramenta fundamental da clase obreira para recuperar e mellorar as súas condicións laborais e de vida, e coa vista postas nos grandes convenios da provincia que se están prorrogando dende hai varios anos.
Para isto é preciso incrementar a representatividade e poder ter maior presenza nas mesas de negociación. Nesta eido, o informe da Executiva Comarcal destaca que logrou subir un 1.7% a representatividade con respecto ao anterior proceso concentrado de eleccións sindicais. Porén, no informe cualifícanse de "aceptábeis" os resultados, "pero non satisfactorios", polo que a central se marca como unha das prioridades abordar mecanismos para mellorar a acción sindical e o traballo electoral.
En canto á afiliación, base da garantía da independencia económica e do modelo sindical da CIG, tras uns anos de perda de afiliados/as, claramente marcada pola crise, entre 2015 e 2016 logrouse reverter a evolución negativa, conseguindo unha variación de +2.24%.
O documento tamén se refire á posta en marcha do colectivo de persoas xubiladas e pensionistas, o traballo no eido da saúde laboral ou a actividade do Plan de Axuda Alimentar.
"A CIG continua a ser claramente o sindicato con máis iniciativa na mobilización e con capacidade de convocatoria, superando claramente a UGT e CCOO. E non só no eido sindical,
senón que socialmente somos, posibelmente, a organización con maior dinámica de mobilización", conclúe o informe.