A VII Asemblea da CIG de Ourense escolle a Anxo Pérez Carballo novo secretario comarcal
A VII Asemblea da CIG-Ourense que tivo lugar este sábado escolleu a Anxo Pérez Carballo como novo secretario con 115 votos a favor, 19 en branco e 1 nulo en substitución de Etelvino Blanco, que estivo á fronte da central na bisbarra dende a súa creación en 1994. Ao proceso asambleario celebrado no salón de actos da Casa Sindical baixo o lema “Forza para avanzar” concorreu unha candidatura unitaria para a Executiva Comarcal, encabezada tamén por Pérez Carballo, logrou 125 apoios, 8 votos en branco e 2 nulos; a lista para o Consello Confederal foi aprobada con 123 votos, 10 abstencións e 2 nulos.
Composición da nova Executiva Comarcal:
1. Anxo Pérez Carballo.
2. Manoel Anxo García Torres.
3. Xulia González Pascual.
4. Belén Martínez Portela.
5. Xosé Rodríguez Díaz.
6. Alfonso Fernández Diéguez.
7. Adelina Basteiro González.
8. José Ramón Álvarez Dacoba.
Galería de imaxes da VII Asemblea Comarcal da CIG de Ourense
No Informe de Xestión da Executiva Comarcal saínte, que foi aprobado por ampla maioría, faise fincapé en que a situación socioeconómica que na anterior Asemblea fora sintetizada co epígrafe “Ourense camiño da desaparición” non mellorou, poñendo en risco mesmo a supervivencia da provincia. Neste senso apuntan a perda e o envellecemento da poboación, o feito de que conte coa taxa de paro máis elevada do país (20,4%), a redución das persoas activas e ocupadas, o aumento da emigración, etc.
A gravidade da situación exemplifícase con datos: Ourense perdeu o 5% da poboación dende o ano 2008, a maior parte dela con idades comprendidas entre os 16 e 35 anos. Dende 2009 perdéronse 20.785 habitantes, e no último ano 3538. Ademáis, a distribución por idade amosa unha realidade aínda máis preocupante; entre os 15 e os 35 anos están rexistradas na provincia 19.404 persoas menos, é dicir, o groso da perda de poboación céntrase nestas idades. No último ano a perda poboacional neste intervalo de idade foi de 2616 persoas.
Outra característica demográfica é o maior grao de avellentamento da poboación. Así, o 30,6% ten máis de 65 anos no ano 2015, fronte o 28,5% de 2009. No conxunto do paáis a media da poboación con máis de 65 anos é do 24%. Fronte a esta situación, “o gran proxecto propagandístico da Xunta de Feijóo que era o 'Plan Impulsa' para o desenvolvemento de Ourense e para acabar coa súa discriminación foi un engano máis e quedou en promesas electorais que foron enterradas sen dar ningunha explicación”.
A isto hai que sumar a elevada perda de emprego e o descenso no número de traballadores/as, que se suma a unha acusada redución do tecido produtivo da provincia. O número de empresas con actividade descendeu un 4,8% entre 2008 e 2014, o que equivale a 1092 empresas menos.
Para enfrontar esta grave situación a CIG achegou unha serie de propostas que se recolleron na ILP “100 medidas para a creación de emprego e o crecemento económico”, que foi tumbada polo PP aproveitando a súa maioría absoluta no Parlamento galego. Ademais, a Unión Comarcal impulsou un intenso calendario de protestas para reivindicar un cambio de políticas e pola recuperación de dereitos laborais e sociais.
“Seguimos a ser a organización que máis capacidade ten de mobilización da comarca; co aumento da nosa presenza nos centros de traballo conseguimos ser a forza cun maior número de afiliación; ao mesmo tempo, conseguimos mellorar os nosos resultados electorais até situarnos por primeira vez como segunda forza en representación”.
Homenaxe a toda unha xeración
O novo secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérex Carballo, aproveitou o discurso co que pechou a Asemblea para renderlle unha homenaxe tanto ao secretario comarcal saínte, Etelvino Blanco, como a dúas ducias de compañeiros que abandonaron recentemente a primeira liña tras toda unha vida de militancia e que nalgún momento tiveron responsabilidades de dirección.
“O sindicalismo nacionalista consolidouse en Ourense hai 40 anos coas primeiras folgas da madeira e da construción, e agora moitas das persoas que daquela axudaron a erguelo veñen de xubilarse, polo que esta Asemblea é unha homenaxe para todas elas”. Neste senso, lembrou que “nacemos da pelexa, e 40 anos despois seguimos nela, neste momento co obxectivo de derrubar as contrarreformas antiobreiras e antisociais”.
Tamén salientou que a nova Executiva exemplifica o relevo xeneracional e de cadros que se está a producir na central, “xa que supón unha renovación do 75% e a rebaixa da idade media; con todo, combina xente con moito bagaxe con recén chegados/as que despuntaron na loita sindical nas súas empresas”. Finalmente, apostou por fortalecer a organización co obxectivo de situarse como primeira forza da privincia en en núemero de delegados/as.
Representantes da comarca no Consello Confederal:
1. Anxo Pérez Carballo.
2. Belén Martínez Portela.
3. Xulia González Pascual.
4. Indalecio Gómez López.