A veciñanza de Mesía súmase á concentración convocada pola CIG en defensa dos servizos médicos
A CIG-Saúde convocou onte xoves diante do centro de Saúde de Xanceda (Mesía) en defensa dos servizos médicos deste concello, ante a falta de cobertura por mor da xubilación do titular, da praza de Medicina de Familia no consultorio de Visantoña con aproximadamente 900 persoas usuarias de cupo. Na protesta participaron persoal sanitario e un numero grupo de veciños e veciñas.
Tras desta xubilación, explica a CIG-Saúde de Compostela, prodúcese un baleiro asistencial que, no mellor dos casos, resólvese coa presenza dun/ha profesional distinto cada día, desprazado doutro centro de saúde, ou ao remate da súa xornada laboral no PAC. Deste xeito cóbrese a presenza pero estase moi lonxe de garantir unha continuidade nos coidados e un seguimento das persoas usuarias e das súas patoloxías.
Neste concello, e coa perda dos servizos de Pediatría por mor da pandemia e de matrona, as persoas usuarias teñen que desprazase ao concello de Ordes para recibir a atención destas especialidades. Isto orixina que en moitas ocasións, e ante a saturación dos servizos citados, as mulleres ou as crianzas teñan que acudir á sanidade privada para a atención que se debería ter prestado na sanidade pública.
"Gravoso é o tema do servizo de Pediatría en Ordes, totalmente desbordado a pesar do esforzo dos e das profesionais. E aínda máis gravoso para a poboación dos concellos limítrofes, xa que cando teñen que acudir para a súa consulta moitas veces, debido á saturación, ten que ir de volta a fin de completar o proceso, e volver solicitar outra nova cita, desta volta no concello de Mesía, por exemplo, a fin de vacinar a unha crianza", alerta a CIG-Saúde.
Subliñan que neste concello se evidencia o estado da sanidade no rural do noso país. "Non é un caso illado, xa que sobran exemplos para pór, pois xa se converteu en norma o que debería ser unha excepción: a falta de carteira de servizos que se lle ten que ofertar á cidadanía e a reposición de profesionais a fin de garantir unha sanidade de calidade e acorde aos tempos que vivimos".
A CIG-Saúde de Compostela asevera que a escusa de que non hai profesionais nas listas de contratación "é unha falacia", posto que nas listas nas que non existe esa problemática, nomeadamente PSX, tampouco se reforzado os centros co persoal necesario, a fin de garantir a prestación dos servizos que se pretende que dean: CRM100, Xide, xestión de ambulancias etc.