A veciñanza de Lavacolla bótase á rúa por un servizo de buses de calidade e en apoio do persoal despedido

A CIG está a intensificar as xestións en defensa dos condutores/as que non foron subrogados/as
Santiago - 20 Xan 2021

A veciñanza da parroquia de Lavacolla botouse hoxe á rúa en defensa dun servizo de autobuses de calidade e en apoio dos traballadores/as da liña entre Santiago e o aeroporto que non foron subrogados/as o pasado 22 de decembro. Pola súa banda, a CIG está a intensificar as xestións institucionais tanto a nivel municipal como nacional para que se garantan os dereitos do persoal despedido.

 

Durante a mobilización procedeuse a interromper o tráfico á altura do lugar de Mouriño para reclamar unha solución ao Concello de Santiago “nun conflito que xeraron pola súa incompetencia e nula responsabilidade social”.

Esta mesma semana a representación sindical mantivo reunións cos grupos da oposición (PP, CA e BNG), que amosaron o seu apoio aos traballadores/as e comprometeron unha moción para o pleno deste mes pedíndolle ao Goberno local que dea marcha atrás na decisión do 18 de decembro.

Tamén se celebraron xuntanzas cos tres grupos con representación no Parlamento galego, e o BNG anunciou que levará unha pregunta ao pleno e outra á comisión de Mobilidade para que o Goberno galego e a Consellería de Infraestruturas se interesen pola situación da que era a súa concesión e na que o Concello se comprometera a subrogar ao persoal.

De igual xeito, reuníronse co concelleiro de Mobilidade santiagués, Gonzalo Muíños, a quen se lle presentaron diferentes propostas para solucionar o conflito, “e que pasan pola súa responsabilidade política e toma de decisións que garanta a continuidade de todos os postos de traballo”.

Comunicado lido por un voceiro dos condutores/as na protesta

Desde o pasado 23 de decembro os condutores desta liña, que daba servizo ao aeroporto de Santiago e aos veciños e veciñas de Lavacolla, atopámonos nunha situación tan inxusta como incomprensible. Da noite para a mañá vivimos un pesadelo ao quedarmos sen traballo e sen ingresos, xa que nin sequera podemos cobrar o desemprego porque a que era a nosa empresa aínda hoxe se nega a entregarnos a documentación para tramitar as prestacións.

No ano 2018 o Concello de Santiago solicitou a xestión da liña Santiago-Aeroporto e, por tanto, non foi licitada nos contratos do Plan de Transporte Público da Xunta de Galicia, onde estaba esta liña até ese momento.

Sen embargo, o Concello de Santiago que, ao telo solicitado, tiña que se facer cargo deste servizo e incluílo no prego do concurso do transporte urbano, en todo este tempo aínda non realizou a súa licitación pública.

Así, en setembro do ano pasado a Consellería anunciou que o 22 de decembro sería o último día da súa concesión. Pero en todo ese tempo nada soubemos e con nós ninguén falou. Nin a empresa Freire, que só nos empregou para presionar ao concello, nin da Concellería de Mobilidade ou de TUSSA se puxeron en contacto con nós para buscar unha solución a un conflito que eles crearon pola súa incompetencia.

A Xunta de Goberno local adoptou un acordo o 18 ordenándolle á concesionaria do transporte colectivo urbano de viaxeiros/as (a UTE Trapsa-Aulusa, do Grupo Monbus) que se fixera cargo deste servizo, integrándoo na liña 6 do transporte urbano. Sobre os traballadores que facíamos este servizo, algúns desde hai 25 anos, nin unha palabra, desentendéronse de nós. 

Non nos tiveron en conta absolutamente para nada e na véspera da noiteboa nos atopamos con que quedamos na rúa momento tan complicado para ir ao desemprego como o que estamos vivindo desde que apareceu o covid19.

Ademais o servizo que se presta agora á veciñanza é moito peor pola substitución da frecuencia dos autobuses, polo aumento dos tempos dos traxectos, porque os buses que se empregan non teñen espazo para equipaxes ou por non realizar as paradas oportunas cando vai cargado de persoas pasaxeiras do aeroporto en determinados horarios, e non se poñen reforzos para atender a veciñanza. Peor servizo e os traballadores na rúa.

Por iso responsabilizamos desta situación aos representantes do concello, co alcalde Xosé Sánchez Bugallo á cabeza, que xa en 2019 recoñecía nun medio de comunicación que da Xunta lle trasladaran a obriga de subrogarnos.

Esiximos polo tanto que gobernin para a xente e non para as empresas amigas e pedimos unha solución inmediata que garanta a nosa continuidade nos postos de traballo e que garanta tamén un servizo de calidade para os veciños e veciñas.