Ambulancias Ortigueira segue sen corrixir a falta de medios e persoal e as deficiencias na organización
O servizo de transporte sanitario programado da comarca de Ferrolterra, prestado pola UTE Ambulancias Ortigueira segue a rexistrar numerosas irregularidades que, malia as denuncias reiteradas da CIG, continúan sen corrixirse. Así, os vehículos destinados ao traslados de doentes a rehabilitación, diálise, consultas externas e radioterapia "están a prestar os seus servizos cunha falta de medios, tanto en equipamento coma en material aos que hai que engadirlles unhas deficiencias na organización e funcionamento do servizos".
A toda esta falta de medios, explica a secretaria comarcal da FGAM-CIG, Beatriz Fernández, súmaselle a escaseza de persoal, o que leva a que os/as usuarios/as teñan que iniciar as rutas horas antes do seu tratamento, para poder facer fronte á excesiva cantidade de servizos que se asignan a cada ambulancia. Ademais, os retornos das e dos doentes aos seus domicilios, nas máis das veces, realízanse con máis de dous horas de espera.
"Esta situación agrávase coa presenza Covid 19. As empresas que forman a UTE nin tan sequera activaron un protocolo de actuación, simplemente se limitaron a entregarlle aos delegados de persoal unha folla informativa sobre o mesmo", alerta. Así mesmo, o persoal que presta os servizos non dispón, a día de hoxe, de medidas de protección, como mascarillas, nin para o seu uso nin para os usuarios e usuarias.
"Estas malas prácticas están a supor un grave risco para as persoas, así coma un deterioro grave do servizo de transporte sanitario, un servizo que consideramos fundamental e básico do sistema público de saúde".