A UE pon o casco de guerra e encamíñanos ao abismo

Ángeles Maestro - 12 Mar 2024

Sobre esta Europa en fase acelerada de autodestrución e outra vez vendida polos seus gobernos aos intereses de potencias estranxeiras, pende outra vez a ameaza de guerra mundial. Sen poder esgrimir xustificación críbel ningunha, os líderes europeos, competindo entre si en servilismo e estupidez, chaman os pobos a «prepararse para a guerra»

 Tras a máis que previsíbel derrota da OTAN en Ucraína a mans de Rusia reprodúcense as declaracións, tanto do secretario xeral da Alianza, Jens Stoltenberg, como de todos e cada un dos seus vasalos gobernos da UE. Como papagaios, reiteran que a derrota de Rusia é indispensábel para a seguridade e estabilidade de Europa, que a guerra con Rusia é inevitábel e que cómpre prepararse para ela a curto prazo. A propaganda de guerra máis ruín repite teimudamente desde os grandes medios de comunicación, propiedade das grandes corporacións, que Rusia, encabezada polo malvado Putin, vai invadir Europa.

 A realidade é que o imperialismo sionista anglosaxón (estrutura de poder político, económico, militar, mediático e cultural que representa os intereses da oligarquía integrada polos grandes fondos de investimento, bancos e multinacionais) coa complicidade dos gobernos da UE, disponse a acometer, en solo europeo, o seu obxectivo estratéxico desde hai máis dun século: desmembrar e dominar Rusia, para despois apropiarse de China. O momento chegou e o tempo aprémalles cando a crise capitalista se ceba sobre todo nuns Estados Unidos e nunha UE que ven como os seus intereses, baseados na política das canoneiras, se ven confrontados por outro tipo de alianzas dirixidas precisamente por un país con enormes recursos e avanzada tecnoloxía armamentística, como Rusia, e por outro que posúe recursos e mais un poderoso desenvolvemento industrial e comercial, China.

 A preparación do ataque que a OTAN proxecta contra Rusia, verdadeiro leitmotiv da creación da Alianza hai agora 75 anos, veuse xestando polos EUA desde a desaparición da URSS, ao redor de tres procesos: a incorporación á Alianza dos países da órbita da URSS, iniciada por decisión do presidente Clinton, vulnerando acordos oficiais con Rusia; o golpe de estado do Maidán, a violación dos Acordos de Minsk, a provocación a Moscova para que entrase na guerra de Ucraína e o bloqueo ás conversas de paz en Turquía en abril de 2022, e, sobre todo, a cancelación das históricas e profundas relacións económicas e comerciais dos países da UE, sobre todo de Alemaña, con Rusia.

 Este último asunto é a gran vitoria que lograda polo imperialismo anglosaxón, representante da oligarquía occidental. A destrución de empresas provocada deliberadamente pola pandemia Covid, mediante un inxustificábel –desde o punto de vista epidemiolóxico– peche da economía, continuouse mediante decisións políticas, obviamente intencionadas, tales como: a elevación dos tipos de xuros para combater unha inflación en boa medida creada artificialmente; o brutal aumento dos prezos da enerxía, consecuencia directa da sabotaxe dos gasodutos que proporcionaban gas ruso, barato e de calidade, perpetrado polo mesmo imperialismo anglosaxón e que a UE se negou a investigar; as políticas «verdes» da UE que subvencionan cos Fondos Next Generation a grandes multinacionais para a transición enerxética e multan a quen non pode incorporar a tecnoloxía controlada por esas mesmas corporacións.

 O resultado foi a desindustrialización da UE, sobre todo de Alemaña, acelerada tamén polo traslado de grandes empresas europeas aos EUA na procura de menores custos financeiros e enerxéticos e incentivada polas subvencións previstas por Washington a empresas que alí se radiquen mediante a Lei de Redución da Inflación (IRA). A iso uniuse a destrución masiva de pequenas e medianas empresas coa correspondente centralización e concentración de capital, dirixida e planificada desde a UE e executada servilmente polos gobernos, á vez que transferían a mancheas fondos públicos, os Next Generation, ás grandes multinacionais.

 Esas son exactamente as políticas contra as que lexitimamente protestan os agricultores, gandeiros e pescadores e que son as mesmas que, coa complicidade activa de gobernos e grandes sindicatos, destruíron a meirande parte da industria pesada, a minaría, os estaleiros, a agricultura e a gandaría, durante a «reconversión» dos anos 80 e 90. O gran sarcasmo esgrimido entón como xustificación foi que todo iso, xunto á incorporación de España á OTAN, era a peaxe necesaria para entrar en «Europa», o paraíso dos dereitos sociais e laborais. Unha vez comprobado en que consiste realmente ese edén, o mantra usado agora para xustificar políticas cuxo obxectivo é engordar os beneficios das grandes corporacións mentres destrúen as condicións de vida da inmensa maioría dos seres humanos, é «a protección da natureza» que esas mesmas multinacionais destrúen.

A economía de guerra: recortes sociais, grandes negocios e corrupción.

 Sobre esta Europa en fase acelerada de autodestrución e outra vez vendida polos seus gobernos aos intereses de potencias estranxeiras (antes rendeu vasalaxe a Hitler e agora ao imperialismo anglosaxón), pende outra vez a ameaza de guerra mundial. Sen poder esgrimir xustificación críbel ningunha –ninguén con bo siso pode crer que Rusia vaia atacar un país da OTAN− os líderes europeos, competindo entre si en servilismo e estupidez, chaman os pobos a «prepararse para a guerra».

 Mentres a pobreza se estende nos barrios obreiros, os desafiuzamentos proseguen executados polos mesmos bancos que foron rescatados con ducias de miles de millóns de diñeiro público e os suicidios mostran o rostro máis terríbel do sufrimento humano, os gobernos da UE, incluído de forma destacada o do PSOE-Sumar, declaran a economía de guerra.

 Pero, que é a economía de guerra? A economía de guerra significa que a prioridade absoluta de toda a sociedade é destinar recursos á industria militar, todo iso cando xa en 2023 o gasto militar se incrementou nun abraiante 25%, alcanzando os 28.000 millóns de euros que é máis dun terzo do gasto sanitario público. Quere dicir que van recortar, aínda máis, o gasto social en pensións, desemprego, sanidade, educación, servizos sociais, etc., para destinalo á compra de armamento e subministracións militares. Supón preparar grandes exércitos e volver ao servizo militar obrigatorio, cuxo estabelecemento se debate abertamente nos diferentes países da UE. Significa que o complexo militar industrial, os fabricantes de armas e de todo tipo de tecnoloxía militar, incluída a industria farmacéutica, empresas privadas na súa totalidade que de forma maioritaria son propiedade das grandes multinacionais anglosaxoas do sector, van multiplicar os seus xa fabulosas ganancias. Ao mesmo tempo os poderosos grupos de presión da industria armamentística, que controlan os puntos chave do poder, van influír decisivamente para que a guerra, a súa galiña dos ovos de ouro, siga ben alimentada, mentres nos encamiñan ao precipicio.

 Unha confrontación aberta e directa da OTAN con Rusia, que probabelmente esta soa non puidese soportar, suporía que ante unha ameaza directa para a súa existencia –como xa anunciou o Kremlin– utilizaría as súas armas nucleares. Esas armas nucleares tácticas chegarían a países europeos, os cales á súa vez responderían, dando lugar ao uso de armas nucleares estratéxicas con capacidade de ocasionar a morte a centenares de millóns de persoas. Este é o sinistro xogo ao que teñen a intención de abocarnos estes gobernos lacaios, aprendices de bruxo con casco de guerra.

 Toda esta engrenaxe aniña sobre un enorme conglomerado de corrupción política que serve ao mesmo tempo para engrosar os negocios e para estabelecer mecanismos de control social que cada vez se parecen máis ao fascismo.

 Por exemplo:

A coerción á vacinación con fármacos experimentais, estivo precedida na UE pola compra de miles de millóns de doses de Pfizer e outras multinacionais, decidida mediante contratos até hoxe secretos, pola presidenta da Comisión Europea Úrsula Von der Leyen. Esta muller, acusada formalmente de corrupción pola compra de vacinas, está casada cun alto cargo de Pfizer e o seu fillo era á súa vez directivo da empresa McKinsey que deseñou a propaganda mundial para impor a vacinación.

 A mesma Von der Leyen, antes de ser presidenta da Comisión Europea, foi ministra de Defensa en Alemaña e segue investigada por corrupción. Tras as eleccións europeas pretende seguir no cargo cinco anos máis para, entre outras cousas, reforzar a industria militar, nomear un Comisario Europeo de Defensa e que a UE realice, cos fondos rusos depositados en bancos europeos e bloqueados polas sancións, compras militares conxuntas, xa que «hai que gastar máis e gastar mellor». As acusacións repetidas de corrupción contra ela non semellan representar atranco ningún.

 A escala local, o goberno PSOE-Podemos, agora con Sumar no Ministerio de Sanidade e os gobernos das comunidades autónomas apoiados polas esquerdas institucionais e extraparlamentarias, impuxeron as máscaras obrigatorias, sen informe técnico que sustentase a súa utilidade, mentres unha rede mafiosa que inclúe varios ministerios e gobernos autonómicos, facía o seu agosto coa súa venda, coa correspondente cadea de subornos.

A subcontratación da censura e o reforzo do control social

 Como a historia nos aprende, o recurso do capitalismo á destrución e á guerra para gobernar as súas crises, xera situacións de desestabilización social que poderían pór en risco os poderes estabelecidos.

 Nestas situacións que supoñen obxectivamente unha agudización da loita de clases, a preparación para a guerra implica un reforzamento excepcional dos mecanismos de control social. A ese obxectivo deben servir, se conseguen aprobalo en maio deste mesmo ano, o Tratado de Pandemias e as Emendas ao Regulamento Sanitario Internacional da OMS que en esencia pretende erixir o seu director en autoridade sanitaria mundial con potestade para impor as medidas implementadas durante a pandemia como normas de obrigado cumprimento a escala mundial.

 Ademais da Lei de Servizos Dixitais, unha nova volta de parafuso prepárase para reforzar a censura e a manipulación informativa de cara ás eleccións europeas do 9 de xuño. No «paraíso das liberdades» hai tempo que ademais da ditadura do diñeiro −só a burguesía ten grandes medios de comunicación− pasouse á restrición de dereitos fundamentais como o dereito á información e á liberdade de expresión utilizando mecanismos de censura coordinados entre os grandes medios –xa implementados durante a pandemia– e reforzados coa guerra en Ucraína. Para dar idea do sometemento das forzas políticas abonda con mencionar que a decisión de censurar na UE a Rusia Today e Sputnik, ou a creación en 2022 polo goberno PSOE-Podemos dun Foro contra a Desinformación dirixido polo xeneral Ballesteros, non suscitaron ningunha reacción política.

 Este ano 2024 terán lugar tres eleccións ante as que, a pesar de que puidese parecer que a oligarquía ten todo controlado, empeza a falarse de adoptar medidas excepcionais.

 En Gran Bretaña, en data aínda por fixar, haberá eleccións xerais e nos EUA, presidenciais no mes de novembro. A probabilidade crecente de que D. Trump puidese gañalas, o trastocamento de alianzas e obxectivos que iso puidese ocasionar, especialmente en relación con Rusia, alimenta os rumores de que se poderían suspender as eleccións, feito inédito na historia dos EUA, co pretexto da «inxerencia rusa».

 Ante as eleccións europeas, entre as elites gobernantes, empeza a crecer o medo a que, tal e como está a suceder cos agricultores (en Bruxelas arremeteron cos seus tractores contra os valos de protección durante unha reunión do Consello de Ministros da UE e Macron foi duramente increpado nunha feira agrícola), do malestar social cobren forza organizacións políticas que rexeitan a OTAN e o incremento dos gastos militares. Ante este risco, a suposta Europa democrática quita outra careta. Unha empresa estadounidense, de Silicon Valley, Meta, propietaria de Facebook, Instagram e Threads, disponse a exercer o control e a censura nas eleccións ao Parlamento Europeo, seica motu proprio, pero obviamente coa aquiescencia da Comisión Europea. Sen o menor pudor, de cara, Meta conta como se prepara para iso(1).

 Isto é o que di sobre os seus preparativos:

 «A medida que se acheguen as eleccións, activaremos un Centro de Operacións Electorais para identificar ameazas potenciais e contrarrestalas en tempo real» (...).» Asinamos un acordo tecnolóxico para combater a difusión de contido enganoso de IA nas eleccións». Despois de intervir en 200 eleccións en todo o mundo, segundo din, «Desde 2016, investimos máis de 20 mil millóns de dólares en seguridade e protección e cuadriplicamos o tamaño do noso equipo global que traballa nesta área até arredor de 40.000 persoas. Isto inclúe 15.000 revisores de contido que revisan contido en Facebook, Instagram e Threads en máis de 70 idiomas, incluídos os 24 idiomas oficiais da UE». Por se cabía algunha dúbida, contan como traballan: «Non permitimos anuncios que inclúan contido desacreditado. Tampouco permitimos anuncios dirixidos á UE que disuadan a xente de votar nas eleccións; pór en dúbida a lexitimidade da elección; conter afirmacións prematuras de vitoria electoral; e pór en dúbida a lexitimidade dos métodos e procesos de elección, así como o seu resultado. O noso proceso de revisión de anuncios ten varias capas de análises e detección, tanto antes como despois de que un anuncio se publique».

 Por se alguén se esqueceu, as redes sociais son empresas privadas, non son independentes, non son nosas. O relativamente novo, o que pon de manifesto como se pisan os supostos dereitos fundamentais, é que, do mesmo xeito que ocorreu coa covid-19, despois coa guerra de Ucraína e agora coas eleccións europeas, os gobernos incorporan a un emporio estadounidense como Meta ás tarefas de censura e manipulación informativa en redes sociais que xa viñan facendo de forma especializada empresas como, no Estado español, maldita.es e Newtral (Ana Pastor, de La Sexta).

 Estes mecanismos que, habitualmente, levan a cabo os servizos secretos, agora subcontrátanse con empresas privadas estranxeiras. Verdadeiramente, os fenómenos, no seu desenvolvemento, mostran a súa propia esencia. A UE expresa cada vez máis a súa natureza de burocracia oligárquica contra os intereses populares e que, ao servizo dunha potencia estranxeira, está decidida a provocar unha guerra mundial. Os pobos, case ás apalpadelas, empezan a albiscar o abismo ao que a oligarquía burguesa os conduce, á espera de que xurda coa forza necesaria unha organización política que represente unha alternativa socialista ao capitalismo imperialista, que en todo caso debe partir da saída da UE e a OTAN. Esa tarefa só pode levala a cabo unha clase obreira −hoxe obnubilada e coas mans atadas polo reformismo otanista, político e sindical– que sexa consciente da súa misión histórica de acabar co sistema capitalista que, na súa agonía, é máis criminal que nunca. No seu éxito vainos a vida.

−E vostede non cre que a verdade, se é tal, se impón tamén sen nós? (G. Galilei) −Non, non e non. Imponse tanta verdade na medida en que nós a impoñamos. A vitoria da razón só pode ser a vitoria dos que razoan. "Galileo Galilei" (Bertolt Brecht).

 

[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 7 de marzo de 2024]