A UdC pagará a cota patronal descontada ao persoal investigador afectado polo conflito colectivo promovido pola CIG-Ensino
O persoal de investigación contratado con cargo ás axudas Margaritas Salas e María Zambrano na Universidade da Coruña cobrarán as retribucións que lle corresponden vinculadas á cota patronal que a UdC descontara nas súas nóminas. Farase logo de que a nova equipa reitoral asumise coa CIG-Ensino o compromiso de presentarlle no prazo máximo de 2 meses (contados desde o 1 de febreiro) un plan de pagamentos dos importes correspondentes "en cumprimento da sentenza 03562/2023 da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza”, segundo se recolle no escrito remitido polo reitor Ricardo Cao.
A sentenza foi o resultado dun conflito colectivo presentado pola CIG-Ensino contra a UdC (ao igual que se fixo contra a USC e a UVigo) na que o alto tribunal galego declaraba nula a práctica de detraer do importe das axudas a cota empresarial e afirmando que o persoal afectado tiña dereito a percibir como salario as contías brutas que figuraban no RD 298/2021.
A CIG-Ensino valora moi positivamente o compromiso do reitor da UdC e, tras unha asemblea co persoal afectado que tivo lugar este mércores, 7 de febreiro, na que se deu conta dos traballos e xestións feitas polo sindicato, fica como obxectivo para o acordo que se terá que concretar antes do 1 de abril que os prazos se reduzan ao mínimo e que na seguinte nómina posterior ao acordo xa se regularice o pago correspondente a cada mes para non aumentar a débeda da universidade.
O total de persoas afectadas sería 37, das que algunhas xa non teñen relación coa UdC por ter deixado a praza, mais manteñen o dereito a percibir o cota empresarial que se lle detraeu no tempo traballado.
A situación na UVigo e na USC
As universidades de Vigo e Santiago tamén están afectadas por sentenzas gañadas pola CIG-Ensino con idénticas resolucións á da UdC. Con todo, ambas universidades presentaron recurso de casación perante o Tribunal Supremo, polo que haberá que agardar a que o TS dite sentenza.