A UDC avanza no recoñecemento dos trienios do persoal investigador e contratado por proxectos

A CIG-Ensino considera moi positivo camiñar cara un acordo que beneficiaría a 115 persoas
A Coruña - 16 Abr 2021

Logo do bloqueo na Comisión Paritaria (na que están representadas a USC, UDC e UVigo) a UDC e as organizacións sindicais do PDI neste ámbito dan un impulso á negociación e avanzan no dereito da extensión do complemento de antigüidade para o recoñecemento dos trienios o persoal investigador pre e posdoutoral e persoal contratado por proxectos e convenios.

No mediodía do 14 de abril mantívose unha xuntanza entre representantes de CIG-Ensino, CCOO, UGT e CSIF da Universidade da Coruña co Xerente, o Vicerreitor de Profesorado e o Secretario da Universidade co obxectivo de tratar o tema do recoñecemento da antigüidade das figuras pre e posdoutorais.

Nela transmitiuse que a UDC, unha vez recoñecido na Comisión Paritaria o dereito ao cobro de trienios por parte do colectivo afectado, ten interese en chegar a un acordo coa representación sindical de cara a fixar unha data de efectividade e de aplicación do mesmo, unha medida que beneficiaría a 115 persoas.

A CIG-Ensino amosou a súa boa disposición a chegar a un acordo e considera a disposición da UDC a negociar un paso adiante moi positivo, logo da incomprensíbel actitude das universidades na reunión da Comisión Paritaria do pasado 8 de abril.

A proposta dos representantes da UDC consistiu inicialmente en que tanto a data de pagamento (aplicación) como a de recoñecemento (efectividade) fose o 01.01.2022. A CIG-Ensino defendeu que a data de efectividade fose do 01.01.2021 e que, nese caso,  poderiamos aceptar a data de aplicación.

A UDC presentou unha nova proposta que melloraba a inicial, adiantando a aplicación e a efectividade en 4 meses (01.09.2021), ao que CIG-Ensino respondeu ofertando que a data de efectividade fose 01.04.2021, data do recoñecemento do dereito por parte da Comisión Paritaria do Convenio Colectivo de PDI, na que están presentes as tres universidades galegas. Chegados a este punto quedaron en responder proximamente nunha nova reunión.

Polo resto dos sindicatos, UGT e máis CSIF sumáronse á nosa proposta, quedando pendente a posición definitiva de CCOO.

Persoal contratado por proxectos e convenios

Así mesmo, tratouse o caso do persoal contratado por proxectos e convenios, para quen a CIG-Ensino tamén demanda a extensión do dereito a percibir trienios. Os representantes da UDC afirmaron que están en disposición de recoñecerlles este dereito e quedou o tema pendente para a próxima reunión, abrindo ademais as negociacións, dun modo máis profundo, para abordar temas relativos á actualización de salarios ou mesmo a revisar as categorías que figuran no acordo actual para este persoal. O Xerente informou que este colectivo está actualmente composto por 210 persoas.

A representación da Universidade opta por deixar fóra desta negociación ao persoal asociado, xa que considera que na UDC esta é unha figura típica, con contrato de traballo fóra da UDC e, polo tanto, exclúe a este colectivo da negociación, como se recolle expresamente no Convenio Colectivo aplicábel.