A tripulación dos buques de Tragsatec reclama poder negociar melloras laborais
O colectivo de delegados sindicais da flota de buques de Tragsatec (do Grupo Tragsa) vén de reclamarlle por escrito á dirección que estableza unha mesa de negociación propia co obxectivo de pactar unha serie de melloras que permitan superar as condicións laborais recollidas no Estatuto dos Traballadores/as.
A representación sindical remitiulle tamén un borrador de acordo que foi consensuado por todos/as os delegados/as co obxectivo de “rexenerar significativamente” as condicións laborais das tripulacións dos buques da compañía.
“A pesar das reiteradas negativas e impedimentos por parte da empresa nos últimos meses a negociar melloras, agardamos a partir de agora unha boa disposición para poder chegar a acordos que beneficien a un colectivo esquecido e desamparado dende a súa creación”.
Tragsatec remítese á interlocución coa representación sindical estatal (CCOO, UGT e CSIF) para rexeitar abrir un diálogo cos delegados dos buques, que non se senten representados nese marco estatal de negociación e reclaman a apertura dunha mesa propia na que poidan estar presentes os propios delegados dos buques.