A tres días de comezar as oposicións de Ensino non se sabe nin a distribución das persoas opositoras
A CIG-Ensino vén de denunciar que a tres días do inicio das probas das oposicións ás diferentes especialidades de acceso á función pública docente, a Consellaría de Educación aínda non fixo públicos nin os lugares onde van actuar os tribunais, nin a distribución das persoas opositoras.
“A consellaría continúa incumprindo as súas propias normas xa que mesmo na Orde de convocatoria, na súa base décimo terceira, se estabelece que a Consellaría “fará públicas as horas, as datas e os lugares de realización das probas con 5 días de antelación”, denuncia a CIG-Ensino.
Considera ademais que Educación “continúa instalada na improvisación e desconsideración co persoal”. Entende que “é inxustificábel” que as persoas opositoras non coñezan os centros onde van realizar a presentación e a primeira proba o que asegura que está causando “graves prexuízos e inseguridade”.
A CIG-Ensino, alén de denunciar publicamente esta “irresponsabilidade” e “irregularidade” da Consellaría exixe que, de inmediato, se publiquen os lugares, distribución de persoas opositoras e centros onde se vai realizar a presentación e a 1ª proba de todos os tribunais.