A totalidade do persoal de Vitrasa secunda a primeira xornada de folga para reclamar un convenio colectivo digno
O 100% do cadro de persoal de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, secundou a primeira das tres xornadas de folga convocadas para reclamar un convenio colectivo digno e un servizo de calidade. Máis de 120 traballadores/as percorreron as rúas da cidade pola mañá, mentres que pola tarde celebrouse unha concorrida manifestación na que participaron tamén familiares e veciños/as.
A convocatoria anunciada polo comité de empresa fíxose finalmente efectiva despois de que Vitrasa acudise á xuntanza celebrada onte pola mañá “sen ningunha proposta sobre os puntos que se lle expuxeron hai máis de 15 días”, denuncian dende a representación do cadro de persoal. “Con esta actitude a dirección volve demostrar que non ten ningún interese en solucionar un conflito que afecta gravemente á cidadanía”, sosteñen.
En consecuencia, os traballadores/as seguiron adiante coa folga e coas mobilizacións previstas, de xeito que hoxe tivo lugar a primeira xornada duns paros que continuarán este sábado 1 e o domingo 2, coincidindo co remate das festividades da Reconquista.
Un numeroso grupo de empregados/as percorreu as rúas da cidade a partir das 8:00 horas dende a praza da Industria até o cruzamento das rúas Sanjurjo Badía e Buenos Aires. Previamente desprazáranse até as instalacións da compañía na estrada de Camposancos. Ao mediodía concentráronse tamén na estación de autobuses en apoio do persoal do servizo de transporte de viaxeiros/as por estrada, que tamén celebrou hoxe unha xornada de folga a nivel galego para denunciar o bloqueo dos convenios provinciais.
Xa pola tarde tivo lugar unha concorrida manifestación dende o cruce dos Choróns até a praza de Compostela na que participaron ademais familiares e veciños/as para reclamar un servizo de calidade, “algo que é responsabilidade do Concello de Vigo”, tal e como lembran dende o comité.
Ao remate da xornada a representación sindical amosou a súa satisfacción polo “éxito” tanto da folga como das mobilizacións e fixo fincapé en que durante o día circularon unicamente os vehículos que se atopaban en servizos mínimos (49 de 102 autobuses). “Valoramos moi positivamente a resposta dos traballadores/as, que secundaron a folga e participaron nas protestas, e o apoio amosado pola veciñanza ás nosas reivindicacións”.