A totalidade do persoal de Vitrasa secunda o primeiro día de folga de 24 horas do novo calendario de protestas

O comité de empresa rexeita as acusacións feitas onte polo alcalde e lembra que “os verdadeiros reféns somos os traballadores/as”
Vigo - 30 Xun 2023

O cadro de persoal de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, secundou hoxe a primeira xornada de folga de 24 horas do novo calendario de mobilizacións para reclamar un convenio digno, tras o paro desenvolvido o pasado martes de 12:30 a 15:30 horas. Dende o comité de empresa rexeitan as acusacións feitas onte polo alcalde e lembran que “os verdadeiros/as reféns somos os traballadores/as”.

A xornada de protestas, na que unicamente operaron os autobuses en servizos mínimos, incluíu unha manifestación que arrincou de Praza América pasadas as 8:00 horas e que rematou cunha concentración diante do Concello tras percorrer Gran Vía, Praza dos Cabalos, de novo Gran Vía e rúa Venezuela. As medidas de presión continuarán o vindeiro mércores 5 de xullo cunha nova xornada de folga de 24 horas, xornada na que terá lugar tamén unha manifestación dende Samil ás 19:30 horas que transcorrerá polas avenidas de Europa e Castelao, rematando na rotonda do barco de Coia. Mentres que para o venres 7 de xullo está previstos máis paros parciais de 19:45 a 21:15 horas.

Por outra banda, dende o comité de empresa saíron hoxe ao paso das declaracións feitas onte polo alcalde de Vigo, nas que acusaba os traballadores/as de tomar a cidadanía como refén. “Os verdadeiros/as reféns somos os traballadores/as de Vitrasa, que en todo este tempo tivemos que aguantar atrasos nas nosas nóminas, ameazas de baixadas salariais, incumprimentos de convenio e das nosas condicións laborais, e sempre sen o apoio do Concello a pesar de que o alcalde presuma de ter impedido a inaplicación do convenio, cando realmente foi un inspector da Xunta e posteriormente un xuíz quenes o impediron”, sosteñen dende a representación sindical.

Neste senso, lembran que é o Goberno local o encargado de velar por que se cumpran as obrigacións laborais, tal e como establece o prego de condicións. “Pero preferiron mirou cara a outro lado, coa escusa de que son problemas dunha empresa privada e dos seus traballadores/as”.

Con respecto ao que o rexedor di da “case gratuidade” do billete de autobús, sinalan que a subvención do billete “sae dos nosos petos” en forma de impostos tanto estatais como municipais. Sobre a afirmación de que o Concello está a facer “un gran esforzo” por recuperar os niveis de utilización do autobús, censuran que foi precisamente o Goberno local o que permitiu aplicar recortes nas liñas, nos horarios e nas frecuencias. “Servizos que non se recuperaron a día de hoxe que levamos reclamando dende o comité, de igual xeito que demandamos unha serie de medidas que melloren a calidade do servizo para as persoas usuarias, como son novos métodos de pago, actualización do mapa de liñas e unha mellora nas frecuencias horarias.

Privatización dun servizo público

Tamén saen ao paso dos comentarios do alcalde no sentido de que convocan as folgas “no momento máis importante do transporte”. A isto replícanlle que obviamente as mobilizacións están pensadas para dar a maior visibilidade posíbel ao conflito laboral. “No seu día, cando comezamos as protestas, xa anunciamos que se irían endurecendo até conseguir solucionar os problemas que padecemos”.

Outra cuestión que quixeron aclarar ten que ver coa ameaza velada do rexedor cando asegura que vai comezar a falar de Vitrasa, dos seus salarios e das condicións laborais do seu persoal. “Que o faga cando queira, pero que dea datos reais: o salario dun empregado/a de Vitrasa é de 1300 euros mensuais, con xornadas que comezan ás 5:00 horas e que chegan a ser de ata 10 horas de condución continuada, sen esquecer o que supón traballar cumprindo uns horarios imposíbeis nunha cidade como Vigo; debido a estas pésimas condicións prodúcense un gran número de baixas por estrés e ansiedade”.

Nas súas declaracións o alcalde insta o persoal da empresa a “negociar, acordar e parar a folga”. Esta é precisamente é a pretensión do comité, que mesmo suspendeu as mobilizacións en varias ocasións coa intención de sentarse a negociar, recibindo sempre a negativa da empresa por resposta.

“En definitiva, o verdadeiro problema do transporte desta cidade é Vitrasa, que pretende enriquecerse a conta do diñeiro público. De feito, foi a empresa quen logrou privatizar un servizo público, precarizando o servizo ao seu antollo e conveniencia co consentimento do Concello”.