A totalidade do persoal de Tecnocom secunda a segunda xornada de folga

A sección sindical enviou unha advertencia á xefa de oficina por retirar a información relativa á convocatoria no centro de traballo
Compostela - 02 Set 2016
A segunda xornada de folga en Tecnocom, este venres, volveu ser secundada polo 100% dos traballadores e traballadoras, agás os servizos mínimos. Unha folga que continuará o vindeiro luns, día 5 de setembro cunha nova concentración diante do centro de traballo. Porén, por fin conseguiron acordar unha xuntanza coa empresa para o vindeiro martes día 6 de setembro, ás 10:00 h.

A xornada transcorreu con normalidade aínda que a sección sindical da CIG tivo que enviar unha advertencia á xefa da Oficina, por retirar do centro de traballo toda a información relativa a esta convocatoria.

Con todo, e antes da xuntanza coa dirección da empresa o vindeiro martes, agardan pola chamada que se comprometeron a facer o luns para concretar cuestións de cara á reunión do día seguinte.

Os traballadores agardan que desa xuntanza saian os acordos necesarios para non ter que ir á folga os días 10 e 11 de setembro.

Lembran que as súas demandas se resumen en recuperar as quendas tal e como as tiñan antes da modificación unilateral que impuxo a empresa e que sexan compensadas as xornadas en festivos, nomeadamente os festivos especiais.

O 100% do persoal, agás os servizos mínimos, secunda a folga de Tecnocom

Os traballadores/as de Tecnocom amplían a folga aos días 10 e 11 de setembro

Mantense a convocatoria de folga en Tecnocom para os días 1, 2 e 5 de setembro

Persoal de Tecnocom concéntrase diante do centro de traballo no hospital Psiquiátrico de Conxo

Paradas no soporte informático do Sergas pola convocatoria de folga en Tecnocom


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.