
A terríbel militarización de Europa

Un espectro percorre Europa, o espectro do militarismo. Detrás desta febre de guerra agóchase algo máis que a suposta ameaza de Rusia. O declive económico e a loita polo dominio xeopolítico xogan un papel fundamental na crecente militarización do continente.
Os líderes europeos queren aumentar drasticamente o gasto en defensa e preparar as súas economías para a guerra. Hai plans para introducir (polo de agora) o servizo militar voluntario e instalar un escudo nuclear. Varios países están dispostos a enviar tropas aos países veciños de Rusia, incluída Ucraína.
Boris Pistorius, o exministro de Defensa de Alemaña, declarou que o seu país se estará “preparado para a guerra” (Kriegstüchtigkeit) en 2029. A machada de guerra estase desenterrando.
«Fomos traizoados por Trump e ameazados por Putin, polo que debemos aumentar os nosos esforzos militares e prepararnos para a guerra». Ese é o relato que a elite europea nos presenta e que se difunde amplamente nos medios de comunicación convencionais.
Con todo, ese relato oculta as verdadeiras razóns e causas subxacentes desta febre bélica.
Declive
A militarización de Europa desenvólvese no contexto dunha crise económica máis ampla. Desde a crise financeira de 2008 a economía europea tivo dificultades para atopar novas vías de crecemento. A crise da COVID-19 golpeou duramente a economía e, debido ás sancións económicas impostas a Rusia, renunciamos á nosa fonte de enerxía barata.
Por mor dunha obsesión pola austeridade, os gobernos descoidaron sectores esenciais para o desenvolvemento da produtividade, como a educación e a ciencia. Pola súa banda, os oligarcas financeiros non investiron dabondo das súas ganancias monopolísticas en novas tecnoloxías para facer fronte á competencia dos Estados Unidos e China.
O resultado é que Europa está atrasada tanto tecnolóxica como economicamente.
Tampouco as cousas van ben no ámbito xeopolítico. Europa e os EUA non lograron transformar Rusia nunha semicolonia despois da caída da Unión Soviética nin provocar un cambio de réxime capitalista en China.
Esperábase que ao admitir a China na Organización Mundial do Comercio e investir fortemente no país, as forzas capitalistas crecerían tanto que co tempo tomarían o poder do Partido Comunista, unha idea ilusa.
Ao seguir servilmente os EUA, Europa descoidou a construción dunha estrutura de seguridade equilibrada despois da caída da URSS, unha que tamén incluíse a Rusia.
Agora, tanto Rusia como China acabaron por se converter en adversarios formidábeis, aos que non se pode tratar de calquera maneira.
Especialmente baixo o impulso de China, a través dos BRICS os países do Sur Global tamén están a formar un contrapeso cada vez maior fronte ao dominio do Norte.
A loita comezou
É neste contexto no que a elite estadounidense, encabezada por Trump e Musk, lanzou unha agresiva campaña para salvagardar a supremacía absoluta dos EUA («Make America Great Again»), mesmo a expensas dos seus aliados máis próximos.
Isto significa que estalou a loita entre os EUA e as outras grandes potencias imperialistas. No Foro Económico Mundial de Davos, Ursula von der Leyen expresouno da seguinte maneira: «A orde mundial baseada na cooperación, tal como a imaxinamos hai 25 anos, non se fixo realidade. No seu lugar, entramos nunha nova era de feroz competencia xeopolítica. As economías máis grandes do mundo compiten polo acceso a materias primas, novas tecnoloxías e rutas comerciais globais. Desde a intelixencia artificial até a tecnoloxía limpa, desde os computadores cuánticos até o espazo, desde o Ártico até o Mar de China Meridional, a carreira comezou».
A forza motriz detrás desta carreira é a procura da máxima ganancia e a expansión do capital monopolista occidental. Iso é o que está en xogo e do que realmente se trata. Para participar nesta carreira, xógase a carta militar. Ou como dixo o exchanceler alemán Gerhard Schröder: «Un país só conta verdadeiramente no escenario internacional si tamén está disposto a ir á guerra».
Unha escusa
Carece de sentido a principal escusa para a actual febre bélica, isto é, que Rusia representa unha ameaza militar. Moscova non ten intención ningunha de se expandir. Segundo expertos como Jeffrey Sachs e John Mearsheimer, a invasión de Ucraína foi para Moscova unha resposta á expansión da OTAN cara ao leste e á militarización de Ucraína. Moscova considerouno unha ameaza existencial.
En termos de guerra convencional, Europa non é rival para Rusia. O Kremlin xa se atascou rapidamente en Ucraína, que é un país moito máis débil que os países europeos. E se finalmente houbese un enfrontamento entre Europa e Rusia, estariamos nun escenario nuclear, un final que ninguén desexa.
Unha economía de guerra
Noutras palabras, as tensións militares actuais non son tanto o resultado de contradicións xeopolíticas con Rusia, China e agora tamén os EUA, senón que están arraigadas na obsesión do capital monopolista occidental por obter máximas ganancias e expansión.
Para asegurar as ganancias dos monopolios occidentais, deben garantirse os investimentos e os mercados no estranxeiro, así como a subministración de materias primas baratas desde eses países. E para iso é indispensábel un aparello militar forte co fin de impor orde a países rebeldes se é necesario.
A militarización tamén impulsa a economía. A economía de guerra non depende do poder adquisitivo da poboación, senón das decisións dos líderes políticos. As compras militares poden proporcionar (temporalmente) algo de osíxeno a unha parte da industria, aínda que se faga á conta doutros sectores. É o que Reagan tentou nos anos 80 co seu Star Wars e o que fixo Hitler na década de 1930.
En Bélxica, e probabelmente noutros lugares, a militarización pode ir acompañada dunha onda de privatización sen precedentes. Parte do diñeiro para os gastos militares podería obterse vendendo as xoias da coroa do patrimonio nacional ou parte delas. A militarización serve como panca para a privatización.
Esta economía de guerra está orientada a unha verdadeira preparación bélica. Durante a Guerra Fría os países europeos tiñan grandes exércitos permanentes. Tras a caída da Unión Soviética despregáronse tropas de intervención móbil para operacións rápidas, como vimos en Libia e Siria.
Agora hai plans para volver introducir o servizo militar obrigatorio, construír infraestrutura militar e estabelecer estacionamentos prolongados no estranxeiro, como nos Estados bálticos e Ucraína. Tamén se están considerando outras opcións, como a discusión sobre un escudo nuclear.
Moitos indicios apuntan a que unha guerra mundial está a se converter nunha posibilidade real para as elites financeiras e económicas.
Consecuencias
Unha militarización deste tipo ten consecuencias profundas para a sociedade. O diñeiro ten que saír dalgunha parte. Actualmente, Europa gasta aproximadamente o 2% do seu PIB en defensa. Se quere alcanzar a norma de 5%, terá que destinar uns 500.000 millóns de euros máis ao ano en defensa.
Con gobernos de dereitas, o forte aumento dos orzamentos de defensa inevitabelmente se fará á custa do gasto social, así como do Green Deal, cuxo orzamento anual é de 86.000 millóns de euros.
Xa mencionamos anteriormente que a militarización probabelmente vai ri acompañada dunha onda de privatización sen precedentes na economía.
O desenvolvemento dun verdadeiro Euroexército tamén traerá consigo un importante déficit democrático. A estrutura de mando estará no nivel europeo. Axiña serán os tecnócratas europeos, e non os gobernos ou parlamentos nacionais, os que decidirán se os nosos mozos deben ir á fronte de guerra.
Finalmente, a militarización das nosas economías e sociedades só aumentará as tensións no continente europeo. En lugar de construír unha estrutura de seguridade equilibrada, estamos a iniciar unha perigosa carreira armamentista e avivando aínda máis a hostilidade contra a potencia nuclear rusa.
Unha decisión histórica
Europa enfróntase a unha decisión histórica. O proceso de militarización leva enormes custos económicos, desmantelamento social, atraso na transición ecolóxica na economía e un déficit democrático, mentres que o risco dun conflito maior é cada vez máis real.
Beneficia realmente esta militarización á cidadanía europea ou só ás elites económicas e á industria armamentística? Deixarémonos arrastrar pola febre bélica ou elixiremos prosperidade, sustentabilidade e unha estrutura de seguridade equilibrada no continente? Seguiremos os Estados Unidos na súa lóxica imperialista e militarista ou construiremos un proxecto europeo independente, baseado nunha cooperación respectuosa cos países do Sur Global?
Os próximos anos van ser cruciais para responder estas preguntas.
_____________________________________________________________________________
Fontes:
– Übergang zur Kriegswirtschaft?
– “C’hanno rimasto soli…”. L’Unione Europea cerca un ombrello nucleare
– Guerre en Ukraine : comment les chefs d’État européens préparent les esprits à une guerre avec la Russie
– Trump’s Munich Strategy
_____________________________________________________________________________
Texto orixinal: https://www.dewereldmorgen.be/artikel/2025/02/28/de-angstwekkende-militarisering-van-europa/
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 7 de marzo de 2025]