A terceira xornada de folga paraliza a produción en Inoxidables de Rábade
Dende o pasado luns, o 100% dos traballadores de produción de Inoxidables de Rábade están secundando folga indefinida, polo que a actividade na fábrica de Outeiro de Rei permanece paralizada. A decisión de ir á folga total chega de logo de varias semanas de paros parciais e de quedar en suspenso a mediación no Consello Galego de Relacións Laborais. Este mércores, ademais, o persoal levou as súas protestas até Lugo, onde se concentrou diante do edificio da Xunta.
A pasada semana houbo mediación no Consello Galego de Relacións Laborais e aínda que se produciron algúns avances non foi posíbel un acordo, nomeadamente no relativo á recuperación dun plus trimestral que a empresa suprimiu de maneira unilateral en 2008 e que representa o 15% do salario.
Alfonso Losada, responsábel de CIG-Industria de Lugo, explica que a oferta da empresa fica lonxe do incremento que reclama o persoal e que permitiría recuperar o poder adquisitivo perdido nestes anos, pero sobre todo, a discrepancia está na parte variábel dese plus. "O problema é como computalo, porque queren meter máis porcentaxe variábel que fixa, o que deixa ao arbitrio da empresa o reparto das cantidades", advirte.
Revisión das categorías
Na táboa reivindicativa tamén se inclúe unha revisión das categorías, acadar a equiparación e igualdade salarial entre postos da mesma categoría tanto dentro da factoría de Rábade como con outras plantas do grupo; complementos de penosidade, toxicidade e perigosidade polos ritmos frenéticos de traballo e polos produtos químicos que teñen que manipular; calendario laboral e vacacións; o comedor ou para atallar os problemas de ruídos, luminosidade, ventilación e a adaptación térmica da nave.
A representación social leva máis de ano e medio tentando negociar coa dirección unha serie de melloras económicas e laborais que permitan recuperar os dereitos que o persoal foi perdendo coa escusa da situación económica, mais agora que a empresa ten abondosa carga de traballo e disparou os beneficios, "os traballadores non teñen ningunha mellora".
O pasado 6 de xuño os traballadores acordaron iniciar paros indefinidos de dúas horas por quenda laboral que logo incrementaron até as seis horas tres días á semana. Pero ante a falta de avances coa empresa, dende este luns, a folga indefinida pasou a ser de 24 horas.
Inoxidables de Rábade pertence ao grupo IRSA e dedícase á fabricación de tubos de aceiro, principalmente para a automoción.