A temporalidade e a precariedade provocan un cada vez maior deterioro das condicións laborais da clase traballadora galega
O mes de outubro remata cun total de 198.940 parados/as rexistrados nas oficinas do SEPE en Galiza; un 2,37% máis que no mes anterior (4.604 nos parados), practicamente duplicando o incremento medio estatal que foi do 1,20%. Así, Galiza, xunto coa Rioxa e Estremadura, foi unha das comunidades onde máis se incrementou o desemprego neste último mes.
A caída da ocupación no sector servizos, onde se incrementou o desemprego un 2,57% , xunto o sector industrial, no que medrou un 1,12 %, explican esta evolución negativa, que tan só foi compensada levemente polo descenso nun 0,19% do número de desempregados/as na construción.
A tendencia na media estatal foi similar, pero o incremento do desemprego foi menor en servizos e industria e o descenso maior na construción.
Elevada temporalidade
Malia aumentar o desemprego continúanse rexistrando un número moi elevado de contratos, en concreto 86.274 no último mes, dos cales tan so un 7,7% foron rexistrados baixo algunha das modalidades de contratación indefinida.
Isto, xunto co feito de que aproximadamente un 40% dos contratos non duran máis dunha semana, constata non só a forte rotación, senón tamén a súa escasa duración, o que ten os seus efectos na protección dos desempregados.
Tal é así que no último mes (setembro) descendeu o número de parados con dereito a algunha prestación e entre os que a teñen cada vez son menos os que perciben a contributiva. De feito en setembro só tiveron dereito a prestación o 46,7% dos parados/as, e deles tan só o 40% recibiron a contributiva. Isto significa que de cada 100 parados/ non chegan ao 18,8 os que cobran contributiva, o que dá unha idea do cada vez maior número de galegos e galegas en perigo de exclusión social.
Xunto a isto baixou a afiliación media á Seguridade Social nun 0,13%, o que equivale a 1.335 afiliados/as menos.
Reformas laborais que xeraron pobreza e precariedade
Para o secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, os datos veñen confirmar os temores da CIG, que alertaba que as políticas do goberno de Mariano Rajoy en materia laboral e nomeadamente as reformas laborais terían como consecuencia un deterioro das condicións laborais. “Perdemos emprego indefinido, que se trocou por temporal, peor pagado e con menos dereitos. Ese era precisamente o obxectivo das súas reformas laborais e o máis grave é que xa se está consolidando estruturalmente esta enorme bolsa de precariedade e pobreza entre cada vez máis traballadores e traballadoras galegas”, asegura.
Por iso entende que para reverter esta situación calquera medida que se poña en marcha “pasa primeiro por derrogar as reformas laborais” e logo por apoiar o tecido produtivo. A este respecto lembra que “a Xunta tivo a posibilidade de frear esta situación cando presentamos no Parlamento toda unha batería de medidas dirixidas a apoiar os nosos sectores produtivos para favorecer a creación de emprego de calidade”.
Por iso chama sobre un dato que para a central sindical é especialmente alarmante: o aumento do desemprego no sector industrial. “A estacionalidade non pode explicar os negativos datos do sector Industrial, que son consecuencia directa das nefastas políticas dos gobernos do PP”.