A tecnodisciplina. Precariedade sistémica do traballo en plataformas

José Antonio Llosa e Esteban Agulló Tomás - 13 Xun 2023

O traballo en plataformas expresa certa indefensión das persoas traballadoras ante o avance do emprego flexíbel. Débese considerar unha culminación da economía neoliberal, lexitimada politicamente, arraigada en termos psicosociais, e por iso, a consecuencia racional da dinámica sistémica do modelo socioeconómico neocapitalista

 De que forma se destrúe a colectividade laboral e se disciplina o traballador? O artigo analiza a evolución do modelo de traballo que culminou no neoliberalismo: o traballo en plataformas como a forma máis sofisticada de precariedade e individualismo.

Introdución: o emprego como sistema

 Existe unha tendencia moi prolixa a dar unha explicación ao desenvolvemento e progreso do mercado laboral a través dunha óptica de análise económica. Deste xeito, coñecemos de maneira próxima e certeira algúns fenómenos de gran relevancia para comprender a evolución capitalista nas súas diferentes fases, como o xiro de eixo dunha economía baseada na oferta a unha baseada na demanda, que Rifkin sitúa como pedra angular para explicar a expansión da sociedade de consumo e todo o que iso implica. Ou unha aproximación á análise da flexibilidade laboral como a paradigma que de maneira cristalina expón as reviravoltas da precarización do emprego na economía globalizada.

 Porén, o noso ánimo é situar como eixo de análise a disciplina. Unha proposta sobre a que abunda a psicosocioloxía, tanto desde a psicoloxía social de carácter psicolóxico como sociolóxico, que permite comprender a interacción do mercado laboral e os traballadores, e o máis importante, que explica a intencionalidade do mercado laboral cara aos traballadores. Esta intencionalidade ten un carácter político, mais actúa a través dun rastro psicolóxico sen o que non existe posibilidade de comprender completamente este contexto. Nunca nos referiremos coa análise psicolóxica a un individual ou psicoloxicista, senón sempre a unha análise interactiva entre o suxeito (traballador ou traballadores en termos colectivos) e o obxecto (mercado laboral).

O pleno emprego como cuestión moral

 O paradigma keynesiano propón o traballo como epicentro da subsistencia no contexto capitalista posterior á Segunda Guerra Mundial. Enraíza unha proposta laboral liberal nas sociedades europeas, con gran repercusión e impacto, que parte de dúas premisas que a historia laboral amosa de difícil sostén: a primeira delas esgrime que o emprego capitalista dota de condición de cidadanía, e a segunda debuxa un horizonte posíbel de pleno emprego polo que pasa o que denominamos estado de benestar.

 A condición de cidadanía de Marshall emerxe como un novo status, que se constrúe sobre a capacidade de estabilidade e seguridade para o mantemento da convivencia. Perfílase nun paradigma liberal no que a estabilidade unicamente resulta viábel a través da propiedade, sendo esta inaccesíbel para as clases populares. De aquí emerxe a desigualdade estrutural capitalista, que asume que unha parte da poboación nin ten, nin terá posibilidade de acceder ás condicións materiais imprescindíbeis para posuír status de cidadanía. Enfrontamos un feito dificilmente compatíbel con nada semellante á paz social –concepto tamén manufacturado neste período–, motivo polo cal arraiga a paradigma keynesiano como proposta de acceso á cidadanía a través do emprego. A premisa básica impón comprender o traballo lonxe dun cuestionamento da posesión dos medios de produción, senón que o emprego exclusivamente é a vía de acceso á protección social. O traballo, non como un elemento colectivo de negociación para transcender o statu quo dunha contorna social, senón todo o contrario: como engarce efectivo no sistema social vixente permitindo a súa estabilización. O paradigma keynesiano non presenta, por iso, vocación directa de transformación do modelo de sociedade, en tanto que asume a noción de cidadanía liberal que superpón a propiedade sobre a simple existencia. Deste xeito, cidadanía e emprego equiparanse, e o non acceso ao emprego implica a expulsión do círculo social.

 Tratando de se aproximar ao elemento fundamental da proposta de cidadanía, diriamos que dota o suxeito de status de persoa. A persoa, seguindo as ideas de George H. Mead, defínese na interacción significante nun medio social, por tanto, precisa situar o suxeito nun contexto social que permita a súa interacción e transformación. Non dispor de emprego, non acceder á condición de cidadán, marca a delimitación entre a inclusión e a exclusión social, e con iso as posibilidades de interacción significante nun contexto determinado. O emprego asalariado na concepción liberal convértese, deste xeito, na propia definición de suxeito. Á súa vez, presenta un carácter disciplinante, xa que a ausencia de emprego voluntaria ou involuntaria non é asumíbel nin polo contexto social, nin pola propia persoa. Disciplinante, tamén, en canto a que baixo estas lóxicas é difícil estabelecer un cuestionamento do mercado laboral nas súas estruturas, xa que supón cuestionar e renunciar á condición de cidadanía que permite a estabilidade.

 A segunda premisa do paradigma keynesiano, ademais do acceso á cidadanía, medra sobre as lóxicas do pleno emprego. Nas sociedades liberais a noción de igualdade fundaméntase no alcance universal de dereitos civís, en primeiro lugar, pero tamén sobre a aspiración de paz social a través da estabilidade ou protección social. Sendo o emprego a única fonte posíbel de estabilidade, o paradigma hipotetiza que o pleno emprego é a condición para unha convivencia de máximos. Deste xeito, a convivencia nun escenario social está subordinada, en todo caso, ao interese económico, en tanto que unicamente é viábel un contexto social de convivencia que antes logre o fuste económico suficiente para se aproximar ao pleno emprego. No período posterior á Segunda Guerra Mundial a hipótese de pleno emprego parecía viábel, xa que a reconstrución de Europa tras o período bélico viño acompañada da capacidade produtiva suficiente. Con todo, o mantemento deste ritmo produtivo nun período menos convulso, como o do último cuarto do século XX, pasaba por xerar un ritmo de consumo cada vez maior. Así ten lugar o desenvolvemento da sociedade de consumo, e a estabilidade vinculada á noción de cidadanía incorporou rápido a capacidade de consumo como prioridade. A través do incremento do consumo e a necesidade de consumo, trátase de achegar folgura ao mercado produtivo para facelo tamén no mercado laboral. A crise do petróleo do 73 evidencia a quimera que se fraguaba, xerando as primeiras bolsas de desempregados do denominado estado do benestar. Para toda unha xeración aparece o fenómeno do desemprego, que abalou en tendencia crecente e de estabilidade –de cando en cando de descenso e nunca volvendo a datos próximos aos previos a este momento– até a actualidade. A hipótese do pleno emprego foi claramente refutada, e con ela cuestionado o modelo social keynesiano liberal. Porén, lonxe de renunciar á hipótese do pleno emprego no modelo socioeconómico, acódese a unha fuxida cara a adiante a través dunha reconceptualización do pleno emprego na que progresivamente abandona a condición de hipótese económica para obter a de horizonte moralmente desexábel.

 Esta viraxe discursiva medra a partir da semente do consumismo, que imprime unha nova definición de identidade social baseada no beneficio e interese individual. A sociedade de consumo articula unha relación construída na exclusión, a diferenza e a xerarquía, lonxe do recoñecemento mutuo como prole. A estabilidade segue sendo unha necesidade básica, pero xa non unha meta colectiva, senón unha conquista de carácter individual.

 Aparecen novos conceptos e ideas no estudo e comprensión do laboral. A noción de empregabilidade, como desenvolvemento individual e formativo que dota a persoa de atractivo ao mercado laboral, presenta un marco discursivo de natureza psicolóxica individual. A ausencia de emprego é un fracaso explicado na escasa dedicación ao cultivo da empregabilidade. Esta é a viraxe moral que sobrevén ao mundo laboral, e lexitimada na impregnación dun corpus conceptual de aparencia cientifista. Outro dos conceptos máis representativos sería o de competencia, como un construto tecido a partir de elementos de carácter técnico-formativo, de trazos de personalidade e de habilidades e destrezas sociais, que mide a relación entre a persoa e o mercado laboral. A avaliación de competencias nun mercado laboral competitivo reviste un carácter tan inespecífico e arbitrario que fai incuestionábeis as dinámicas laborais. Por iso é disciplinante e punitivo, e é xusto este motivo polo que a noción de competencia se incorpora a plans educativos e formativos de calquera nivel.

 A realidade laboral propia do contexto contemporáneo, a neoliberal, resulta intimamente psicolóxica e claramente moral. Representa a única culminación posíbel do proxecto keynesiano. Se se repetise mil veces, o resultado sería exactamente o mesmo en cada ocasión: o traballo como condición de cidadanía pon a vida ao servizo do desenvolvemento económico capitalista; a noción de pleno emprego, aínda que probadamente inalcanzábel, impón o acceso ao emprego como prioridade ao cuestionamento da estrutura económica que determina o mercado laboral, e por tanto dótaa de exixencia moral; a noción de emprego como un absoluto desconectado da conxuntura estrutural do sistema económico, impón unha reverberación de eco psicolóxico individual á posibilidade de acceder ao emprego ou non, e por iso unha criminalización tamén interna. Neste contexto, a precariedade non amosa un estado conxuntural ou transitorio ao mercado laboral, senón un elemento intrínseco e dificilmente eludíbel. Ademais, non existe gran marxe para o cuestionamento da precariedade, co que o percorrido do novo milenio no contexto laboral avanza no que podemos denominar enxeñaría da precariedade. Acha a súa expresión máis recente, e unha das máis feroces, no traballo tecnoloxicamente xestionado e organizado. Isto é, o traballo en plataformas e outros derivados da denominada gig economy.

O traballo en plataformas como disciplina

 A gig economy descansa sobre a idea de que o desenvolvemento tecnolóxico sempre representa un progreso social. Ao preguntarse que implica a súa noción de progreso, débese equiparar coa marxe de posibilidade para o desenvolvemento económico. A tecnoloxización dos intercambios mercantís representa unha ferramenta de enxeñaría, fiscal primeiro –observando como multinacionais operan desde paraísos fiscais para un alcance global–, e enxeñaría laboral, segundo, para que se mostren esquivas cos dereitos laborais fundamentais. Defendemos a premisa de que o traballo en plataformas como Glovo ou Uber, non só representa unha contorsión entre as regulacións legais do mercado laboral, senón que configura tamén, en termos psicosociais, unha forma de emprego cualitativamente diferente ás anteriores. Resulta pertinente afondar na súa análise, xa que as estimacións máis recentes sitúan o Estado español entre os países europeos con maior alcance para o traballo en plataformas, chegando a taxas do 18% segundo publicaba a Digital Future Society en 2020.

 A precariedade laboral, até o de agora, tendía a ser medida en termos do que consideramos como emprego atípico. A Organización Internacional do Traballo conceptualízao cunha aproximación difusa concretada naquelas formas de emprego diferentes ás culturalmente desexábeis e/ou estabelecidas. O paradigma keynesiano presenta actualmente un arraigamento máis cultural que material, co que as formas desexábeis de emprego na maioría dos países da UE se comprenden como estábel ou indefinido, en xornada laboral completa, e permitindo uns ingresos suficientes para un mantemento de vida digna. Este achegamento á precariedade laboral centrábase, polo tanto, en formas de emprego regulares e reguladas, observando se as condicións contractuais obxectivábeis cumprían ou non esta serie de requisitos. O traballo en plataformas rompe esta roda, en tanto que ten pouco que ver co mercado laboral regulado. A falta de probar a efectividade da denominada Lei Rider, o seu impacto polo de agora é relativo; calquera persoa estaba, ou está, en disposición de traballar como falso autónomo nestes espazos que abranguen cada vez un maior número de actividades. Resulta rechamante que a Unión Europea lexitimase o emprego en plataformas reiteradamente: “as plataformas colaborativas permiten aos individuos, xunto a outros actores como os microemprendedores e pequenos negocios, ofrecer servizos. Iso crea novo emprego, modalidades flexíbeis de traballo e posibilidades de xerar ingresos”. A Organización Internacional do Traballo tamén foi sorprendentemente permisiva con eles. Este tipo de empresas tamén acharon certo fervor entre a poboación de menos recursos, fronte á imposición de que calquera emprego é preferíbel ao desemprego; e entre os consumidores neoliberais, a comodidade individual disfrazada de proceso tecnolóxico imponse sobre calquera conciencia relacionada ao impacto colectivo asociado a estas ferramentas mercantís. Este tipo de emprego caracteristicamente desregulado non representa unha anomalía, repetimos de novo, senón a tendencia lóxica dun proceso evolutivo.

 No marco da investigación en cuestións laborais, o pretendido neste caso, as ferramentas de delimitación do emprego precario que acabamos de amosar carecen de sentido ningún. Evidentemente o traballo en plataformas impón unha forma de explotación, pero analizando os trazos do emprego atípico resulta imposíbel definir o cambio cualitativo que impón o modelo laboral en plataformas. Retomando a idea inicial deste texto, para tal fin cremos útil unha análise das dinámicas de disciplina.

 Denominamos este paradigma como tecnodisciplina do traballo, caracterizada como unha forma de limitación dos dereitos laborais a través dunha relación laboral ordenada nun medio dixital, e non en interaccións entre persoas. Cómpre atender polo menos a catro elementos: unha lexitimación do emprego flexíbel, os tempos laborais laxos, a ilusión de liberdade e o denominado algorithmic management.

 O primeiro dos elementos ten a ver coa lexitimación da flexibilidade laboral como principal resultado da hipótese moral do pleno emprego. Ante a incapacidade de cuestionar as lóxicas económicas e estruturas do mercado laboral, a única posibilidade foi dotar de elasticidade o mercado de traballo por medio dunha ecuación que permita a introdución de maior número de persoas ao emprego á conta das garantías que a esfera laboral proporciona. A calidade do emprego dilúese baixo a imposición moral de que máis persoas traballen, por medio da democratización do risco económico ou empresarial. A flexibilidade conecta directamente o emprego coas demandas do momentum económico a través da entrada e saída de persoas do mercado laboral. Este modelo, avalado de novo polos organismos da Unión Europea como unha ferramenta viábel para responder á complexidade da economía globalizada, supón alterar a condición de asalariado sendo, xa non o contexto empresarial quen asume o risco económico da actividade, senón a persoa que intercambia a súa forza de traballo. O proceso ten lugar unicamente nunha dirección punitiva: o retroceso económico da empresa na que a persoa traballa supón a perda de emprego ou redución de ingresos, mentres que en caso de bonanza económica o seu status non tende a verse alterado. Esta dinámica común a calquera forma de actividade laboral neoliberal, nas plataformas dixitais, ante a ausencia de regulación do traballo, funciona en tempo real. As demandas de servizo rexistradas correlaciónanse directamente coa dedicación laboral de quen opera nestes espazos.

 Este último aspecto conecta directamente coa segunda característica: a relación directa cos clientes. Esta relación non se delimita á demanda do servizo que se preste, senón que expresa unha relación que avalía o desempeño e viabilidade laboral da persoa. A través do proceso tecnolóxico ten lugar unha monitorización perpetua da actividade da persoa que traballa, que determina a súa posibilidade e ritmo de traballo posterior. Rompe coas dinámicas disciplinarias de avaliación periódica e/ou cualificada que tería un supervisor nunha empresa convencional, xa que o cliente que avalía o servizo prestado non está a valorar a actividade ou organización da empresa que opera, senón da persoa –o traballador– que desempeña directamente a actividade. O nivel de tensión e incontrolabilidade para a persoa que traballa alcanza termos insostíbeis. Porén, este particular afróntase nas plataformas dixitais a través da diseminación dun discurso de liberdade individual en termos neoliberais, que traslada aos traballadores unha ilusión de autodeterminación sobre a súa tarefa. Trátase dunha ilusión de liberdade, xa que a monitorización constante á que se someten non permite nada semellante ao control de tempos, ritmos ou modos de desenvolver o traballo, pero xera, así e todo, un importante sentido de responsabilidade. Responsabilidade en tanto que a viabilidade e éxito da actividade desenvolvida recae directamente sobre a persoa que a práctica. Co cal, e comprendido desde a teoría da psicopolítica neoliberal, estas miraxes de liberdade representan un discurso de autonomía e elección nun contexto estrutural difícil de manipular. Ademais, en tanto que existe esa sensación de liberdade discursiva, a estrutura tórnase incuestionábel. Poderíase metaforizar nun labirinto que non ten saída: existe a capacidade de elixir en calquera bifurcación, pero ningunha elección levará a finalizar o crebacabezas.

 A ilusión de liberdade articúlase, á súa vez, coa imposición de dispoñibilidade e o ordenamento temporal desta forma de traballo. Os sistemas de valoración de desempeño a través da monitorización constante impoñen sobre a persoa que traballa nestes contextos dixitais a maior dedicación que sexa posíbel para non perder o status laboral. Co cal, o tempo de dedicación a esta tarefa está, primeiro, lonxe de ser flexíbel ou adaptábel ás necesidades da persoa, e, segundo, solapa os espazos temporais de emprego e vida persoal.

 Cabe a posibilidade de achar a maioría das características descritas noutros modos de emprego de relación máis tradicional, sendo o feito definitorio dos empregos en plataformas o que denominamos como algorithmic management (xestión organizacional baseada en algoritmos), que presentan as investigacións de Duffy na Universidade de Cornell. As persoas empregadas neste marco non estabelecen unha relación de dependencia no traballo respecto doutras persoas, senón respecto dun algoritmo opaco. Calquera posibilidade de negociación colectiva desaparece entre o establecemento de marcos de relacións individuais plataforma-traballador, e a ausencia dun interlocutor humano de contacto directo.

 O traballo en plataformas expresa certa indefensión das persoas traballadoras ante o avance do emprego flexíbel. Débese considerar unha culminación da economía neoliberal, lexitimada politicamente, arraigada en termos psicosociais, e por iso, a consecuencia racional da dinámica sistémica do modelo socioeconómico neocapitalista.

 

[Artigo tirado do sitio web El Viejo Topo, xuño de 2023]