A Subdelegación remitiralle un informe ao Goberno para evidenciar o apoio social ao indulto para Carlos e Serafín
A responsábel da Subdelegación do Goberno en Pontevedra comprometeuse hoxe cos secretarios/a comarcais da CIG, CCOO e UGT de Vigo a remitirlle un informe ao Executivo central no que se recollan as numerosas mostras de apoio, tanto social como institucional, á concesión do indulto a Carlos Rivas e Serafín Rodríguez.
O anuncio da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana María Ortiz, tivo lugar durante a entrevista mantida hoxe no organismo estatal a petición das tres centrais para abordar a situación dos dous traballadores vigueses condenados a tres anos de cadea pola súa participación na folga provincial do transporte en 2008.
No encontro, os esponsábeis sindicais denunciaron o calvario que supón para esta dúas persoas estar pendentes do ingreso en prisión dende hai anos mentres agardan a que se resolva a súa petición de indulto.
A reunión produciuse despois da protesta celebrada o pasado día 11 diante da Subdelegación precisamente para reclamarlle ao organismo estatal que respostase á petición de xuntanza formulada dous meses antes.
As protestas continuarán
Segundo explica o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, a subdelegada trasladoulles que non pode solicitar o indulto porque o organismo que representa fai parte do Goberno, e a concesión deste tipo de medidas de graza é competencia do propio Goberno. “O que si pode facer, e así nolo comunicou, é enviarlle un informe ao Executivo central repasando tanto o conflito laboral polo que foron condenados como as numerosas mostras de apoio, tanto social como institucional, á reclamación do indulto”.
Neste senso, Gonçalves lembrou que neste tempo desenvolvéronse numerosas concentracións mensuais e varias manifestacións en solidariedade cos afectados, recolléronse sinaturas e apoio e aprobáronse por unanimidade mocións reclamando o indulto no Concello de Vigo, na Deputación de Pontevedra e no Parlamento galego. Finalmente, adiantou que os tres sindicatos continuarán coas mobilizacións até lograr que se lles conceda unha medida de graza “que é de xustiza”.