A suba nas nóminas do 0,5% non cobre a perda do 2,7% de poder adquisitivo do persoal docente nos dous últimos anos

A suba do IPC destes dous anos sitúase no 9,2% polo que o incremento salarial do profesorado está por baixo da carestía da vida
Nacional - 01 Dec 2023

Na nómina do mes de novembro o profesorado pode ver como a súa nómina se incrementa nun 0,5%, incorporando os atrasos desde xaneiro de 2023. Con esta suba, o incremento salarial no sector público queda neste ano no 3%. A CIG lamenta que o pacto de CCOO e UGT co goberno central, para a administración pública, non chegue nin ao 4% que se está aplicando como media en Galiza na empresa privada e que esas mesmas centrais propoñen xunto coa patronal española.

A suba, que forma parte do “pacto de perdas” plurianual asinado por CCOO e UGT co Goberno español, consolida novamente a perda de poder adquisitivo dos empregados e empregadas públicas ao formar parte dun “compromiso á baixa” destes sindicatos que asumiron que para que se puidese dar esta suba o IPC harmonizado de 2022 e 2023 tería que superar o 6%, ou o que é o mesmo,pactaron subir por debaixo do que se incrementou o custe da vida.

Cos último datos do IPC interanual oficiais coñecidos (mes de outubro), a suba do IPC destes dous anos sitúase no 9,2% (5,7% do ano 2022 e 3,5% provisional do ano 2023), o que implica unha perda do 2,7% no noso poder de compra.

Sen contar todos os recortes que levamos sufrido desde a anterior crise de 2010, a CIG critica que o pacto “de perdas” dos sindicatos estatais consolide que os salarios do profesorado suban por debaixo da carestía da vida.

 

Unha mestra con 12 anos de servizo vai cobrar na nómina de novembro polos atrasos de 2023 un total de 145,73€. Se se aplicase a CLÁUSULA DE REVISIÓN SALARIALque propuxo a CIG (isto é, subir nunha paga adicional o diferencial entre o cobrado e a suba do IPC) esta mesma mestra tería que cobrar 801,88€. Isto é, o pacto salarial faille perder a esta mestra 656,15€.

Un PES con 30 anos de servizo tería que cobrar 1.076 euros, é dicir, 879,82 euros máis do que vén de percibir.

Os salarios no sector público galego medran por debaixo da suba no sector privado este ano tanto a nivel estatal como galego, situado no 4%.

A suba, imposta a nivel do Estado, está por baixo da suba salarial media que existe en Galiza neste 2023, que se sitúa nos diferentes convenios colectivos nunha media do 4%, o que se debe en boa parte á presión exercida pola CIG como sindicato maioritario no país, sendo a maior suba porcentual en todo o Estado. Isto implica que os e as empregadas públicas galegas teñen unha suba inferior á media da empresa privada.

Tamén chama a atención que os mesmos sindicatos que aceptaron que os nosos salarios quedasen por debaixo do IPC asinaron, tamén a nivel estatal, un acordo confederal coa patronal, para subir os soldos no 2023 un 4%. É dicir, coa patronal española asinaron “recomendar” na negociación colectiva un incremento maior que o que asinaron na administración pública.

A alternativa da CIG foi clara e rotunda na negociación. Propuxemos unha suba do 5% anual en 2022, 2023 e 2024 coa incorporación dunha cláusula de revisión salarial. Isto é, se o IPC non chegaba a eses díxitos garantíase esa suba para recuperar unha parte do que nos recortaron desde 2010 e, se o IPC subía por riba do pactado,aplicaríase esa revisión salarial cunha paga a finais de ano que, igualando o IPC interanual, permitiría que os nosos salarios non se depreciasen.