A S.S. reitera a negativa a garantir asistencia sanitaria gratuíta a retornados/as de Suíza malia a xustiza dicir o contrario
O Colectivo de xubilados e xubiladas da CIG dirixiuse, a principios do mes de xuño, ao Consello Xeral do INSS e máis ás catro direccións provinciais para demandar a urxente restitución da asistencia sanitaria gratuíta aos e ás emigrantes retornados/as que cobran pensión de Suíza e o reintegro da totalidade do importe por eles satisfeito indebidamente por mor da subscrición do convenio especial para esta cobertura. Unha prima mensual de 87€ para poder ser atendidos/as nas súas necesidades médicas e farmacéuticas.
Porén, o Ministerio de Emprego e Seguridade Social vén de reiterar a súa negativa a garantir a asistencia sanitaria gratuíta. Unha resposta diante da que o Colectivo de Xubilados/as da CIG lembra que todas as sentenzas xudiciais danlles a razón ás/aos demandantes excluídos deste dereito e que á mesma conclusión chegou tamén a Defensora do Pobo na súa categórica resolución do 9 de xullo de 2014, en resposta a unha queixa sobre esta cuestión.
Nesta resolución a Defensora do Pobo subliñaba a necesidade de “restablecer o dereito á asistencia sanitaria con cargo ao Sistema Nacional de Saúde” a todos e todas as preceptoras de pensións da Seguridade Social suíza residentes no Estado español aos que se lles comunicou a perda da súa condicións de beneficiarios/as, ao resultarlles de aplicación o artigo 3 do RD 1192/2011, de 3 de agosto, polo que se regula a condición de asegurado e de beneficiario, por non ter a consideración de persoas aseguradas en Suíza e carecer de cobertura sanitaria obrigatoria obrigatoria por outra vía.
O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG asegura ademais que o INSS ignora “sistemática e obstinadamente, o dereito comunitario” porque o Acordo sobre a libre circulación de persoas entre a Comunidade Europea e os seus Estados membros, por unha banda, e a Confederación Suíza, pola outra, regulamenta a afiliación obrigatoria ao réxime de enfermidades suízo en catro supostos, en ningún dos cales están os nosos emigrantes retornados dese país”.
A isto engaden que o INSS tamén ignora a Lei Federal Suíza do Seguro de Enfermidade, que no seu artigo terceiro indica que deben estar obrigatoriamente incluídos neste seguro tan só persoas que teñen a súa residencia en Suíza.