“A solución, Ricardo readmisión”
A sección sindical da CIG en Prosegur mobilizouse este venres diante da sede de Inditex en Arteixo para reclamar a reincorporación dun compañeiro que levaba máis de 20 anos prestado servizo de seguridade privada no centro hípico Casas Novas (propiedade de Amancio Ortega).
Ao traballador, xefe de equipo, comunicóuselle que ía ser trasladado de centro sen ningún motivo xustificado. A decisión, advirte a representación da CIG, prodúcese despois de ser nomeada unha nova directora de Casas Novas, á que responsabilizan de pedir que se cambiara ao persoal de seguridade "por puro capricho".
Neste senso, subliñan que non se poden vulnerar os dereitos laborais nin modificar as condicións de traballo polo desexo arbitrario dunha persoa e rexeitan a actitude "ditatorial" da nova directora.
Fronte a isto, reclaman que Prosegur sente negociar a reincorporación do compañeiro no posto no que leva máis de 20 anos ou a recolocación nun centro que non lle supoña un claro prexuízo nas súas condicións laborais.
Tamén responsabilizan a Inditex (titular do contrato de seguridade) de consentir esta actuación arbitraria e reclámanlle que respecte os dereitos laborais porque “somos profesionais que cumprimos coas nosas tarefas de xeito estrito, non somos móbeis que se podan mover dun lado para outro a capricho dunha persoa”.
De non mediar solución, as protestas diante da sede de Inditex continuarán os dous próximos venres.