A situación do persoal do Junior´s é desesperada con impagos de até 5 meses
Nestes momentos, explican dende a CIG-Ensino, os/as 21 traballadores/as do colexio privado Junior´s (Santiago de Compostela) acumulan impagamentos de salarios que nos casos máis graves chegan até os 5 meses e incluso nalgún caso o persoal descubriu que non estaba contratados/as nin cotizando á Seguridade Social.
A situación no colexio Junior´s segue sendo “lamentábel” e lonxe de ter visos de solución está máis enquistada que a comezos de curso, explican dende a CIG-Ensino. Así, acumúlanse os impagamentos até os 5 meses e mesmo hai persoas que descubriron que non están dadas de alta na Seguridade Social despois de comezar a traballar en setembro. Moitas das persoas que se incorporaron este ano non recibiron copia do contrato e tampouco cobraron.
O responsábel comarcal da CIG-Ensino, Rubén F. Monteagudo, afirma que tanto os/as docentes como o resto de persoal "están desesperados/as" e que isto se reflicte na escasa matrícula que ten o centro, con arredor de 40 alumnos/as nestes momentos.
Desde a central sindical xa se iniciaron as medidas xurídicas oportunas, coas primeiras reclamacións e dándolle traslado á Inspección de Traballo da situación, "após fracasar a vía do diálogo e da negociación co seu xerente e propietario, Diego Rosales Galiñanes".