A sexta xornada de folga no metal coruñés consolídase e rexistra un seguimento maior que as anteriores
A folga no sector da siderometalurxia coruñesa para reclamar un convenio colectivo provincial digno non deixa de consolidarse xornada tras xornada. Neste sexto día de paro o seguimento foi aínda maior que nos celebrados anteriormente, polo que os principais polígonos industriais e empresas permaneceron sen actividade. A Coruña e Santiago Celebráronse acolleron concorridas manifestacións, mentres que no caso de Ferrol un piquete moi numeroso percorreu as rúas.
Dende a CIG-Industria valoran moi positivamente a nova xornada de folga convocada conxuntamente con CCOO e UGT a prol dun convenio provincial digno no sector do metal. Nesta ocasión, os piquetes informativos desprazáronse tamén até o polígono de Bértoa, en Carballo, onde as empresas pecharon e moitos/as traballadores/as optaron por unirse ao grupo. Tamén na cidade da Coruña, o paro tivo un impacto case total, cos polígonos da Grela e Pocomaco sen actividade.
Así o evidenciou a manifestación que arrincou da Praza de Pontevedra ao mediodía, seguramente a máis numerosa de cantas se celebraron dende o inicio das convocatorias de folga. A marcha, na que participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, rematou diante da Confederación de Empresarios/as.
No caso de Santiago, o seguimento do paro foi tamén practicamente do 100%, co polígono con todas as empresas do polígono do Tambre pechadas. Urovesa, unha das principais compañías da comarca, tampouco traballou, ao igual que Macoga, en Ordes. A manifestación de Santiago, que partiu ás 12.30 horas do polígono do Tambre e rematou na rúa do Vilar, foi tamén moi concorrida.
Por último, a folga acadou un amplo seguimento en Ferrolterra, coas principais empresas da comarca pechadas. Un numeroso piquete informativo percorreu as rúas para constatar a escasa actividade que se rexistrou nos polígonos máis importantes. As centrais teñen convocada unha nova xornada de paro no sector do metal na provincia para o vindeiro xoves 27 de xullo.