A sentenza do TSXG confirma a mala fe e a nula vontade de Alcoa por continuar coa actividade industrial en San Cibrao
A CIG acolle con enorme satisfacción a decisión do TSXG de declarar a nulidade do ERE de Alcoa, desbaratando así os plans de despedimento e parada das cubas da multinacional. A sentenza confirma que a nulidade debía ser o resultado final deste proceso debido á mala fe amosada pola empresa durante todo o período de negociacións, como consecuencia da interpretación máis regresiva da reforma laboral.
Pero esta resolución tamén evidencia a necesidade de que o Goberno español e a Xunta de Galiza actúen de forma decidida no camiño de apartar a Alcoa da xestión da fábrica como única garantía real da continuidade industrial e do mantemento de todos os postos de traballo.
"Tal e como se reflicte na sentenza do TSXG, Alcoa ten tomada unha decisión e non quere que se siga producindo aluminio primario na Mariña. Por iso, é preciso iniciar xa o proceso para a intervención pública e impedir deste xeito que a empresa poida levar adiante o seu plan de desmantelamento pola vía dos feitos consumados", asevera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
Neste senso, reitera que canto máis demoren os Gobernos nesa necesaria expropiación "máis corresponsábeis serán das decisións que poida adoptar Alcoa".
Enorme capacidade de loita
Así mesmo, CIG quere pór en valor a enorme capacidade de loita e resistencia dos traballadores e das traballadoras da fábrica de San Cibrao e do conxunto da comarca, que está mobilizándose sen descanso dende que Alcoa anunciou que ía presentar o ERE. Chegar até este punto non sería posíbel sen este tremendo esforzo colectivo.