A Seguridade Social vulnera a intimidade de miles de mulleres

O sistema de comunicación das novas baixas por menstruacións incapacitantes permite que as empresas saiban a causa da IT
Nacional - 19 Xan 2024

Desde a entrada en vigor, no mes de xuño de 2023, das novas baixas por menstruacións incapacitantes e interrupción do embarazo –procesos polos que só pasan mulleres– estableceuse un sistema de comunicación destas continxencias que permite que as empresas saiban a causa da IT. Unha información confidencial que non se proporciona se tes unha gripe, un problema dixestivo ou unha fractura. Por iso a CIG presentou, o pasado mes de decembro, unha denuncia diante da Axencia de Protección de Datos por vulneración da intimidade de miles de mulleres.

O sindicato tivo coñecemento desta circunstancia a través dunha compañeira afectada, afiliada da central sindical, que descubriu que tanto na súa empresa, como na xestoría coa que traballa tiñan coñecemento de que viña de pasar por un aborto. Unha situación xa de por si dolorosa e estigmatizadora que deixou a esta traballadora sorprendida, indignada e moi afectada. 

A central sindical presentou denuncia ante a Axencia Española de Protección de Datos e nos organismos de representación do INSS

Esta vulneración da normativa de protección de datos e do dereito á intimidade da traballadora prodúcese tras das modificacións introducidas pola Lei Orgánica 1/2023 no relativo a saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo. Modificacións a raíz das que o INSS emitiu, en maio de 2023, unha instrución con respecto ao sistema FIE, de comunicación de continxencias ás empresas, nas que se recollían estas novas situacións especiais, cada unha delas identificada cun código.

A partir desa instrución, cada vez que unha muller traballadora pasa por un deses procesos, á súa empresa chega un parte da Seguridade Social que especifica o código correspondente á “situación especial”, o que significa que tanto na empresa como na xestoría que lle realiza os trámites e tamén na mutua correspondente, teñen coñecemento do motivo da Incapacidade Temporal.

Reclamación patrimonial

Para a CIG isto é “inadmisíbel, gravísimo e atenta contra todos os dereitos humanos”, en concreto, tal e como denuncia Nicolasa Castro, secretaria das Mulleres, “contra os dereitos das mulleres”. Unha situación que entende que “non se pode consentir”.

Por iso o sindicato presentou denuncia ante a Axencia Española de Protección de Datos e nos organismos de representación do INSS exixindo que se modifique esta situación e deixe de expoñerse deste xeito ás mulleres. Porque, como afirmou a secretaria de Organización, Susana Méndez, se trata dunha “gravísima vulneración do dereito á intimidade revelando datos sensíbeis de saúde” que, a esta altura, pode afectar xa a miles de mulleres. Vulneración que considera “dobremente grave e absolutamente intolerábel” cando quen o fai é unha Administración Pública, polo que anima a todas as compañeiras afectadas a presentar reclamación patrimonial.