A segunda xornada de folga en ENCE cun seguimento do 100% mantén a fábrica parada

O persoal de oficinas asume as teses da empresa e hoxe entrou a traballar
Pontevedra - 11 Nov 2025

A segunda xornada das 12 convocadas polo comité de empresa da fábrica de ENCE en Pontevedra para rexeitar o despedimento de 39 persoas traballadoras tivo, ao igual que o pasado sábado, un seguimento total, mantendo a produción paralizada. O persoal de oficinas, pola súa banda, emitiu onte un comunicado asumindo o “plan de competitividade” da compañía -que contempla a perda de 24 empregos a maiores nese departamento- e hoxe presentouse a traballar, accedendo pola porta de atrás por indicación da Policía para evitar a presenza dos piquetes informativos que dende primeira hora se concentraron diante das instalacións de Lourizán.

No comunicado o comité de empresa do persoal de oficinas centrais, presidido por CCOO, carga contra a representación sindical da fábrica (integrado por CCOO, CIG e UGT) por ter convocada uns paros <<cuya consecuencia técnica ha sido la parada de la fábrica durante el resto del mes de noviembre>> e traslada a <<indignación>> do persoal forestal e de oficinas ante a situación <<a la que nos hemos visto arrastrados, por la empresa al no permitir negociar dicho plan por centros de trabajo, y por el comité de la Biofábrica de Pontevedra al negarse a sentarse a negociar la propuesta de la empresa>>.

O texto xustifica a proposta e ENCE atendendo á <<situación económica que atraviesa el sector de la pasta y celulosa en Europa y las previsiones a futuro del mismo>>, o que tería obrigado a dirección a propoñer un “plan de competividade” co que, entre outras medidas, <<mediante prejubilaciones y bajas incentivadas, se pudiese reducir el número de trabajadores en plantilla de manera consensuada y no traumática>>.

Fronte a todo este ruído, a CIG-Industria segue a insistir na necesidade de que a Xunta, a través das Consellarías de Presidencia, Industria ou Emprego, se implique na busca de alternativas que garantan o mantemento de todos os postos de traballo, permitindo pechar o ciclo produtivo para evitar o carácter especulativo da actividade da pasteira. De feito, trasladoulle unha proposta ao comité da fábrica para que rexistre unha solicitude formal dirixida aos responsábeis autonómicos.