A Secretaría das Mulleres da CIG súmase á conmemoración do Día de Rosalía de Castro
Voceira das sen voz, transgresora feminista na sombra, reducida polo patriarcado a unha escritora melancólica, e á que se lle debe o recoñecemento como a primeira feminista da nación galega e unha pioneira na literatura do noso país do novo paradigma literario feminino, pola súa defensa do idioma, un referente no que mirarnos.
A Secretaría das Mulleres subliña que debemos recuperar a voz dunha muller silenciada durante séculos polos mesmos que hoxe atacan os dereitos das mulleres, porque, como diría Pilar G. Negro, “recoñecela como precursora do feminismo en Galiza supón confirmar que somos un pobo con historia propia e que foi unha muller a que inaugurou esta historia”.
Rosalía foi pioneira no espertar da conciencia de xénero, visionaria, heterodoxa, independente e aínda hoxe revolucionaria.
É difícil facer unha escolla dunha soa frase, mais consideramos que o manifesto feminista Lieders, escrito en 1858, contén moitas citas que serven por si mesmas para facer unha homenaxe a Rosalía. A elixida pola Secretaría das Mulleres para decorar os taboleiros sindicais é: “Só cantos de independencia e liberdade balbuciron os meus labios, aínda que arredor sentise, desde o berce xa, o ruído das cadeas que debían aprisionarme para sempre, porque o patrimonio da muller son os grillóns da escravitude”.
Animámosvos a festexar o Día de Rosalía. A ler e espallar o seu legado. Todas somos Rosalía!