A Secretaría das Mulleres súmase á conmemoración do Día de Rosalía de Castro
Con motivo da conmemoración do 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, data na que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove desde 2010 accións dirixidas a espallar o legado da autora, a Secretaría das Mulleres da CIG súmase un ano máis a esta conmemoración, facendo un chamamento á toda a sociedade galega a difundir o seu legado.
Voceira das sen voz, transgresora feminista na sombra, reducida polo patriarcado a unha escritora melancólica, debémoslle o recoñecemento como a primeira feminista da nación galega.
Desde a Secretaría das Mulleres da CIG subliñan que debemos recuperar a voz dunha muller silenciada durante séculos polos mesmos que hoxe atacan os dereitos das mulleres, porque, como diría Pilar G. Negro, “recoñecela como precursora do feminismo en Galiza supón confirmar que somos un pobo con historia propia e que foi unha muller a que inaugurou esta historia”.
A súa imaxe foi escollida pola Secretaría das Mulleres para o deseño das camisetas que, con motivo da Folga de Mulleres do 8 de marzo se están a distribuír polas comarcas do país, aproveitando as asembleas de traballadoras.
Unha muller pioneira no espertar da conciencia de xénero
Rosalía foi pioneira no espertar da conciencia de xénero, visionaria, heterodoxa, independente e aínda hoxe revolucionaria. Debemos lembrar as denuncias de Rosalía de Castro, plenamente vixentes na actualidade, cando falaba do sexismo, da cousificación das mulleres, do individualismo egoísta, da dependencia da Galiza a respeito do Estado, da súa crítica profunda da burguesía como clase social ascendente e do seu arsenal de novas imposicións e dogmas, hoxe asentada en demasiadas instancias de poder, culpábeis en moitos casos, das discriminacións e da precariedade que sufrimos as mulleres da clase traballadora.
Animámosvos a festexar o Día de Rosalía. A ler e espallar o seu legado.