A Secretaría das Mulleres da CIG súmase á conmemoración do Día de Rosalía de Castro

A central destaca a súa figura como referente feminista da nación galega e anima a ler, compartir e reivindicar a súa obra
Nacional - 23 Feb 2026

O 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, vólvese poñer no centro unha voz do noso pobo sobre a que se popularizou unha imaxe que invisibiliza a Rosalía que incomoda. Desde 2010, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) impulsa nesta data accións para espallar o legado rosaliano, e a Secretaría das Mulleres da CIG súmase, un ano máis, a esta conmemoración chamando a toda a sociedade galega a ler, compartir e reivindicar a súa obra.

Porque Rosalía non é só unha figura para a postal, para unha camisola, nin unha poeta romántica, tampouco un nome para a homenaxe ritual. Durante demasiado tempo fabricouse arredor dela unha imaxe  edulcorada e inofensiva: unha Rosalía reducida á melancolía, ao intimismo e á morriña pasiva, unha especie de caricatura útil para que o seu pensamento non moleste. Nesa operación construíuse unha poeta e se tapou o esencial. Rosalía era muller e escribiu con lucidez e valentía, desde esa condición e contra esa condición imposta.

Rosalía foi unha librepensadora que abriu camiño, que rachou co que se esperaba dunha muller e que fixo da palabra unha ferramenta de denuncia

Por iso reivindicámola como voz das sen voz e como un referente feminista da nación galega. Rosalía foi unha librepensadora que abriu camiño, que rachou co que se esperaba dunha muller e que fixo da palabra unha ferramenta de denuncia.

É preciso recuperar a súa verdade, desmontar a lenda e devolver a voz á súa radicalidade e á súa transgresión. Desde a Secretaría das Mulleres da CIG insistimos en que rescatar esa Rosalía real é tamén confrontar os mesmos poderes que hoxe volven atacar os dereitos das mulleres e da clase traballadora. E, como diría Pilar G. Negro, “recoñecela como precursora do feminismo en Galiza supón confirmar que somos un pobo con historia propia e que foi unha muller a que inaugurou esta historia”.

Tamén por iso a súa imaxe foi escollida pola Secretaría das Mulleres da CIG,  porque a memoria non é decoración, é organización; e a cultura, cando é verdade, é combate.

Rosalía foi pioneira no espertar da conciencia de xénero e segue a ser revolucionaria hoxe. A súa obra denuncia o sexismo e a cousificación das mulleres, o individualismo egoísta, as terríbeis condicións das mulleres traballadoras e tamén a dependencia de Galiza respecto do Estado; e contén unha crítica fonda da burguesía como clase social ascendente e do seu arsenal de dogmas e imposicións, hoxe presentes en demasiadas instancias de poder. Ese mesmo poder que a invoca como símbolo emotivo e identitario, mentres mantén descoñecida ou neutralizada boa parte da súa palabra.

Por todo isto, animamos a festexar o Día de Rosalía: a lela e espallar o seu legado, pero facéndoo sen filtros, nin tópicos, coa mirada posta nas discriminacións e na precariedade que debuxa e que seguimos a padecer as mulleres traballadoras galegas, porque a súa palabra continúa sendo un facho para organizar a esperanza e a loita.