A Secretaría das Mulleres retrúcalle a Rajoy: xa vai sendo hora de que o seu goberno "se meta niso" de combater a fenda salarial
A Secretaría das Mulleres da CIG considera vergoñento que o presidente Goberno español, Mariano Rajoy, manifeste que o seu Executivo "nin se debe meter" e que "non é da súa competencia" a promoción de medidas para lograr a equiparación salarial entre homes e mulleres. Parafraseando as palabras de Rajoy, a secretaria confederal das Mulleres, Margarida Corral, sinálalle que "os gobernantes deben ser moi cautos á hora de saber cales son as súas obrigas" e non botar balóns fóra sobre unha problemática "que debería ser do seu coñecemento e da súa responsabilidade".
Así, lémbralle que a igualdade salarial é un dereito amparado pola Constitución española, que no artigo 14 proclama que non pode prevalecer discriminación algunha por razón de sexo; pola Lei Orgánica 3/2007 para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes; polo Estatuto das Traballadoras e Traballadores; e por numerosa normativa estatal e europea, incluída a Carta dos Dereitos Fundamentais da UE.
Dende a Secretaría das Mulleres explícase a Mario Rajoy que se ben fenda salarial e discriminación salarial son dous conceptos diferentes, a existencia de diferenzas permanentes nas retribucións entre homes e mulleres reflicte unha realidade que hai que combater: que no mercado laboral persisten as discriminacións por razón de sexo.
A este respecto non hai máis que comprobar os últimos datos da Axencia Tributaria: no ano 2016 o salario medio anual dos homes en Galiza acadou os 20.243 euros mentres que o das mulleres só chegou aos 15.730 euros, é dicir, 4.513 euros menos, o que supón unha fenda salarial do 23%. Esta disparidade dáse en todos os sectores económicos e en todas as franxas de idade e canto maiores son as retribucións medias máis se acrecenta a distancia entre o que cobran homes e mulleres.
"As mulleres seguimos cobramos menos e facémolo aínda ocupando o mesmo posto e responsabilidade que un home. Que o presidente do Goberno español obvie unha realidade que as centrais sindicais levamos anos denunciando é unha irresponsabilidade manifesta e demostra a hipocrisía dos gobernos do PP cando conmemoran datas como a do 8 de Marzo", denuncia Corral.
Sobran razóns para a folga de mulleres do 8 de Marzo
Por iso, afirma que sobran as razóns para ir á folga de mulleres que a CIG convocará en Galiza o vindeiro 8 de marzo, facendo parte dunha iniciativa que se desenvolverá en máis de 50 países. "É preciso dar un paso adiante e poñer de relevo as situacións de discriminación que padecemos as mulleres, invisibilizadas e negadas mesmo por quen debería ter a obriga de velar polos nosos dereitos".
Precisamente, estas semanas a CIG está a celebrar asembleas de delegada e afiliadas en todas as comarcas para dar a coñecer e debater sobre a convocatoria da folga de mulleres. Este martes realizáronse asembleas nos locais sindicais da CIG de Vigo e de Compostela, a onde pertencen as imaxes que acompañan esta nova.