A CIG denuncia o fomento da mercantilización do corpo das mulleres na axenda para estudantes da USC
Na axenda para estudantes da USC do ano 2017 aparece unha publicidade da Unidade de Reprodución Asistida do Rosaleda, na que aparece unha muller vestida de super heroína e o lema “Tes un superpoder, axudar a outra muller a ser nai. Úsao, doa os teus óvulos”. Baixo o eufemismo da doazón agóchase a discriminación de xénero, dado que non é o mesmo doar esperma que doar óvulos, e tamén unha discriminación de clase, xa que a meirande parte de mulleres que aceptan o procedemento fano por motivos económicos.
E non é casual que se faga a publicidade nunha axenda universitaria, xa que é un estupendo nicho de mercado para a industria da biotecnoloxía, máis co incremento dos prezos das matrículas universitarias e os custes derivados do curso escolar.
Non debemos esquecer que o Estado español é un dos destinos preferidos para miles de mulleres europeas (por diante de outros como Creta, Kiev, Eslovenia, Romanía e incluso India) que demandan técnicas de reprodución asistida prohibidas ou difíciles de obter nos seus países.
Tampouco é casualidade que se centre a publicidade en aspectos tan simbólicos como a xenerosidade, sinalando as doantes como mulleres que van facer posíbel a outras mulleres seren nais, un tipo de altruísmo que non se apela no caso dos homes.
Certo é que estamos a falar de procedementos ben diferentes en canto as consecuencias das intervencións. Mentres que no caso do esperma os homes non precisan someterse a ningún tipo de tratamento, no caso dos óvulos a doante ten que someterse a varias probas invasivas e mesmo dolorosas, para as cales non soen administrar anestesia, tan só analxesia posterior.
Sométese á muller a unha hiperestimulación ovárica mediante un tratamento hormonal (que pode provocar innumerábeis efectos secundarios como náuseas, vertixe, quistes ováricos, problemas de visión, etc.) que terá que administrarse diariamente a través de inxeccións, someténdose a un férreo control médico durante todo o proceso (ecografías, análises de sangue, etc) e que finalizará coa extracción dos óvulos inserindo unha agulla aspiradora pola vaxina até extraer o óvulo mediante unha punción no ovario.
Para este procedemento si se aplica anestesia, co consecuente risco para a doante. En definitiva, non é un proceso inocuo para a muller. E ademais dos riscos do presente, pode supor nun futuro unha redución da vida fértil da muller ou provocarlle unha menopausia precoz.
A doazón de óvulos está prohibida en países da Unión Europea como Alemaña, Austria, Suíza ou Italia, e é considerada un procedemento perigoso para a saúde das doantes en Dinamarca e Suecia, onde só se permite empregar gametos sobrantes de pacientes que se sometan a unha fecundación in vitro por necesidades propias.
Desde a CIG unímonos ás voces críticas como a de Inma Alonso, quen interveu na sesión do xoves do Claustro Universitario da USC en representación do colectivo estudantil Erguer- Estudantes da Galiza, denunciando que nunha universidade pública se fomente publicidade relacionada coa mercantilización dos corpos das mulleres.