A Secretaría das Mulleres da CIG reclama dereitos laborais plenos para as traballadoras do fogar
O Real Decreto-Lei para a mellora das condicións de traballo e de Seguridade Social para persoas traballadoras como empregadas do fogar, publicado no BOE o pasado xoves 8 de setembro, non contempla a igualdade de dereitos laborais deste colectivo de traballadoras. Así o considera a Secretaría das Mulleres da CIG para a que este Decreto é unha resposta, aínda que insuficiente, á que está obrigado o goberno español pola sentenza do Tribunal de Xustiza da UE de febreiro deste ano.
A secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro lembra que a sentenza do TXUE consideraba discriminatoria a negativa do dereito de prestación por desemprego a unha traballadora do fogar e declaraba que a desprotección da lexislación española era un claro caso de discriminación indirecta por razón de sexo, ao afectar a un colectivo formado case exclusivamente por mulleres.
Recoñécese neste RD o dereito á prestación por desemprego “mais comezará a xerarse a partir do próximo mes de outubro”, matiza Castro. Deste xeito, denuncia, “non contempla a necesaria retroactividade para dar cobertura ás mulleres que están neste momento en activo, leven o tempo que leven de alta na Seguridade Social”. E conclúe, polo tanto, considerando que este Decreto “non é conforme coa sentenza do tribunal europeo, que ditamina o cumprimento efectivo do dereito neste momento”.
Postergado o dereito á seguridade e saúde no traballo
Polo que se refire ao dereito á seguridade e saúde no traballo, postérgase a elaboración dun cadro de enfermidades profesionais, co que a secretaria das Mulleres da CIG entende que “é unha mera declaración de intencións a abordaxe desta problemática”. Ademais, advirte, “seguirase mantendo a discriminación destas traballadoras en caso de incapacidade permanente, pois até dentro de 5 anos ficarán desprotexidas”.
Se ben se obriga a formalizar contrato e aboar as correspondentes cotizacións aínda que o tempo de traballo mensual sexa inferior ás 60 horas, séguese mantendo a facilidade para o despedimento ao se contemplar entre os motivos a “perda de confianza”. Ao mesmo tempo, denuncia Castro, “continuará sendo barato despedir, ao manterse a indemnización de 12 días por ano, fronte aos 20 do resto das persoas traballadoras”.
Outra cuestión importante que fica sen regular é a situación das traballadoras “internas”, cando son precisamente as que sofren unhas condicións de vulnerabilidade maior. Do mesmo xeito, “mentres continúe sen atenderse por parte do goberno a regularización das migrantes, ficará unha parte moi numerosa de traballadoras do fogar sen normalizar a súa situación laboral”, denuncia.
Por último, a secretaría das Mulleres da CIG pon en cuestión a “falta de transparencia” na elaboración dunha norma que atinxe a un colectivo tan numeroso e ao que se di valorar como fundamental para o funcionamento da sociedade, piar do benestar nunha sociedade tan carente de recursos públicos para atender os coidados. “Preguntámonos por que se optou polo método do Decreto evitando o debate político da tramitación dunha lei e por que non se contou coas asociacións de traballadoras do fogar, coas organizacións sindicais”, apunta Nicolasa Castro.
Ante as flagrantes carencias do que se pretende vender como solución á discriminación das traballadora do fogar, “insistiremos en demandar dereitos laborais plenos, o seu paso ao réxime xeral da Seguridade Social e o dereito á negociación colectiva”, conclúe.