A secretaría das Mulleres da CIG comeza a conta atrás para a folga xeral de mulleres do 8 de marzo
Preto de 250 delegadas sindicais participaron este mércores no III Encontro Nacional de Mulleres convocado pola Secretaría das Mulleres da CIG. Unha xornada de debate na que se abordou o acoso laboral por razón de sexo e o acoso sexual; os protocolos de actuación nas empresas, a actuación sindical e os pasos a seguir, ademais do formato da convocatoria da folga xeral de mulleres prevista para o vindeiro 8 de marzo. A media mañá as asistentes concentráronse diante do edificio do Cersia co lema arredor do que a central sindical desenvolve este ano o do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres: “Violencia: nin na rúa, nin no traballo, nin na casa”.
Folga xeral de mulleres
“Para nós este 25 de novembro comeza unha conta atrás que culminará o 8 de marzo coa convocatoria dunha folga xeral de mulleres en Galiza” explicou a secretaria das mulleres da CIG, Margarida Corral. Unha convocatoria que, lembrou, foi impulsada por organizacións feministas de distintos países do mundo e que, no caso galego foi acordada no Encontro nacional da Marcha Mundial das Mulleres, da que a CIG fai parte, que tivo lugar o pasado mes de outubro.
Corral subliñou que o obxectivo desta convocatoria é “rexeitar, de xeito activo, todos os tipos de agresións contra as mulleres, non só ante a violencia física, o acoso laboral e sexual e os feminicidios, senón ante a resposta que moitas administracións dominadas polo patriarcado dan a estas agresións, e contra a permanente explotación laboral, a precariedade e a fenda salarial que padecemos as mulleres”.
Por iso fixo un chamamento a que ese día as mulleres non acudan ao seu traballo remunerado, mais tamén que se absteñan de asistir ás clases, de realizar traballos domésticos ou de coidado e a realizar un boicot permanente ás empresas con políticas misóxinas.
A secretaria das mulleres da CIG lembrou que o ano pasado a convocatoria foi de paros parciais, de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 23:00 horas, co obxecto de garantir que as traballadoras asalariadas de todas as quendas tiveran cobertura.
Diante disto, o debate de cara ao 8 de marzo será definir o tipo de mobilizacións a convocar en cada comarca ben con concentracións, ben con manifestacións. Accións nas que se implicará e participará toda a central sindical, tal e como acordou xa o Secretariado.
Violencia machista
No decurso da concentración Margarida Corral denunciou que os esforzos por combater a violencia machista se centren nas vítimas e non en quen exerce a violencia e insistiu na necesidade de que para previla “hai que tratar de evitala en orixe, eliminando as súas causas estruturais, promovendo relacións de igualdade e respecto desde a infancia”.
Denunciou ademais a “violencia institucional que destilan as campañas de organismos que deberan velar pola igualdade e non pola cousificación das mulleres” e, en concreto, a campaña da Xunta de Galiza con motivo deste 25 de novembro. “Pasamos de ser os piares da sociedade en anos anteriores, ao máis grande de Galiza”, dixo. Xunto a isto considerou que “non nos consideran suxeitos do noso propio destino, trátannos como obxectos que hai que protexer, como patrimonio do país, do mesmo xeito que a catedral de Santiago”.
Lembrou ademais que todo isto ocorre mentres o Observatorio contra a Violencia de Xénero do Poder Xudicial achegou datos do 2015 que alertan de que Galiza rexistrou a taxa máis alta do estado español de asasinatos de mulleres a mans das súas parellas, alén da advertencia de que cada día as mulleres asasinadas son máis novas.
Violencia: nin na rúa, nin no traballo, nin na casa
Sinalou que estas cuestións son as que centran a campaña arredor da que se desenvolve, este ano, a campaña da CIG en conmemoración do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres e salientou en concreto “a necesidade de actuar en diferentes eidos: no educativo, no sanitario, no policial e xudicial, así como no eido laboral”.
Corral reclamou ademais “medios, investimento público e unha vontade real para mudar a situación” e exixiu dirixirse aos agresores e non ás vítimas.
Xunto a isto fixo un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas para o propio 25 de Novembro pola Marcha Mundial das Mulleres.
En Ourense, ás 19 horas diante do CC Ponte Vella
En Vigo ás 20 horas dende a Farola de Urzáiz
Na Coruña, ás 19 horas no Obelisco
En Compostela, ás 20 hroas dende a praza 8 de marzo
En Ferrolterra, ás 18 horas diante do polideportivo de San Valentín en Fene
En Arzúa, ás 19:30 horas diante da entrada principal do Multiusos
Abordaxe do acoso
No encontro abordáronse ademais os distintos tipos de acoso aos que se enfrontan as mulleres nos lugares de traballo e fíxose unha posta en común da resposta da CIG ante eles e dos pasos a seguir. Ademais analizáronse varias sentenzas que se considerou que se debían ter en conta e puxéronse en común modelos de protocolos negociados e aplicados en empresas.
Respecto dos pasos a dar ante unha situación de acoso salientouse como primeiro recadar toda a información e probas posíbeis que deben ordenarse cronoloxicamente, ademais de aportar testemuñas se están dispostas a comparecer como tal.
De inmediato, notificar os feitos á empresa a través da representación sindical que presentará un escrito solicitando a apertura do protocolo de acoso, se existe, do que sempre hai que gardar copia.
Parello a isto, realizar a pertinente denuncia administrativa, a través da Inspección de Traballo; xudicial, en función dos danos e prexuízos causados, ou mediante a vía contencioso-administrativa, no caso das empregadas públicas.
A Inspección de Traballo deberá exixir as correspondentes responsabilidades administrativas á patronal por condutas contrarias á dignidade do seu persoal cometidas no ámbito da organización e dirección.
No caso da Xurisdición do Social, esta recoñecerá o dereito da traballadora ás indemnizacións correspondentes.
Ademais a vítima deberá pór en coñecemento ao persoal do centro de saúde que está a sufrir acoso laboral, co obxecto de que acredite a necesidade de pasar a unha situación de incapacidade temporal.
Con todo subliñouse que no acoso laboral teñen que confluír catro elementos: hostigamento, persecución ou violencia psicolóxica contra a persoa, carácter intenso da violencia psicolóxica, prolongación no tempo –agás no caso de acoso sexual, que non ten por que tratarse dunha conduta prolongada- e que teña como finalidade danar psicolóxica ou moralmente á traballadora para marxinala do seu entorno laboral.
Modelo de denuncia. Protocolo
No caso de existir un Protocolo hai que solicitar a súa apertura. A este respecto, a secretaria das Mulleres da CIG, lembrou que todas as empresas “teñen a obriga de adoptar medidas dirixidas a evitar o acoso e actuar diante dunha denuncia”. Porén, matizou que “en moitos casos os protocolos son unha mera declaración de intencións e non serven como procedemento de investigación”.
Corral afirmou ademais que “o acoso é unha infracción moi grave” que pode dar lugar a sancións administrativas contra acosador e empresa. Ademais, no caso de acoso sexual e por razón de sexo, a Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade entre mulleres e homes recolle a necesidade de que existan plans de igualdade para as empresas de máis de 250 traballadoras/es e a obriga de todas, independentemente do número de traballadoras/es, a ter, cando menos, un protocolo ou uns procedementos específicos para previr o acoso.