A Secretaría das Mulleres da CIG chama aos homes a sinalar as agresións machistas “como un acto repugnante que hai que erradicar”

Convoca o XIV Encontro Nacional de delegadas con posterior manifestación, o propio 25N en Pontevedra, e chama a participar nas mobilizacións da MMM desa data
Nacional - 18 Nov 2024

A Secretaría das Mulleres da CIG presentou esta mañá a campaña arredor da que xirará a súa campaña do 25 de Novembro, “Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres”. Unha campaña que pon o foco no agresor e que interpela aos homes para que rexeiten as agresións dos seus compañeiros e que culminará, o propio 25 de Novembro, cun Encontro Nacional de Mulleres da CIG e unha manifestación, ás 12:00 horas, en Pontevedra, para exixir a erradicación de toda forma de violencia machista.

Castro lamentou que lonxe de erradicarse, cada vez se interpoñen máis denuncias por violencia machista e aumenta o número de casos tanto de feminicidios como de agresións sexuais. Isto tendo en conta que mesmo se sabe que “a maior parte das agresións sexuais fican, por desgraza, sen denunciar”.

Xunto a isto, chamou a atención sobre a falta de datos oficiais actualizados sobre as violencias que se producen no ámbito laboral. Lembrou que a última macroenquisa na que se aborda esta cuestión en toda a Unión Europea data do ano 2019 e apuntou que, en todo caso, os datos tirados daquela confirmaban que o 17% das agresións sexuais suceden no ámbito do traballo e que “case a metade das mulleres maiores de 16 anos declaran que en algún momento da súa vida se sentiron acosadas”.

“Hai agresións, porque hai agresores”

Explicou que, por iso, este ano a Secretaría das Mulleres da CIG deulle un xiro á campaña interpelando aos homes, porque “se hai agresións é porque hai agresores”. Unha campaña na que se demanda dos homes que non comungan con este tipo de condutas “a súa maior implicación, para non consentir que nos círculos de relación entre iguais, nos círculos de relación entre homes, se consinta ou non se sinale como agresión machista, como un acto repugnante que hai que erradicar”.

Chamou a “construír novas masculinidades”, rompendo coa “masculinidade hexemónica tradicional”, entendendo que “sen facer este cambio, vai ser inevitable que sigan indo en aumento as agresións contra as mulleres”.

E xunto aos agresores puxo o foco tamén nas empresas consentidoras porque “non contan con protocolo de acoso ou contra as violencias”. Unha eiva intolerable que desde a secretaría das Mulleres se intenta suplir proporcionando formación a delegados e delegadas para que saiban como actuar nestes casos.

Unha situación diante da que avanzou que a CIG seguirá loitando para que os protocolos que existen se poñan en funcionamento e que “non se minimicen os casos de agresión nas empresas”, convidando aos delegados e delegadas da central sindical a denunciar na Inspección de Traballo.

Nicolasa Castro reclamou ademais formación en igualdade na programación do sistema educativo. “Gustaríanos que formase parte da preocupación das administracións proporcionar esa formación a quen puideren entrar en contacto con persoas vulnerables, con persoas que poden estar padecendo de maneira brutal este tipo de agresións”.

Hipocrisía da Xunta de Galiza

Denunciou, por iso, “a hipocrisía” da Xunta de Galiza e a modo de exemplo lembrou que “mentres fan campañas pola erradicación da violencia, logo non contan con protocolos de acoso dirixidos ás docentes, ao persoal da Consellería de Educación, que nin sequera ten un plan de igualdade”. Máis cando está a piques de se facer un ano desde a constitución da primeira mesa negociadora.

Do mesmo xeito denunciou a hipocrisía de “rebaixar o rango das políticas de igualdade ao cargarse a Secretaría de Igualdade e ao compartimentar igualdade e violencia machista en dous organismos diferenciados: a Dirección Xeral contra a Violencia e a Dirección Xeral pola Igualdade”.

Xornada de mobilizacións

Segundo avanzou, o 25N a CIG celebrará o XIV Encontro de Delegadas nas dependencias da Biblioteca Municipal de Pontevedra na que, entre outras cuestións, o Gabinete Técnico Confederal ofrecerá unha palestra sobre identificación e actuación ante as violencias no traballo. Un evento que rematará cunha manifestación, ás 12:00 horas, desde alí até a Praza da Peregrina.

Nicolasa Castro concluíu facendo un chamamento a participar tamén das mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres de Galiza, da que a CIG fai parte, que están previstas xa na Coruña, Compostela, Porriño, Laxe, Ponteceso, Cee, Ourense e, no caso da comarca de Ferrol, nesta ocasión en Fene. Chamou, ademais, a sumarse, alí onde non haxa convocatoria da MMM, ás mobilizacións que convoque o movemento feminista galego.