A secretaría da muller da CIG-Vigo convoca unha nova edición de formación en igualdade

Os obradoiros comezarán o 19 de setembro e abordan empoderamento, igualdade e violencia de xénero
Vigo - 13 Set 2018

A edición de 2018 da formación en igualdade que organiza a secretaría da muller da CIG de Vigo constará de cinco obradoiros agrupados sobre o título “Empoderamento das mulleres. Promoción da Igualdade. Ferramentas para previr a violencia de xénero” e require de inscrición previa. Desde o departamento convidan a participar nas mesmas, incidindo na formación como mecanismo fundamental de cara a erradicar as desigualdades e eliminar os estereotipos e as violencias machistas.

A finalidade desta actividade, segundo indican, é a da concienciación social sobre a importancia da igualdade real, analizando a contorna, así como indicar pautas para detectar as desigualdades e combatelas “para que todas e todos formemos parte activa na promoción da igualdade real”.

Destacan, ademais, o forte compromiso da CIG-Comarca de Vigo cunha acción formativa en igualdade que nos últimos anos deu “moi bos resultados”, e que contempla alén dos obradoiros a formación continua mediante o clube de lectura feminista.

Para anotarse nas xornadas é preciso chamar ao 986 817 900 ou enviar un correo a empoderamentodasmulleres2018@gmail.com.

PROGRAMA:

"O uso dunha linguaxe inclusiva"

19/09/2018 (10:00 a 13:00 hs)

A linguaxe focaliza no masculino invisibilizando o 52% da poboación. Neste obradoiro traballaremos como mellorar a nosa comunicación desde un enfoque non sexista. A lingua non é sexista, pero si o é o uso que dela facemos. Faremos exercicios prácticos para facilitar o uso dunha linguaxe inclusiva.

"Os roles de xénero"

03/10/2018 (10:00 a 13:00 hs)

Desde a nosa infancia as persoas somos socializadas en base ao xénero que se nos asigna. Neste obradoiro analizaremos con visión crítica a natureza e as influencias dos roles de xénero impostos nas nosas vidas cotiás. Teremos unha parte práctica na propia aula e un exercicio no exterior.

"Como erradicar os micromachismos"

10/10/2018 (10:00 a 13:00 hs)

Na sociedade actual as formas perceptibles de machismo comezan a ser denunciadas, mentres que as máis subtís ou imperceptibles son dificilmente detectables. Neste obradoiro traballaremos os mecanismos para detectar e eliminar os chamados micromachismos facendo exercicios prácticos entre todas e todos.

"Xestión emocional, autoestima"

07/11/2018 (10:00 a 13:00 hs)

Cando se fala de igualdade, sempre se focaliza a atención na sociedade, pero non na loita interna que debemos enfrontar as mulleres para empoderarnos. Neste obradoiro traballaremos o autocoñecemento e as estratexias que podemos seguir para mellorar o noso autoconcepto. Faremos exercicios prácticos.

"A violencia de xénero centrada no traballo sindical"

14/11/2018 (10:00 a 13:00 hs)

Daremos as ferramentas precisas para detectar as diferentes formas de violencia e pautas para a súa prevención. Fortaleceremos as mulleres para que prioricen sobre as colectividades, único xeito de loitar dunha forma contundente contra as desigualdades do patriarcado. Faremos exercicios prácticos.

A formación en igualdade 2018 a realizar pola Secretaría da Muller da CIG-Comarca de Vigo conta co apoio da Concellaría de Igualdade do Concello de Vigo.