A Secretaría da Muller da CIG-Vigo pecha a formación en igualdade cun Encontro entre Mulleres e Palabras
A Secretaría da Muller da CIG de Vigo puxo fin a unha nova edición do programa de formación en igualdade cun Encontro entre Mulleres e Palabras que tivo lugar esta fin de semana na residencia de ocio e tempo libre de Patos, en Nigrán. Na iniciativa participaron recoñecidas autoras dentro da escrita, tanto no eido da poesía como da narrativa.
“Durante esta fin de semana aportamos as nosas sabidurías individuais para enriquecer as nosas sabidurías colectivas através das palabras”. Así define Rosa Chantada, secretaria da Muller da CIG-Vigo o encontro celebrado en Nigrán no marco do programa de formación en igualdade. Unha iniciativa destinada a lograr o empoderamento das mulleres mediante as palabras na que participaron recoñecidas autoras como María Reimóndez, Rosa Martínez, An Alfaya, Marta Dacosta, Su Garrido Pombo, Dolores Ruíz, Susana Sanchez Aríns, Eva Mejuto ou Cruz Martínez.
Segundo explican dende a Secretaría da Muller da CIG de Vigo, foron dous días de convivencia entre mulleres ocupando un espazo físico a carón do mar, fortalecendo as conexións con mulleres afíns, ofrecendo os coñecementos individuais para favorecer os coñecementos colectivos. “Usamos as palabras non so como exercicio práctico, se non que as usamos para canalizar diferentes vías de comunicación entre nós para lograr unhas miradas máis creativas, máis solidarias, máis conscientes e consideradas co noso contorno e coas súas xentes”.
Os obradoiros, de hora e media de duración, incorporaron as ferramentas relacionadas coa palabra para buscar a voz das mulleres ou para visibilizar as voces caladas. “As autoras foron as dinamizadoras das actividades enfocadas ao crecemento persoal, ao goce e ao descubrimento das asistentes; conseguimos o empoderamento polo medio das palabras”.
Nesta liña, indican que a participación en grupo axuda a rachar co illamento, a restablecer relacións de calidade, a formar parte dun colectivo, “a afrontar as mudanzas necesarias para empoderarnos e conquerir as ferramentas precisas para acadar a igualdade real, pois esta só será posible reforzando a coherencia entre os nosos sentimentos, as nosas accións e, por suposto, as nosas palabras, pois con elas construímos o noso pensamento”.
Formación en igualdade
O programa de formación en igualdade 2017, que unha vez máis se celebrou coa colaboración da Concellería de Igualdade de Vigo, celebrouse nesta ocasión baixo o lema 'Empoderamento das palabras' e constou de catro obradoiros e dun Encontro entre Mulleres e Palabras, onde se compartiron experiencias e actividades con autoras recoñecidas dentro da escrita, tanto no eido da poesía como da narrativa.
O obxectivo é usar as palabras coma unha ferramenta para o empoderamento. “Ademais, nos diferentes obradoiros puidemos coñecer a autoras como María Reimondez, Ledicia Costas, Eva Mejuto, An Alfaya, Dolores Ruíz, Rosa Martínez, Marta Dacosta, Cruz Martínez, Berta Davila, Susana Arins, Eli Ríos ou Su Garrido Pombo”.