Voto en contra da RPT do Concello de Lugo, que non conta con informes de Intervención e Persoal
A Sección Sindical da CIG votou en contra da RPT do Concello de Lugo aprobada no día de onte cos votos favorábeis de CCOO, CSIF, UGT e USTG. A decisión vén dada por distintos factores como a falta de informes de Intervención e Persoal ou non estabelecer o Valor Punto. Aspectos que a Sección Sindical entende poden determinar a ilegalidade do acordo.
Dende a Sección Sindical critican mesmo as formas nas que se desenvolveu o proceso, xa que o documento definitivo foille entregado á representación da CIG 15 minutos antes da reunión da Mesa Xeral de Negociación.
A este respecto, Fernando Fernández, delegado da CIG no Concello, subliña que a aprobación dun documento de tales características -que afecta a un cadro de persoal de arredor de 760 traballadores e traballadoras- precisa dun estudo pormenorizado e rigoroso "que é imposíbel facer en 15 minutos. Entendemos que non facelo así sería un acto de irresponsabilidade nas nosas funcións como representantes do persoal".
Outra das razóns para o voto negativo está relacionado co feito de que este documento non inclúa informes de Intervención e Persoal, "que nós entendemos que deben de ser perceptivos nunha relación de Postos de Traballo dun Concello".
Falta o Valor Punto
Xunto a isto, explican que o documento aprobado "nin tan sequera esta pechado, toda vez que no mesmo non aparece por escrito o Valor Punto", un factor determinante para estabelecer as contías contributivas dos postos de traballo. "Resulta absolutamente sorprendente que se poida aprobar o documento sen estabelecer o mesmo. A respecto deste asunto, o Concelleiro Delegado de Persoal tan só anunciou que o Valor Punto podería ser de 54,50, comprometéndose a traballar para que este fora máis alto".
A representación da CIG xa adiantou que avaliará xuridicamente a validez deste acordo, ao entender que a falla de informes de Intervención e Persoal así como non estabelecer o Valor Punto "poden ser aspectos que determinen a ilegalidade do acordo aprobado".
Por outra banda, a Sección Sindical amosa a súa sorpresa pola rapidez para aprobar a RPT, cando dende as centrais sindicais e o persoal do Concello se estivo reclamando que era preciso máis tempo para a elaboración da mesma.