
A sección sindical da CIG rexeita as presións do Concello de Cambre para que o persoal cese as mobilizacións

As traballadoras e os traballadores do Concello de Cambre continuaron esta mañá coas mobilizacións para reclamar que se atendan as demandas laborais e mellorar o funcionamento da administración local. A convocatoria desta mobilización fora aprobada pola maioría da asemblea de persoal, que acordou proseguir co calendario de protestas mentres non haxa un acordo asinado.
Por iso, a representación da CIG quere manifestar o seu malestar co correo electrónico remitido polo Goberno local a todo o persoal municipal xusto antes de realizarse a concentración, fixada para ás 09:20h, no que se acusa á CIG e a CCOO de falta de vontade negociadora e se utiliza esta acusación como escusa para suspender as medidas acadadas no día de onte entre a representación social e o Goberno.
A CIG lembra que esta concentración estaba convocada antes de que o Concello convocara a mesa de negociación e no decurso da xuntanza informouse ao Goberno municipal que a protesta se ía desenvolver tal e como estaba previsto, "xa que era un mandato da asemblea. Dende o Concello trasladaron que comprendían os motivos, polo que resulta sorprendente o contido e o ton da comunicación enviada esta mañá a todo o persoal, na que ademais se pretende presentar a uns sindicatos como ‘bos’ e a outros como ‘malos’", critican.

“Nunca se viu que nun conflito laboral os traballadores e traballadoras teñan que abandonar as mobilizacións polo simple feito de iniciarse conversacións. Temos dereitos sindicais e non se pode coartar desta maneira sinalando a representación legal como responsábel de que o ‘goberno se vexa obrigado a suspender todas as medidas e iniciativas que estaba empezando a levar a cabo’”, rexeita a representación da CIG.
E matiza que esta decisión está tomada de maneira unilateral polo Goberno municipal, pero faino sinalando e culpando ás e aos representantes sindicais, cando son precisamente quen levan anos loitando polos dereitos do persoal e pola prestación duns servizos de calidade ás veciñas e veciños de Cambre. “A estratexia de ‘separa e vencerás’, sinalando a uns como culpables e a outros como os que están facendo o correcto parécenos fóra de lugar”.
A respecto do tratado na reunión de onte, acordouse iniciar negociacións sobre a carreira profesional (cuestión que xa se tiña iniciado co Goberno anterior) e se negociou sobre un acordo para a recuperación do horario de 35 horas semanais.
Reiteran que nesta negociación houbo boa vontade por todas as partes e os sindicatos sinalados agora polo equipo de Goberno achegaron temas importantes para que o acordo fose efectivo para todos os colectivos. Tamén se preguntou por os outros asuntos pendentes mais o concelleiro alegou falta de tempo para poder revisalos.
A representación da CIG agarda que o Concello recapacite e cese neste tipo de medidas de presións que non axudan a avanzar na resolución dos problemas que o persoal municipal leva tanto tempo denunciando. E insiste en que as reivindicacións son de carácter laboral, non político nin un ataque persoal. “Só estamos loitando polos nosos dereitos”.