A sección sindical da CIG presenta denuncia na Fiscalía polas fraudes de lei na provisión de postos do Concello da Coruña
A sección sindical da CIG no Concello da Coruña vén de rexistrar unha denuncia diante da Fiscalía para que investigue toda unha serie de actuacións feitas polo Goberno municipal na provisión de postos que a central nacionalista considera claros fraudes de lei. A representación da CIG entregou ao Fiscal Xefe da Coruña un dossier no que se describen toda unha serie de situacións irregulares nos nomeamentos e motivacións das comisións de servizo que entende poderían ser constitutivas de delito.
A decisión de acudir á Fiscalía adóptase tras anos de presentar (e gañar) denuncias no Contencioso-Administrativo e reclamar de maneira infrutuosa o cumprimento da legalidade en materia de cobertura de postos. A este respecto, a sección sindical subliña que está cansa da forma na que o concelleiro responsábel de Persoal, José Manuel Lage Tuñas, executa as sentenzas do Contencioso, "de como mangonea todo en canto ás provisións de postos e de como castiga a quen se lle pon por diante".
A cuestión dos tempos, das urxencias e da falta de transparencia
Lembran que o actual Goberno chegou a María Pita en 2019 cunha sentenza sobre 150 comisión de servizo pendente de executar (e que obriga ao cese destas comisións). No lugar de executala, "Lage Tuñas dedicouse a enmarañar a provisión de postos sobre unha situación xa complicada de por si".
En marzo de 2021, a CIG tivo coñecemento de que existía unha instrución interna (3/2020) "que deixaba aberto calquera nomeamento ao criterio do xefe de quenda" e a través da que se pretendía darlle unha aparencia de legalidade a este procedemento. "Foi a coartada perfecta para darlle un impulso as novas comisións de servizo", critican.
Sentenzas do Contencioso
- En abril de 2022 a sentenza do contencioso administrativo nº 4 (0218/2021) declara non conforme tres nomeamentos en comisión de servizo, porque non houbo transparencia.
- En maio de 2022 o TSXG (sentenza nº: 246/2021) anula unha CS ante a falta de motivación en canto á URXENCIA.
- En outubro de 2022, a CIG denuncia en vía administrativa dous asuntos que non foron contestados polo Goberno Municipal:
- A paralización dos concursos específicos dende abril de 2019 dos postos da máxima responsabilidade para persoal funcionario (case 20 xefaturas de servizo). Estes procesos xa tiñan pechado o prazo de presentación de instancias e a non execución provocou situacións tales como que algunha das persoas non puideran ver resolto o proceso por recente xubilación ou mesmo que moitos postos rematasen sendo ocupados en comisións de servizo por persoal que non fixo a solicitude para participar no momento da súa convocatoria (hai xa catro anos).
- A existencia de comisións de servizo que superan o tempo máximo legalmente establecido (dous anos) e sen concurso á vista.
Ante o silencio do Grupo Municipal, a sección sindical da CIG tramitou ambas denuncias no Contencioso-Administrativo en abril de 2023.
As complicidades necesarias
A sección sindical advirte que o concelleiro non pode asinar resolucións "sen a necesaria colaboración de distintos responsábeis (o 99% destas persoas están en situación de comisión de servizo renovada cando se considera... ou non, xa que tamén houbo castigos durante este tempo)". Estes colaboradores necesarios, apuntan, "son quen avalaron todos os procesos opacos (como afirma a sentenza 00058/2022 do Xulgado do Contencioso nº 4) e que deron lugar a un dos maiores empobrecementos en materia de provisión de postos dende que existe a RPT no Concello da Coruña (2008), con máis de 200 comisións de servizo no seu haber, con procesos paralizados sine die e outros sen data programada".