A Sección Sindical da CIG no HULA manifesta o “desacordo absoluto” cun novo peche de camas durante o verán
Isto suporá, segundo explica a Sección Sindical da CIG, que no próximo verán haberá días no que permanezan pechadas un total de 102 camas, ás que habería que sumar todas as que nunca chegaron a abrir (68) ou ás que fican inoperativas (34).
“Evidentemente Uroloxía este ano non pecha porque xa se encargou o anterior Xerente, o Sr. Quintáns, de borrala definitivamente da lista de servizos con planta propia, co cal lle deixou o traballo feito ao noso Xerente actual”, denuncian nun comunicado.
Repetir esta política de peche no período estival “fai quedar a Lugo sen un importante número de camas durante todo o verán. Certo é que a actividade ordinaria por estas datas baixa, pero tamén é certo que nunca se tentou organizar o traballo de modo que se puidera facer máis rendíbel este hospital durante todo o ano”, censuran.
Neste senso, lamentan que doentes de distintas especialidades continúen mesturados/as, co persoal baixo mínimos e sen coberturas, “coma sempre”. “É bastante desesperanzador que o feito de ter mellores infraestruturas, máis avances tecnolóxicos, melloras evidentes nas técnicas médicas e persoal máis formado, non conduza a mellorar a prevención, tratamento e asistencia á poboación”..
A Sección Sindical da CIG considera que mentres a sanidade pública non funcione de cara aos doentes, axilizando as listas de espera, resolvendo o máis rapidamente posíbel os seus problemas de saúde; “é dicir, mentres non se poñan os recursos a traballar ao seu máximo rendemento para asistir e mellorar as condicións de vida da poboación, non está xustificado ningún peche de camas”.
Por iso, engaden, aos/ás doentes “non lle importa se a súa prioridade para a administración sanitaria é 2, 3 ou seguintes; se a súa atención se considera normal ou preferente; o que lle importa é que lle resolvan un problema de saúde o antes posíbel, e isto non acontece así neste momento”.