A sección sindical da CIG no Concello de Fene pide a dimisión da responsábel de Facenda
A sección sindical da CIG do Concello de Fene vén de demandar a dimisión da concelleira de Facenda, Rocío Bértoa, e o seu relevo como voceira do grupo municipal do PP. A petición chega tras das "graves actuacións" que se veñen producindo na externalización dalgúns servizos e que a representación da central sindical entende poderían ser causa e obxecto "de responsabilidades non só administrativas, senón tamén penais".
Dende a sección sindical denuncian que hai traballadores/as do Concello que son relevados dos seus postos por persoas alleas ao cadro de persoal municipal sen ningunha cobertura legal. Este persoal é subministrado por unha empresa coa que, advirten, "non consta ningún contrato de prestación de servizos, negociado ou figura xurídica que poida xustificar que non nos encontremos ante un suposto de cesión ilegal e indiscriminada de traballadores/as".
A este respecto, lamentan que non se fixera ningunha valoración previa dos recursos humanos existentes na administración local, e subliñan que aínda que toda estrutura organizativa é susceptíbel de mellora, "iso non xustifica que se poida acudir a vías alternativas que leven a situacións legalmente cuestionábeis".
Como consecuencia de todo isto, a sección sindical da CIG alerta que se están a tomar decisións arbitrarias, "co conseguinte abuso e desviación de poder por parte de determinados/as concelleiros/as". Deste xeito, continúan, "créase unha 'administración paralela' permanente, basicamente no sector servizos, sen ningunha cobertura legal, instalándose unha sistema de organización que, de non poñerlle freo, podería levar ao favorecemento de corruptelas".
Chamadas ao diálogo sen resposta
A pesar das reiteradas e constantes chamadas ao diálogo que a sección sindical trasladou ao grupo de goberno municipal, "sempre recibimos a negativa por resposta, ou o que é peor, o menosprezo por parte da voceira do PP, Rocío Bértoa".
Por estes motivos, a sección sindical considera que esta persoa "non reúne os requisitos axeitados para ostentar os cargos que representa". Critican a "soberbia e a prepotencia" coa que a actúa e anímana a "reflexionar", "aprender a debater" e a preparar e informarse adecuadamente sobre aquelas cuestións que son da súa responsabilidade, deixando a un lado a crispación.
Petición na xestión dos servizos
Ante a situación xerada, a sección sindical da CIG demanda ademais que se respecte o dereito fundamental dos traballadores e traballadoras á liberdade sindical; e que a xestión dos servizos se faga a través de contratos de servizos, que se realizarán en casos de urxencia e necesidade, que deberán estar suficientemente motivados -ben na providencia de comezo ou na memoria xustificativa do contrato-, e aos que só se deberá recorrer cando quede constancia clara de que o Concello con conta cos medios humanos e materiais suficientes para a realización das prestacións que se pretenden contratar.